Se os microplásticos xa nos sorprendían pola súa capacidade para espallarse polos océanos, agora o problema chega a un nivel máis alto: á atmosfera da Terra. Porque un novo estudo confirma que xa están incrustados nos ciclos regulares da atmosfera, circulando polo planeta xunto co osíxeno ou a auga.
As partículas de plástico enviadas ao aire dende as ondas do océano ou as superficies das estradas viaxan a través dos continentes e chegan aos lugares máis remotos da Terra, segundo unha combinación de mostraxe e modelado realizado por investigadores. Gran parte deste plástico semella estar circulando a través dos nosos ecosistemas durante moito tempo, o que salienta a gran operación de limpeza masiva que temos por diante se queremos cambiar esta marea do plástico, tamén atmosférica.
“Atopamos unha gran cantidade de contaminación plástica herdada en todos os lugares que miramos”, di a científica xeolóxica Janice Brahney da Universidade Estatal de Utah. “Viaxa na atmosfera e deposítase por todo o mundo. Este plástico non é novo deste ano. É do que xa vertemos no medio ambiente durante varias décadas”.
Entre decembro de 2017 e xaneiro de 2019, os investigadores colleitaron 313 mostras de microplásticos no aire de 11 sitios diferentes no oeste de Estados Unidos. Descubriron que o 84 por cento das partículas de plástico proviñan do po da estrada, o 11 por cento orixinouse na rosada do mar, o 5 por cento proviña do solo agrícola e o 0,4 por cento atribuíuse a fontes de poboación.
Noutras palabras, trátase principalmente de plástico que foi moído nas estradas ou que se extraeu do lixo no océano. Esta contaminación atmosférica por microplásticos non só se concentra arredor das áreas urbanas, senón que chega a todas partes, transportada polo vento.
Logo, os achados conectáronse a un modelo de computadora para tratar de pescudar como se vería o patrón mundial dos plásticos atmosféricos. O tempo que pasan as partículas no aire podería oscilar entre unha hora e case unha semana, deduciu o equipo, o tempo suficiente para que esta contaminación viaxe polos continentes.
Aínda que a Antártida non exporta ningún microplástico no aire, é moi probable que os importe, segundo amosou o modelo. Os microplásticos están a acumularse en case todos os lugares onde miran os científicos, incluídos os parques nacionais. O traballo estima que as concentracións máis altas atópanse sobre os océanos.
“Utilizando nosa mellor estimación de fontes de plástico e roteiros de transporte modeladas, a maioría dos continentes son importadores netos de microplásticos do medio mariño”, di Natalie Mahowald da Universidade de Cornell. “Isto subliña o papel acumulativo da contaminación herdada na carga atmosférica de plástico”. Ata a data, producíronse case 10 mil millóns de toneladas métricas de plástico en todo o mundo desde principios da década de 1900, e estímase que entre o 12 e o 18 por cento se converte en lixo, de maior o menor tamaño, que vai ao medio ambiente.
O equipo detrás deste último estudo está a pedir máis investigación sobre onde remata todo este plástico e como podería estar distribuído en todo o mundo, como afecta aos ecosistemas, á vida silvestre, á cadea alimentaria e, finalmente, á nosa saúde .
Aquí podes consultar a investigación publicada na revista PNAS