Martes 16 Abril 2024

Por que se forma o Panchorro, a onda xigante de Ribadeo?

O mar de fondo e uns baixos preto de Illa Pancha provocan unhas condicións que atraen a Ribadeo a referentes internacionais do surf

Os surfistas adoitan estar cun ollo no mar e con outro nos mapas de predicións meteorolóxicas. Hai que ter todo preparado para atopar o mellor momento posible no que botarse á auga e gozar de ondas de gran tamaño. Estes días Ribadeo está sendo escenario dun deses momentos estelares, nos que se pode formar o Panchorro, unha onda xigante que perseguen desde hai moito tempo surfistas profesionais de todo o mundo.

A costa noroeste da península ofrece varios lugares coas condicións axeitadas que, de cando en vez, xeran impactantes muros de auga cara aos que se lanzan os profesionais do surf. Son célebres as peregrinacións a lugares como Nazaré, en Portugal, onde a súa peculiar xeografía submarina, con depresións moi profundas, xeran ondas de máis de 20 metros. Alí bateu un récord o ano pasado o brasileiro Rodrigo Coxa.

Publicidade

Na Costa da Morte, Axi Muniain e outros referentes internacionais do surf levan tempo á procura de grandes ondas. E en Ribadeo atoparon outro lugar prometedor, a apenas 150 metros mar adentro do faro de Illa Pancha, que chamaron o Panchorro. “Xa sabiamos desde hai tempo que había estas condicións, pero precísanse medios para acceder ao lugar, doutro xeito é complicado e perigoso”, explica Óscar García, un dos organizadores do LipChain Illa Pancha Challenge, un encontro que reuniu a Axi Muniain e outras figuras como Ross Clarke-Jones ou Eric Ribiere.

A formación do Panchorro

Nun dos vídeos promocionais que se difundiron sobre o encontro do Panchorro, o meteorólogo lucense Martín Barreiro explicaba a xénese destas grandes ondas. “As borrascas xeran moitas ondas que chegan en dirección noroeste, que é un factor clave”. Ao atoparse coa plataforma continental, as ondas van perdendo forza e altura. Porén, no caso do Panchorro, uns baixos provocan que as ondas recobren altura e cheguen con potencia moi preto da costa.

Para isto, Óscar García e outros entusiastas do surf puxeron en marcha o encontro que se celebrou a finais de xaneiro. “Levabamos tempo detrás das condicións idóneas, e déronse: había moito mar de fondo do norte, e as ondas pasaron por moito dos 10 metros. Foi un espectáculo único, e pódese gozar perfectamente desde a costa, algo que non pasa con outras ondas xigantes”, explica García.

E o Panchorro vai volver esta semana. Este xoves 7 de febreiro, con mar do norte e vento do sur, que axudará a levantar as ondas, decenas de personas volverán a citarse en Ribadeo para ver de preto este abraiante fenómeno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia
00:00:12

Karlotta azouta Galicia con refachos de máis de 200 km/h

A borrasca mantén á comunidade en alerta laranxa por vento e chuvia este xoves e provoca varias incidencias
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

A borrasca Irene azouta Galicia con refachos de máis de 80 km/h

É unha fronte de alto impacto e A Coruña e Ourense poderán acumular 40 litros en 12 horas