Venres 19 Abril 2024

O golfo de Bizkaia é unha gran zona de atrapamento de plásticos

Unha nova investigación da UVigo, USC e IEO revela que o litoral cantábrico acumula refugallos plásticos pola dinámica mariña

Investigadores da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e do Instituto Español de Oceanografía en Vigo realizaron un estudo sobre o trasporte de plásticos de diferentes tamaños que entran no golfo de Bizkaia co fin de analizar o seu destino dentro desta área. Os resultados obtidos sinalan que este golfo constitúe unha zona de atrapamento para os plásticos que chegan a el.

O traballo foi publicado recentemente na revista Journal of Sea Research nun artigo titulado The Bay of Biscay as a trapping zone for exogenous plastics of different sizes e asinado por Laura Rodríguez, Moncho Gómez Gesteira e José Luis Gómez Gesteira, do grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab), do CIM-Universidade de Vigo;  Xurxo Costoya, do Instituto Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies (Cretus), da USC, e Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo, do IEO.

Publicidade

Segundo explican os autores do traballo, “estímase que arredor do 10% dos plásticos producidos rematarán no océano, representando aproximadamente o 70% do lixo mariño”. A dispersión e acumulación destes plásticos en determinadas rexións do mundo, engaden, depende en parte da súa flotabilidade, que varía segundo o seu tamaño. Neste contexto global, detallan, o golfo de Bizkaia é considerada unha rexión de nivel medio en canto á contaminación por plásticos.

Microplásticos e plásticos de maior tamaño

No estudo, a e os investigadores empregaron un modelo lagranxiano para simular con partículas virtuais as traxectorias seguidas polos plásticos. Segundo explican, “aínda que se viu que o patrón xeral seguido polos plásticos depende principalmente das correntes oceánicas, o vento pode modulalo especialmente no caso de plásticos de maior tamaño”. Por este motivo, co fin de avaliar o destino dos plásticos que entran no golfo de Bizkaia a través do estreito ao norte do cabo Ortegal, empregáronse neste traballo “as velocidades das correntes mariñas e diferentes coeficientes de arrastre para ter en conta a súa diversidade de tamaños e, por tanto, a súa exposición ao efecto do vento”.

Xurxo Costoya, Laura Rodríguez, José Luis Gómez Gesteira, Jesús Gago e Moncho Gómez Gesteira.

Froito do traballo realizado, indican os seus responsables, “detectouse que os plásticos que ingresan no golfo de Bizkaia rara vez abandonan esta zona, o que a converte nunha rexión de atrapamento”. Así, apuntan, só unha pequena porcentaxe de plásticos, entre o 4 e o 15%, dispersáronse cara a costa atlántica da península ibérica ou sobrepasaron a Bretaña francesa. O atrapamento de plásticos no golfo de Bizkaia, indican, “tivo un resultado especialmente notorio nos plásticos de maior tamaño (>5 mm) fortemente afectados polo vento que os empuxa cara terra”.

De feito, detallan os investigadores, “este tipo de plásticos tenden a acumularse nunha franxa estreita ao longo da costa (cunha probabilidade entorno ao 90%), o que favorece a súa acumulación en costa (cunha probabilidade do 60%). Pola contra, engaden, os microplásticos (< 5mm) presentaron unha gran tendencia a dispersarse libremente cara o océano, podendo alcanzar calquera localización dentro do golfo estudado, “o que resulta preocupante pois o seu reducido tamaño dificulta as tarefas de mostraxe e recollida”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade