O seguimento en tempo real da erupción de Cumbre Vieja, en La Palma, está a achegar moita información e coñecemento para comprender mellor este tipo de fenómenos naturais e, deste xeito, anticiparse e adaptarse a eles. Un dos científicos que está a seguir de preto o proceso é o xeólogo galego Pedro Castiñeiras García, profesor titular da área de Petroloxía e Xeoquímica da Universidad Complutense de Madrid.
Castiñeiras salienta a dificultade que supón coñecer o funcionamento dun lugar inaccesible para o ser humano como é o interior da Terra. Pero destaca, ao mesmo tempo, que o aprendido nestes días vai achegar moita información nova de cara a episodios semellantes no futuro. Así o explica este científico, que ía para biólogo ata que unha profesora do instituto Rosalía de Castro de Santiago, Conchita González Adán, espertou a súa paixón pola xeoloxía.
– Que se sabe sobre a orixe das illas Canarias?
– Nestes días volve a falarse sobre a teoría do punto quente; é dicir, un ascenso de magma a través da codia terrestre que vai xerando a aparición das illas. Pero hai outras hipóteses, como a da fractura propagante, que estaría orixinada por unha discontinuidade na codia africana, unha especie de falla pola que, de cando en vez, emerxe o magma e dá forma ás illas.
Esta idea foi proposta nos anos 70 do século XX por Francisco Anguita e Francisco Hernán, e despois xurdiron outros modelos que non acadaron moito consenso. Xa no ano 2000, ese mesmos autores propuxeron un modelo integrador, que reúne algunhas das ideas da fractura propagante, a posible aparición de penachos do manto ou diversos bloques elevados que acabaron formando as Canarias.
En resumo, segue habendo debate sobre a orixe das illas Canarias e, por tanto, sobre as causas da actual erupción en La Palma. Por exemplo, no mundo anglosaxón hai máis consenso sobre a idea do punto quente, porque é a orixe do arquipélago de Hawai. Pero nas Canarias é máis difícil constatalo, porque se atopa preto do continente, e pode que haxa tamén unha certa influencia da placa africana nestes procesos.
– Que se está a aprender coa actual erupción?
– Xa se están analizando as rochas, e o que se ve é que son tefritas piroxénico-anfibólicas. Son materiais semellantes aos da erupción do Teneguía en 1971, polo que podería esperarse que a evolución fose semellante á daquela. As tefritas son unhas rochas volcánicas con características especiais: non teñen moito olivino, e ademais teñen un alto contido en sodio e potasio en proporción ao sílice. E isto último fainas pertencer a unha familia de rochas fortemente alcalinas, moi típicas en Canarias.
A súa composición tamén nos indica que se xeran nun contexto dunha taxa de fusión do manto moi baixa, pero é un factor que non está relacionado coa cantidade de magma que poida saír. Esta información tamén nos axuda a prever o tipo de erupción que pode producirse e que, como se está vendo, é estromboliana en combinación coa hawaiana. É dicir, non vai ser moi explosiva, como adoita acontecer na maioría das erupcións en Canarias.
“Non se valora o suficiente o feito de que consigamos evitar danos maiores, a pesar das irreparables perdas materiais que se están producindo”
Unha das principais mensaxes que debe quedar é que fomos capaces de prepararnos para a erupción cunha certa antelación, o suficiente como para evitar vítimas mortais. Non se valora o suficiente o feito de que consigamos evitar danos maiores, a pesar das irreparables perdas materiais que se están producindo. E isto fai máis patente, se cabe, o importante que é o coñecemento previo. Sabemos a evolución que pode seguir a erupción polo que sabemos das pasadas.
– É unha erupción sen precedentes pola cantidade de recursos científicos e tecnolóxicos dos que se dispón para estudala.
– Desde logo, e é moi importante ter un seguimento a tempo real do que pasa. Discútese moito sobre a necesidade de estar continuamente pendentes do volcán. E eu creo que si. Podemos predicir mellor o que vai pasar porque no pasado houbo alguén que se dedicou a observar e deixar testemuña das erupcións anteriores. Grazas a isto coñecemos, por exemplo, o que pasou co Timanfaya en Lanzarote en 1730, ou as posteriores en La Palma. Ás veces pode resultar pesado, pero recoller agora toda a información posible vai axudarnos a facer mellores plans cara ao futuro.

– Por que é tan difícil coñecer con máis precisión o que acontece no interior da Terra?
– Porque non temos forma de acceder a esas profundidades. O máis que o ser humano se adentrou na terra foron pouco máis de 12km, na península de Kola, en Rusia, nunha sondaxe que non se volveu repetir. É moi, moi difícil facelo. Por iso temos que acudir a observacións indirectas, como a sismicidade, que é como unha especie de morcego que reproduce, a través das ondas, a dese interior da Terra. Pero igualmente, nesta erupción está a haber moito ruído que non nos deixa ver ben o que hai e nos impide ter unha visión de detalle.
– Houbo críticas sobre a falta de previsión para evitar danos, como por exemplo o feito de construír en zonas de risco.
– Con todo o que está a pasar, resulta bastante duro escoitar reproches cara ás persoas que o perderon todo. A maioría destas construcións fixéronse antes dos plans de ordenación, como acontece en máis lugares. En La Palma, como en todas as illas Canarias, hai estudos de perigosidade volcánica, pero hai un importante grao de incerteza porque as posibles erupcións son fisurais, isto é, poden agromar por calquera sitio do sur da illa.
Ademais, hai que coñecer La Palma. É unha illa pequena e si, no sur temos máis risco de erupcións, pero é que no norte a orografía fai moi difícil construír porque son todo barrancos. A xente asentouse principalmente no sur da illa porque é máis sinxelo facelo alí, e ademais as únicas chairas, onde se poden poñer as plantacións de plátano, están na zona que se está a ver afectada polo volcán.
– Rexurdiu tamén o alarmismo sobre o posible colapso de parte da illa e mesmo un tsunami.
– Isto vén dun artigo que publicaron no ano 2001 dous autores anglosaxóns. O problema é que a súa dedución partía de dúas premisas controvertidas; por unha banda debería ser unha erupción moi explosiva, o cal é raro en Canarias e máis aínda nas erupcións recentes en La Palma. Ademais, a toma de datos sobre o terreo era bastante interpretable. Coa nova erupción volveu falarse do asunto, e mesmo repúxose un documental ao respecto. En definitiva, isto baséase nun estudo que non está ben feito. Podemos dicir sen ningún problema que isto non vai acontecer agora. E en caso de que vaia ter lugar, estamos falando de tempos xeolóxicos, que para a maioría da xente é algo difícil de albiscar. Millóns de anos son moitos, moitos anos.
Sobre un posible colapso da illa ou un tsunami: “Podemos dicir sen ningún problema que isto non vai acontecer agora”
– Aínda que non se poida predicir a fin da erupción, que vai pasar cando isto acabe, e que escenario quedará?
– O que hai que facer é seguir observando. A fin da erupción virá marcada por varios factores complementarios: a sismicidade irá indicando que non está entrando máis magma cara á superficie; ao mesmo tempo, irase vendo que a deformación no terreo da illa se frea, e diminuirá a emisión de gases e, posteriormente, material magmático. A confluencia destes escenarios será un indicador de que pode estar acabando a erupción. Con todo, hai que seguir observando, xa que por exemplo no Teneguía seguiu habendo fumarolas tempo despois da fin da erupción.
Sobre o terreo, é moi probable que pase a estar protexido. Pero non se sabe, por exemplo, que vai pasar coas estradas e outras infraestruturas que quedaron cortadas, e que están a dificultar moito as comunicacións e o mantemento das plantacións nunha parte da illa.
Cómpre destacar que este tipo de rochas teñen un arrefriamento moi heteroxéneo: a parte en contacto coa superficie arrefriarase máis rápido, e é posible que en cuestión de meses se poida camiñar sobre ela, sempre que estea permitido. Porén, no interior a calor consérvase moito máis tempo, e pode que varios metros baixo a superficie se conserve unha alta temperatura durante varias décadas.