Venres 19 Abril 2024

Os megaincendios: un desafío “sen precedentes” para a biodiversidade no planeta

O investigador da USC Adrián Regos participa nun artigo que publica "Science", no que se advirte de adaptar as estratexias fronte ao lume

Durante 17 días de novembro de 2018, un gran incendio forestal arrasou case 70.000 hectáreas en California. O coñecido como Camp Fire, que acabou coa vida de máis de 90 persoas, está considerado como un dos megaincendios máis mortíferos da historia. Este tipo de incendios de nova xeración, xa habituais na costa oeste dos Estados Unidos, Australia, Chile ou Rusia, poderían manifestarse en Europa occidental, como aconteceu en 2017 co letal incendio de Pedrógão Grande, no centro de Portugal. O cambio neste réxime de lumes a escala mundial ameaza, ademais das vidas humanas e os importantes danos materiais, a supervivencia de moitas outras especies. É a conclusión á que chegou un consorcio internacional integrado por dezasete centros de investigación procedentes de Australia, Canadá, Estados Unidos, Irlanda, Portugal, Reino Unido, Sudáfrica e España, e no que toma parte o investigador da USC Adrián Regos. No artigo, publicado na revista Science, o equipo de 27 científicos conclúe que a escalada na frecuencia e intensidade dos grandes incendios forestais expón “un desafío social e ambiental sen precedentes”, cun contexto requirirá de novas medidas e estratexias “que revolucionarán como as sociedades xestionarán o lume”.

“Aínda que o home fixo uso do lume para modificar a súa contorna durante milenios, o quecemento climático, os cambios en usos do solo e a introdución de especies invasoras están a modificar o réxime de incendios e o seu impacto sobre a biodiversidade”, advirte Adrián Regos, investigador do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física. O lume, destaca, é unha fonte de biodiversidade dende hai millóns de anos, pero o seu novo comportamento está a afectar a máis de 4.400 especies e hábitats que dependen en gran medida dos seus patróns temporais e espaciais. Aínda que moitas especies viven ameazadas polo incremento na frecuencia e severidade dos incendios, a investigación pon o foco en como as políticas de exclusión do lume poden ser tamén prexudiciais para aquelas especies e ecosistemas que o necesitan.

Publicidade

A principal conclusión do traballo publicado en Science é que o réxime de incendios debe terse en conta á hora de planificar a conservación da biodiversidade debido ao seu papel chave nos procesos ecosistémicos, así como as súas funcións e servizos. O estudo revisou case 30.000 especies clasificadas con risco de extinción pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) e atopou que polo menos o 15% verase ameazado pola modificación dos réximes de incendios. “Estes cambios poden supoñer unha maior actividade do lume que ameace as especies pouco adaptadas, ou a diminución desta actividade que implique a redución de hábitats chave para moitas especies”, explica Adrián Regos. Os cambios na actividade do lume son un reto para a biodiversidade en hábitats e rexións bioxeográficas de todo o mundo. Os autores apuntan, neste senso, que o risco de extinción de especies asociados á alteración do réxime de incendios é maior nas sabanas (27%), seguida de preto polas praderías (25%), as zonas rochosas (25%), as matogueiras (25%) e os bosques (19%).

“O Antropoceno, época en que a actividade humana comezou a xerar efectos ambientais masivos de alcance mundial, trouxo consecuencias tales como o cambio climático e os  megaincendios. A conservación da biodiversidade terrestre e os ecosistemas demandan un maior recoñecemento de papel crítico do lume nos ecosistemas”, sinala Regos.

Máis de 4.000 especies están en serio risco ante a modificación do réxime de incendios

O artigo propón un conxunto de accións para promover a biodiversidade na nova era dos “megaincendios”. En primeiro lugar, propón xestionar activamente o lume para adaptalo a determinadas especies ou ecosistemas. En segundo lugar, suxire a abordaxe da súa problemática dende unha perspectiva máis holística e non só de xestión. Por exemplo, os bosques sometidos a unha seca extrema ou que se atopan alterados pola invasión progresiva de especies exóticas teñen máis probabilidades de ser ameazados por un incendio. Asemade, recoñécese o papel crítico das comunidades locais. “Restaurar e promover paisaxes agropastorais tradicionais crea oportunidades para equilibrar a biodiversidade con outros valores socioeconómicos en moitas rexións do mundo”, destaca Regos. Aprender da xestión actual da poboación local e indíxena e promover a xestión colaborativa dos incendios son pasos necesarios, a xuízo dos autores, para beneficiar conxuntamente á sociedade e á biodiversidade.

“A xestión con lume controlado e restablecer queimas de carácter cultural nun contexto moderno mellorarían a biodiversidade e o benestar humano”, apuntan. A reintrodución de grandes herbívoros que reducirían a carga de combustible da paisaxe ou a aplicación de cortalumes verdes a base de especies de baixa inflamabilidade son outras das accións propostas.

Cambios na gobernanza

Os cambios globais nos réximes de incendios continuarán  amplificando as interaccións entre os principais factores socioecolóxicos que os determinan e crearán conflitos difíciles de xestionar entre os obxectivos ambientais e sociais, apuntan os autores do artigo.

“As achegas científicas serán cruciais para tomar decisións adecuadas que permitan un cumprimento dos obxectivos mundiais de biodiversidade, salvagarden os servizos  ecosistémicos e protexan ás persoas e os seus bens”, sinalan, alén de subliñar a necesidade dunha nova gobernanza para facer fronte aos desafíos futuros.

“A escala mundial e nacional, necesítanse institucións máis eficaces para promover a conservación da biodiversidade e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro”, matiza Adrián Regos, quen engade que, a escala local, conseguir o tipo “correcto” de lume nas paisaxes que o necesitan require novas alianzas e redes para construír e aplicar o coñecemento. Tal e como se pon de manifesto no artigo, a recompilación estratéxica de datos sobre incendios, biodiversidade, servizos dos ecosistemas e variables  socioecolóxicas será esencial para desenvolver novos modelos que capturen as reaccións, os puntos de inflexión e os cambios de réxime característicos do Antropoceno. Recoñecer o papel fundamental das comunidades locais para comprender e adaptarse aos cambios nos réximes de incendios é fundamental para estes esforzos.


Referencia: Fire and biodiversity in the Anthropocene (Publicado en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico Adrián Regos, galardoado pola súa traxectoria en ecoloxía do lume

Recibe o premio na categoría Carreira Temperá na décima edición do Congreso Internacional de Ecoloxía e Xestión do Lume

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

As impactantes imaxes do ceo de Nova York tinguido de laranxa polos incendios en Canadá

Os aerosois que emite a queima da masa forestal dispersan a luz aínda máis, o que fai que cambie a cor do ceo