Un día para non esquecer a Jimena, a “pioneira entusiasta” que abriu o camiño

Galicia rendeu homenaxe no Día da Ciencia á xenetista, cunha serie de emotivos actos nos que se destacou o seu humanismo e tenacidade

“No te distraigas nenita, no te distraigas”. Eran as palabras que Jimena Fernández de la Vega, que foi homenaxeada este venres no Día da Ciencia en Galicia, deixou gravadas na memoria da súa sobriña María Teresa. Unha conversa de pioneira a pioneira; unha, científica que viaxou por Europa nos anos 20 do século XX para empaparse da efervescencia investigadora daqueles anos de entreguerras, tan interesantes coma convulsos, faláballe á que acabaría sendo a primeira vicepresidenta do Goberno de España. Este venres, María Teresa participou, emocionada, na serie de homenaxes que a sociedade galega quixo renderlle a Jimena, Científica do Ano.

Na xornada, impulsada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), sucedéronse os actos para fixar na memoria o imprescindible labor de Jimena, testemuña dun tempo no que só unha tenacidade e un entusiasmo excepcionais podían superar os muros da desigualdade. Ela e a súa irmá Elisa, falecida moi nova, en 1933, foron as primeiras mulleres en licenciarse en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Este venres 8 de outubro, o Salón Nobre de Fonseca acolleu a homenaxe da institución na que abriron camiño máis de 100 anos atrás.

Publicidade

Presentación do libro editado polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC.
Presentación do libro editado polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC.

Antes, pola mañá, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentou a obra Jimena Fernández de la Vega. Un modelo de científica adiantada ao seu tempo, unha publicación elaborada xunto á Real Academia Galega de Ciencias, e producida por GCiencia, na que a propia María Teresa Fernández de la Vega, xunto a Ángel Carracedo, Rosa Meijide, Milagros Candela, Susana López Abella e os presidentes do CCG e RAGC, Rosario Álvarez e Juan Lema, percorren a traxectoria profesional e persoal da “pioneira entusiasta”, en palabras de Juan Lema, que deixou un importante legado e un camiño a seguir en disciplinas como a hidroloxía médica e a xenética.

Un libro para Jimena

Os actos do Día da Ciencia continuaron no Parque das Ciencias de Santiago de Compostela. Alí, como vén sendo habitual con todos os Científicos do Ano, coa colaboración do Concello de Santiago, descubriuse unha placa conmemorativa na honra de Jimena. Tamén se plantou no mesmo parque, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, un exemplar dunha camelia xapónica dedicada á homenaxeada e elaborada na Estación Fitopatolóxica do Areeiro. A mañá pechouse coa sinatura no libro de honra da RAGC por parte da presidenta do Consejo de Estado, ás 14 horas no Pazo de San Roque.

Publicidade

https://twitter.com/depo_es/status/1446438656646991872

Acto central

Xa pola tarde, en Fonseca, tivo lugar o acto central do Día da Ciencia en Galicia. Contou coas intervencións do presidente da RAGC, Juan Lema, do reitor da USC, Antonio López, e da sobriña neta da homenaxeada, Constanza Sánchez Ferrari, que lerá as palabras do seu pai, Wenceslao Sánchez Fernández de la Vega –sobriño de Jimena–.

O catedrático da USC e académico numerario da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC, Ángel Carracedo, ofreceu a conferencia titulada “Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética clínica”, e María Teresa Fernández de la Vega impartiu pola súa parte unha conferencia titulada “La tenacidad de una científica humanista”.  Tamén se proxectou no transcurso do evento o vídeo homenaxe “Jimena, científica e divulgadora” sobre a vida e obra da pioneira da xenética médica en España. No acto tamén se entregaron as Medallas de Investigación da RAGC, outorgadas este ano aos investigadores Carmen Álvarez, Carlos Hervés, Luis Castedo, Manuel Ladra e María Antonia Señarís.

Durante o Día da Ciencia tamén se presentou o Anuario da Ciencia en Galicia, publicación editada pola Real Academia Galega de Ciencias e producido por GCiencia. Nel recóllese un monográfico sobre a homenaxeada como Científica do Ano e, igualmente, faise un percorrido polos fitos máis destacados da investigación en Galicia e a actividade da RAGC.

María Teresa Fernández de la Vega, co Anuario da Ciencia en Galicia. Foto: Santi Alvite / USC.
María Teresa Fernández de la Vega, co Anuario da Ciencia en Galicia. Foto: Santi Alvite / USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pontevedra prepárase para a eclipse de agosto cunha rede de observación integrada por 42 concellos

O proxecto ‘Baixo o Ceo das Rías Baixas’ impulsa o astroturismo e promove espazos organizados para seguir o fenómeno astronómico do ano

Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra