“Unha oportunidade de ouro para todos”. Así define Mariano Lastra, catedrático da Universidade de Vigo (UVigo), a última campaña que o levará á Antártida para estudar o efecto da radiación ultravioleta nas macroalgas. Irá acompañado de Jesús Souza, Jesús López e Iván Franco, investigadores da mesma universidade. Os catro científicos emprenderán a expedición que, entre o 17 de febreiro e o 17 de marzo, desenvolverá unha nova campaña científica na Antártida, ao abeiro do proxecto de investigación Radiant.
“Radiant está asociado á 36ª Campaña Antártica Española e é unha secuela de proxectos anteriores. Durante catro semanas estaremos na base Gabriel de Castilla de Illa Decepción para realizar un experimento de manipulación do medio natural. Quentaremos substratos, macroalgas que están varadas alí nas praias das illa, a diferentes temperaturas, para estudar a descomposición da materia orgánica, as emisións de CO2 e aliberación de nitróxeno e fósforo”, detalla Lastra.
A campaña desenvolverase entre o 17 de febreiro e o 17 de marzo en Illa Decepción
Segundo continúa explicando, tamén se analizará a temperatura e, como novidade, vaise introducir a variable da radiación ultravioleta, durante un número de horas, para tratar de estudar que efecto combinado teñen a temperatura e a radiación ultravioleta na descomposición da materia orgánica. A realización deste novo experimento responde á existencia dunha hipótese xeral de que canto menos xeo hai, tanto espacial como temporal, máis iluminación chega ao fondo.
“Isto fai que todo o que sexan organismos fotosintéticos teñan máis tempo para desenvolverse, para proliferar. Afecta tanto a fitoplancto como ás algas e hai máis produtividade primaria, que pode vir ben a algunhas especies clave, como o krill e todo o que é a cadea alimenticia, e logo ás macroalgas para crear grandes superficies e grandes tamaños. E esta é a parte que nós analizamos”, engade Lastra.
Simbiose antártica e apoio familiar
Tras aterrar nas últimas horas en Punta Arenas, Lastra, Troncoso, López e Franco xa están preparados para voar ata a Illa King George, desde onde serán traslados por un barco búlgaro ata a base Juan Carlos I e posteriormente ata Illa Decepción. “Este ano non nos leva o Hespérides, senón un barco búlgaro que deixará a cada grupo de investigación no seu sitio. Outro cabalo de batalla é que sempre adamos curtos de barcos con capacidade polar e aínda que o Hespérides é fantástico, hai que renovar a flota, o que creo que xa está a facer e o novo vai supoñer un cambio interesante”, explica Lastra.
“Coñecemos aquilo case mellor que os membros do Exército de Tierra, que é o organizador da campaña, e que van só unha vez. Nós xa temos aquilo moi repetido: sabemos cando se pode navegar, cando hai que quedar na base, como ir vestido, o importantes que son os partes meteorolóxicos…”, di Lastra, que xa foi sete veces. Ademais da ducia de investigadores e dos dous integrandes do Exército, tamén haberá na base un grupo encargado da construción do novo laboratorio.
Parte fundamental para o desenvolvemento do traballo na Antártida é, segundo recoñece e agradece o catedrático da UVigo o apoio “ao 100%” da súa familia. “Pasas mes e medio fóra en época de colexio. A miña familia está afeita e papa está asociado a campañas de cando en vez e por ese lado moi ben, porque me apoian e senón fose por eles non habería expedición”, explica.
Da Antártida a Corrubedo na procura de comparacións
Durante as catro semanas que os investigadores da UVigo permanecerán na Antártida, continuarán coas mostraxes nunha ducia de praias nas que están a traballar desde o ano 2004. “Imos repetir medicións do estado morfodinámico da praia: ver a pendente; a amplitude da intermareal; canto CO2 se está a emitir por parte do substrato; cantos nutrientes está a liberar a praia… A análise dunha campaña é interesante, pero cando es quen de acumular varios anos a medio prazo, case podemos falar de décadas, o valor deses datos é moi superior. Imos repetir o que fixemos outros anos e como ao Ministerio lle pareceu ben, imos estar este ano e tamén o que vén”, confirma Lastra.
“En Corrubedo replicamos ao detalle o que facemos na Antártida”
MARIANO LASTRA, catedrático da UVigo
A Antártida non é o único escenario no que os investigadores do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) da UVigo desenvolven o seu traballo, que ten unha prolongación no complexo dunar de Corrubedo, no concello de Ribeira. “En Corrubedo replicamos ao detalle o que facemos na Antártida, para non ir a cegas e non só por ensaiar a metodoloxía e o protocolo do experimento, senón tamén para poder comparar, a efectos de publicar, o que ocorre en latitudes intermedias co que ocorre en latitudes polares. Aínda que non está incluído no proxecto, tiramos para adiante e fixémolo en Corrubedo e posiblemente o repitamos, porque houbo unha tormenta que coincidiu cunha marea viva e o que tiña que durar 15 días durou 10. O mar varreunos toda a zona de experimentación”, expón Mariano Lastra.
Logo de varios de traballo, o catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo confirma que xa puideron obter algunhas conclusións interesantes, que lles permitiron publicar tres artigos en revistas destacadas, así como iniciar unha tese de doutoramento. “Estes resultados foron suficientes para que Ministerio aceptase de novo a nosa proposta, pero estes proxectos sempre son moi axustados de orzamento e case nunca financian persoal. Nós sempre pedimos un técnico ou un doutorando e nunca nolo dan”, confirma Lastra.
Podes ler a noticia completa do DUVI premendo nesta ligazón.