Martes 5 Marzo 2024

Zóologos da USC describen un novo patrón de distribución dos animais no planeta

Un equipo de investigadores do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC publicou un importante artigo na revista Global Ecology and Biogeography, no que afondan nos elementos comúns que explican a distribución das especies; os coñecidos como patróns macroecolóxicos. “Pódense contar cos dedos das mans”, sinala Andrés Baselga, investigador Ramón e Cajal e un dos autores do estudo, xunto a Adrián Castro Insua e Carola Gómez Rodríguez, tamén da USC, e Jens Christian Svenning, da Aarhus University. .

O traballo define un novo patrón macroecolóxico. En concreto, o que sinala a tendencia dos rangos de distribución das especies boreais a alongarse en dirección Este-Oeste. Este patrón permite mostrar tamén a “contraposición das distribución das especies tropicais e austrais nas que non se observa unha tendencia sistemática a alongarse en ningún sentido”, explica Baselga.

Publicidade

A influencia do clima no patrón

Na identificación do novo patrón, os investigadores da USC estudaron o comportamento de máis de 5.000 especies de mamíferos e outras 10.000 de aves. A distribución das especies localizadas nas rexións boreais tería unha forma alongada en dirección Este-Oeste, mentres que no resto das especies non hai tendencia sistemática, “adoitan ser circulares ou alónganse en calquera sentido”.

O feito desta desviación nas rexións do norte “non é trivial” afirma Andrés Baselga, e coincide coas rexións climáticas terrestres, igualmente orientadas en sentido Leste-Oeste, o que suxire en opinión do investigador “un claro efecto climático na distribución das especies que habitan a altas latitudes do hemisferio norte”.

Un dos mapas publicados co artigo. Fonte: USC / Global Ecology and Biogeography.
Un dos mapas publicados co artigo. Fonte: USC / Global Ecology and Biogeography.

A interpretación inversa destes datos é “igualmente relevante”. Mentres que o efecto do clima é evidente na distribución das especies que habitan lugares con condicións climáticas adversas, no resto das especies non parece ter un efecto predominante, apunta o doutor Baselga. “Ao contrario, o feito de que as distribucións non se desvíen sistematicamente en dirección Este-Oeste suxire que as especies foron capaces de expandir a súa distribución de forma similar en todas as direccións, independentemente das características climáticas de cada zona”.

Neste escenario, “a clave para entender os seus rangos de distribución sería a súa capacidade de dispersión –maior ou menor habilidade de colonizar unha área xeográfica-, máis que o seu nicho ecolóxico –capacidade de vivir nun rango determinado de condicións climáticas-“, aclara o coordinador do novo traballo de investigación.

Zonas tropicais frente a zonas boreais

En conxunto, “os resultados son moi reveladores e teñen obvias implicacións sobre as circunstancias nas que o clima e, polo tanto o cambio climático, pode ser un factor determinante na distribución da biodiversidade”, conclúe Andrés Baselga. O patrón observado polo equipo da USC “é consistente coa hipótese de que as distribucións das especies nos trópicos están máis suxeitas a factores estocásticos e ás limitacións inherentes á súa propia capacidade de dispersión”.

Pola contra, nas rexións boreais as especies estarían “máis constrinxidas polas limitacións climáticas –nicho ecolóxico-“. Estas especies, unha minoría, posuirían unha “alta capacidade de dispersión que, por un lado, permitiulles colonizar esas áreas despois de retirarse as glaciacións e, por outro, ampliar o seu rango de distribución ata alcanzar os seus límites fisiolóxicos, delimitados polas bandas climáticas”. Pola contra, engade o doutor Baselga, as especies tropicais estarían máis afectadas polas súa limitacións na dispersión que polas súas limitacións fisiolóxicas (nicho ecolóxico).

Trátase dunha contribución “moi relevante dende o punto de vista teórico ao tratar de identificar que factores determinan a distribución da diversidade biolóxica, pero tamén práctico ao reflexionar sobre como vai responder a diversidade biolóxica ante o futuro cambio climático”, conclúe o docente da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

E se cortar a herba da Pampa non servise para nada?

O biólogo e investigador da UDC Alejandro Martínez aporta un novo enfoque sobre unha especie invasora en Galicia: "imponse só cando non lle fan sombra"

A galega Mar Sobral, nova editora xefa dunha das revistas máis influíntes sobre ecoloxía

A investigadora da USC será unha das persoas que lidere 'Ecological Monographs', un proxecto editorial da Asociación Americana de Ecoloxía

Factores climáticos e tectónicos crearon a distribución actual dos arrecifes de coral nos trópicos

O estudo, publicado en 'Nature Communications', está liderado por un equipo internacional no que participa Mapas Lab da UVigo

WISE: un congreso para impulsar a igualdade e diversidade na Ecoloxía

Un equipo de investigadoras galegas impulsa o encontro, que se celebrará de forma virtual entre os días 4 e 6 de novembro