Varias entidades implicadas no proxecto europeo LIFE Oso Courel, que desde 2017 impulsa mediante diversas actividades a recuperación do hábitat do oso pardo (Ursus arctos) na serra lucense e o fomento da convivencia coas comunidades e as actividades da zona, presentaron este martes a Ruta do Oso e o Mel do Courel, unha senda de 16 quilómetros acondicionada e sinalizada para amosar o patrimonio natural e etnográfico destas montañas. Entre os elementos máis destacados sobresaen as alvarizas, construcións que desde hai séculos se levantaron con pedra seca nas abas da serra para protexer os apiarios dos posibles danos causados polos osos.
A ruta, nas inmediacións da aldea de Seceda, percorre algunhas paraxes singulares deste territorio, permitindo a contemplación de paisaxes e hábitats oseiros, e de elementos que mostran a estreita convivencia dos habitantes destas montañas coa natureza.
“Esta zona reúne unha das maiores concentracións de alvarizas que se coñecen, e algúns deles atópanse restaurados e en uso” expuxo Marcos Reinoso, presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, unha das entidades que impulsa a ruta.
Tamén participou no acto o presidente da Asociación Galega de Apicultura (AGA), Xosé Torres, para quen “o futuro da apicultura no Courel está ligado tanto á súa cultura como ás súas paisaxes e natureza, que permiten producir meles ecolóxicos de alta calidade a partir dunha amplísima variedade de flores”. Lola Castro, alcaldesa de Folgoso do Courel, concello no que se atopa a localidade de Seceda, destaca que “é positivo que a ruta estea vinculada ao mundo da apicultura e que os veciños participasen de forma activa na súa creación e deseño”.
A ruta foi acondicionada por traballadores locais contratados pola Fundación Oso Pardo, coordinadora do proxecto LIFE. O deseño do itinerario realizouse en colaboración con numerosas entidades como a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), a Asociación Galega de Apicultura (AGA), a Asociación de Veciños de Seceda, o Concello de Folgoso do Courel ou o Xeoparque Montañas do Courel.

Ademais da presentación da ruta, desenvolveuse na Estación Científica do Courel, na localidade de Seoane, unha xornada de debate sobre as oportunidades de desenvolvemento socioeconómico que ofrecen os espazos naturais aos habitantes que viven dentro deles. No encontro “Os espazos naturais: un motor económico para o rural”, participou tamén o alcalde da localidade asturiana de Somiedo, Belarmino Fernández Fervienza, que explicou a fórmula que leva aplicando con éxito neste concello asturiano: “conxugar o desenvolvemento do turismo de natureza, aproveitando o tirón do Parque Natural e do oso, co mantemento da gandería tradicional en extensivo”.
Pola súa banda, o coordinador do proxecto LIFE Oso Courel, Fernando Ballesteros, ofreceu información sobre as oportunidades de investimento económico e de creación de emprego que pode supoñer a presenza de oso pardo nun territorio”, e destacou o alto nivel de aceptación no Courel cara a esta especie emblemática.
No coloquio posterior tamén participaron o presidente da Asociación promotora do Xeoparque Montañas do Courel, Roberto Castro González, e o coodinador das Estacións Científicas da USC, Xosé Luís Otero.