O inverno comeza este mércores ás 22.48 horas e chega pasado por auga

A precipitación recollida no Observatorio Ramón María Aller nos últimos tres meses superou os 800 litros/m2 e remata coa seca acumulada no verán

O inverno boreal comeza este mércores 21 de decembro ás 22.48 horas. A estación vaise prolongar ata o 20 de marzo ás 22.24 horas, intre no que botará a andar a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración: 88,98 días, fronte aos 89,86 do outono; 92,75 da primavera e os 93,66 do verán. O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese momento a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) “o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de nove horas na nosa latitude”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.

“Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis”, engade o profesor Docobo. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio, punto que vai reproducindo as posicións medias do Sol ao longo do ano dado que este último desprázase aparentemente con velocidade variable. Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior), e neste último día tamén pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros).

Publicidade

Mercurio vai estar en boas condicións para poder ser observado a simple vista no amencer a finais de xaneiro e comezos de febreiro, mentres que Venus será visible logo do solpor. Os planetas Marte e Xúpiter pódense contemplar durante boa parte da noite deste inverno, mentres que Saturno poderase localizar logo do solpor ata mediados de febreiro, pasando logo ao amencer. “Nesta nova estación haberá tamén interesantes conxuncións”, continúa o profesor Docobo. Así, entre o 23 e o 27 de xaneiro, a Lúa, Saturno, Venus e mais Xúpiter estarán aliñados logo do solpor. O 22 de febreiro, serán a Lúa, venus e Xúpiter os que se poñan á vez cara ao suroeste, e o 2 de marzo, ao comezo da noite, Venus e Xúpiter estarán nunha conxunción pechada (< 1º).

Sen eclipses

Non haberá ningunha eclipse  neste inverno, con todo o cometa C/2022 E3 (ZTF) poderá verse con prismáticos xa este mes desprazándose pola constelación da Serpe cara a Coroa Boreal. A súa magnitude actual aínda é baixa (9.1), pero a medida que se achegue á Terra vai ir gañando brillo e a finais de xaneiro podería ser observado a simple vista na constelación circumpolar de Camelopardalis, culminando a comezos da noite.

Publicidade

Outono chuvioso

Meteoroloxicamente falando, remata un outono chuvioso dende mediados de outubro. A cantidade total de precipitación recollida na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller nestes últimos tres meses supera os 800 litros/m2, cantidade que remata coa seca acumulada en meses anteriores e que fai que 2022, que ía para un ano moi pouco chuvioso, “se converta practicamente en normal” xa que é moi probable que a finais de ano se chegue aos 1.500 l/m2. Dita cantidade representa en Compostela a marxe inferior da normalidade. De confirmarse superaría, dentro deste século, a sete anos: 2007 (1204,4 l/m2), 2011, 2015, 2017, 2004, 2005, e 2012 (1.496,4 l/m2).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos