Venres 19 Abril 2024

Nace o primeiro mapa europeo das miñocas

Charles Darwin considerábaas “os arados do solo”. As miñocas son un dos grupos de invertebrados máis importantes nos sistemas edáficos, cuxa diversidade é clave para o funcionamento dos ecosistemas. A necesidade de coñecer os patróns espaciais das miñocas, así como os factores que condicionan a súa presenza, abundancia e diversidade e así contribuír ás avaliacións internacionais e ás políticas de conservación, levou a finais do ano 2014 a un grupo de investigadores e investigadoras, reunidos en Dijon no congreso First Global Soil Biodiversity Conference, a poñer en marcha un proxecto de recompilación de información das súas comunidades.

María José Iglesias Briones.
María José Iglesias Briones.

A catedrática da Universidade de Vigo María José Iglesias Briones é unha das investigadoras das 17 institucións europeas que participan no estudo que por primeira vez recolle a biodiversidade dun dos grupos de invertebrados terrestres con maior impacto sobre os solos. “Este mapa achega abundancias totais de miñocas, riqueza específica, índice de diversidade de Shannon e no material suplementario distribucións de dúas especies cosmopolitas Aporrectodea caliginosa e Lumbricus terrestris”, explica a investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.

Publicidade

O mapa amosa o territorio galego como con baixa presenza de miñocas, pero con moita variedade taxonómica. Isto significa unha riqueza en especies diferentes. Pero o estudo ten eivas, como a falta de datos dixitalizados en territorio galego, algo que denuncia a propia investigadora.

O mapa recolle 3.838 localizacións de terras en Europa

Xunto á Universidade de Vigo participan no traballo numerosas universidades e centros europeos. Xuntos, elaboraron este primeiro mapa a gran escala en Europa da abundancia e diversidade destes invertebrados o equipo de investigación analizou os rexistros de miñocas de 3.838 localizacións de oito países europeos, cuxos resultados foron modelizados para ser extrapolables ao resto do continente, algo que no é posible facer fóra de Europa ao dispoñerse de poucos datos de propiedades de solos a nivel cuantitativo como para poder facer estimacións fiables. Francia, Irlanda e Alemaña son os países que mellor recolleron a biodiversidade das miñocas, de feito só no país galo extraéronse datos de 1423 localizacións.

miñoca

Unha situación que contrasta coa de España, da que se inclúen 63 localizacións de catro provincias do noroeste, concretamente Asturias, León, Zamora e Salamanca. “A razón desta escasa presenza de datos é porque a maioría deles están sen dixitalizar, en teses, tesinas e informes en papel e tamén porque só se realizaron mostraxes nun terzo do país, porque non se financia este tipo de estudos”, lamenta María Jesús Iglesias Briones, que asegura que “estaría ben poder dedicar esforzos a explorar máis territorios, pero sen financiamento é imposible”.

Para a catedrática da Universidade de Vigo é urxente reunir máis datos para poder validar o que na actualidade teñen e con este obxectivo está a supervisar un proxecto para recompilar máis información, dixitalizando os datos existentes sobre Galicia, para completar así o noroeste peninsular. “De momento a base de datos non está aberta, os mapas do artigo son a única información pública dispoñible. A idea é ampliala e para iso estamos tratando de dixitalizar os datos que temos en papel nas distintas institucións”, explica Iglesias Briones, que agarda que con estudos coma este se poña en valor a importancia de coñecer a diversidade destes invertebrados fundamentais para o funcionamento dos solos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A NASA detecta un enorme burato no Sol

O Observatorio de Dinámica Solar capta un vídeo do fenómeno e prognostica unha tormenta xeomagnética nos vindeiros días

Cinco asteroides pasarán preto da Terra en apenas 24 horas

A NASA confirma que ningún deles é potencialmente perigoso, pese a que pasarán a menos de 7,5 millóns de quilómetros do planeta

O eixo da Terra inclínase case 80 centímetros pola extracción de auga subterránea

A redistribución humana da auga existente baixo a superficie terrestre provoca que o planeta se desvíe máis do normal

Estes foron os primeiros animais da Terra

As medusas crearon a primeira liñaxe, séguenlle as esponxas e posteriormente, a diversificación de todos os animais