Xoves 25 Abril 2024

Oito viaxes á Antártida en 20 anos: “Chegar aquí sempre é impresionante”

Un equipo da UVigo, encabezado por Mariano Lastra, está a desenvolver un estudo sobre os efectos dos raios ultravioleta nas macroalgas

A máis de 12.500 quilómetros de distancia, baixo temperaturas xélidas e un extenso manto de neve, un equipo de investigadores galegos acubíllase na base española de Illa Decepción. A climatoloxía é adversa pero a natureza é salvaxe. Conserva a súa virxindade, afastada da pegada humana, que tenta ser inapreciable. Estas condicións converten a illa volcánica nun espazo ideal para levar a cabo experimentos científicos. Un dos que se está a desenvolver actualmente investiga os efectos da radiación ultravioleta nas macroalgas. Máis en concreto, na especie Palmaria palmata. “É unha oportunidade de ouro”, di o participante no ensaio e catedrático da Universidade de Vigo (UVigo), Mariano Lastra. O experto ben sabe o que di, posto que esta é a súa oitava viaxe á Antártida: “Chegar aquí sempre é impresionante”.

Xunto a Lastra están Jesús Souza e Jesús López, tamén da UVigo; e a eles acompáñaos Iván Franco, da Universidade de Cádiz. Os catro chegaron a solo antártico o 17 de febreiro e alí levan traballando case un mes, convivindo con preto dunha trintena de persoas —entre científicos e militares— na base Gabriel de Castilla. “A experiencia está sendo moi agradable. Os investigadores axudámonos ao máximo en todas as tarefas e os militares dannos moito apoio”, explica Lastra, tan só tres días antes de emprender a viaxe de volta. Está previsto que abandonen Illa Decepción o 17 de marzo a bordo do buque Hespérides, que os levará ata a base chilena. Alí collerán un avión e iniciarán unha “longa viaxe” de volta á casa. Mais esta non será a última vez que Lastra e os seus compañeiros pisen solo antártico. “Volveremos en 2024, na mesma época, para seguir con este mesmo proxecto, pero noutros ámbitos”, apunta Lastra.

Publicidade

Base española Gabriel de Castilla. Crédito: Ministerio de Defensa

O día a día

Antes do regreso, aos investigadores galegos aínda lles quedan varias xornadas de traballo. “O día a día parécese moito ao de Vigo”, bromea Lastra. “Erguémonos, almorzamos e xa saímos ao campo, onde estamos todo o tempo recollendo mostras“, continúa o catedrático da UVigo. Entre as tarefas diarias tamén está a vixilancia e a medición de variables, ben con sensores ou rexistradores en continuo. Este traballo de selección e procesamento das mostras é fundamental para logo transportalas a España e que cheguen finalmente a Vigo, conxeladas e baixo unhas estritas condicións de almacenamento. Unha rutina que, malia as similitudes, tamén ten grandes diferenzas co seu traballo habitual. “É un día a día ideal porque dedicamos o 100% do tempo á investigación”, di Lastra.

“É un día a día ideal porque dedicamos o 100% do tempo á investigación”

MARIANO LASTRA, catedrático da UVigo

O proxecto que están a levar a cabo céntrase en estudar que efecto ten a temperatura na descomposición de materia orgánica afectada polas mareas nas zonas intermareais sedimentarias, é dicir, as praias. Como Illa Decepción é, en realidade, un volcán activo, hai áreas que están a 60 graos, outras a 15 graos e incluso as hai que acadan os 0 graos. “Isto ofrécenos un rango moi amplo de temperaturas coas que ensaiar para medir o grao de descomposición e de liberación de nitróxeno, entre outras variables”, expón Lastra. Polo tanto, nos experimentos —sobre todo en anteriores campañas— manipularon a temperatura en invernadoiros pequenos, que os propios científicos controlaban, para estudar os seus efectos.

O traballo da campaña actual engade un novo factor, ademais da temperatura. Busca entender que efectos ten a radiación ultravioleta nas macroalgas. Para iso, irradian as mostras. “As algas xeran unhas moléculas que lles serven de protección, pero son tóxicas e indixestas para todos os organismos consumidores ou degradadores de algas, dende os crustáceos ata as bacterias”, explica o catedrático da UVigo. Polo tanto, a descomposición das algas ralentizarase.

Jesús Souza, Mariano Lastra e Jesús López, na Antártida. Crédito: Mariano Lastra

Unha illa tan fermosa como desafiante

Despois da recollida exhaustiva e detallada das mostras, que viaxarán primeiro a Cartagena —a onde chegarán en maio— para recalar finalmente en Vigo, o estudo continuará no laboratorio. Pero máis alá do procesamento de datos e información que os científicos teñen por diante, quedan con outra experiencia abraiante no peto. Lastra recoñece que as primeiras viaxes son as máis impactantes, pero que volver á Antártida “sempre é impresionante”. A súa primeira visita realizouna hai preto de 20 anos e xa vai pola oitava. “Isto é máis incrible do que esperas: a paisaxe, a contorna, as condicións meteorolóxicas e biolóxicas…”, detalla.

Pero máis alá das estampas nevadas, a fauna antártica é un dos elementos máis rechamantes. En Illa Decepción hai dous lugares onde os pingüíns fan os seus niños. “En apenas un quilómetro cadrado pode haber 100.000 individuos”, lembra Lastra con asombro. De igual maneira, na Antártida poden avistar baleas a diario, a tan só cinco metros dende as súas zodiacs. De feito, o investigador da UVigo recorda que hai uns días, unha balea entrou no golfo da illa, que ten forma de ferradura porque é un antigo cráter inundado. Pero as raíñas do mar e os pingüíns non son os únicos: tamén os lobos mariños. “Hai que ter moito coidado porque son moi territoriais. Se pasas ao seu lado, están durmidos e espertan, van directamente cara a ti. É fácil confundilos porque son da mesma cor que o chan”, advirte Lastra.

Outro dos grandes desafíos de Illa Decepción son os desprazamentos. O sitio máis próximo á base Gabriel de Castilla está a unha hora e media camiñando, polo que con frecuencia se fai uso da zodiac. Ás veces, esta embarcación inúndase, pero os investigadores da UVigo nunca estiveron en situacións comprometidas. Iso débese, sobre todo, ao estrito control das condicións climatolóxicas. “Se vai mal tempo non podes saír da base. O vento é o principal problema porque pode haber problemas de navegación. Ademais, aquí non hai embarcadoiros, polo que hai que atracar na praia e pode haber olas”, explica Lastra. De todas formas, o experto asegura que “o mal tempo chega tan rápido como marcha” e nesas horas nas que están confinados aproveitan para adiantar traballo de laboratorio.

O problema máis grave que lembra Lasta tivérono na última campaña, en 2017. “Montamos un experimento completo nos invernadoiros para estudar os efectos da temperatura. Chegou unha ventada e varreuno todo. Levou o noso traballo por diante como se alí non houbera nunca nada”, lembra. Malia que todo estaba ancorado ao chan para que fose o máis firme posible e non se movese, contra a natureza pouco se pode facer. “Todo o noso traballo foi polo desaugadoiro. Informamos ao comité polar e seguimos adiante co que tiñamos”, sostén. Aínda que esta é a condición máis adversa que viviron Lastra e o seu equipo, non é única nin pouco frecuente. As condicións climáticas da zona poden ser límite e arrasar con antenas, sensores, paneis ou calquera outro artefacto instalado. A natureza da Antártida é tan salvaxe que non ten freo.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

Cinco proxectos científicos de institutos galegos “viaxarán” á base española na Antártida

O CSIC premia a alumnado da Coruña, Lugo e O Grove no seu certame "AntarcticLab"

Un equipo de Vigo viaxa á Antártida para estudar os raios ultravioleta nas macroalgas

Os catro investigadores viaxan este venres a Illa Decepción e permanecerán un mes na base española para realizar o seu estudo