Sábado 20 Abril 2024

Menos incendios, pero máis grandes: Galicia encabeza a tendencia

Un estudo dirixido polo xeógrafo da USC Dominic Royé analiza o índice de concentración de incendios nos países da costa oeste do Mediterráneo

Nos últimos anos, Europa está comezando a experimentar unha tendencia que xa leva tempo acontecendo ao outro lado do Atlántico, en zonas como California ou Chile: incendios moi grandes, incapaces de ser freados pola man humana, que avanzan a gran velocidade. E vagas de incendios recentes, como as de 2017 en Galicia e Portugal, amosan tamén que é preciso cada vez menos tempo, e mesmo un menor número de incendios, para que se queimen miles de hectáreas. Unha nova investigación, liderada por Dominic Royé, xeógrafo físico da Universidade de Santiago de Compostela, constata esta situación, concluíndo que nos últimos tempos produciuse un incremento importante da área queimada concentrada nun menor número de incendios forestais.

“Hai unha porcentaxe pequena de incendios que queiman moitísimo”, explica Royé. Así, o traballo expón, por exemplo, que o 90% dos fogos rexistrados en España contribúen só ao 32% da superficie queimada; unha porcentaxe que en Portugal cae ata o 27%. O 10% restante dos eventos son os de gran magnitude, que arrasan superficies moito máis grandes.

Publicidade

O traballo analiza, con datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS), e das estatísticas nacionais, os patróns e tendencias das áreas queimadas por incendios forestais nos citados países mediante a aplicación dun índice de concentración (CIB), semellante ao que se usa para estudar a distribución das precipitacións diarias.

Así, a investigación mostra que, na maioría dos países europeos do Mediterráneo, a superficie queimada está cada vez máis relacionada cun menor número de incendios. A distribución espazo-temporal do índice presenta unha gran variabilidade en todos os países analizados (España, Portugal, Italia e suroeste de Francia). Neste sentido, Portugal e España mostran tendencias significativas crecentes cun incremento do 7,6% e do 1,3% por década, respectivamente. En Galicia a tendencia é máis pronunciada que no resto de España, cunha suba do 2,7%.

Os factores da paisaxe, a prevención e o tempo

O estudo suxire que a tendencia positiva significativa do índice en Portugal e España podería estar relacionada co cambio climático e con cambios antropoxénicos rexionais, por exemplo, paisaxes máis continuas, homoxéneas e inflamables, ou degradación do solo. Estes factores, por si mesmos, só explican parte das tendencias observadas, segundo Dominic Royé, pero deben terse en conta á hora de abordar o problema.

A aplicación do índice tamén apunta cara a a necesidade de comprender mellor e anticiparse aos incendios extremos que son imposibles de controlar ata que ocorra unha diminución da intensidade do lume.

Así serán os incendios do futuro en Galicia: máis rápidos, máis grandes e moi perigosos

Tamén se atopan correlacións estatisticamente significativas para Portugal, España e Italia entre o índice de concentración anual e varios índices de teleconexión climática, que son patróns de fluxos atmosféricos. A relación é clara coa fase negativa da chamada Oscilación do Mediterráneo Occidental, que produce ventos do leste na maior parte da Península Ibérica. Os ventos do leste en Portugal son secos e cálidos no verán, o que leva a un aumento importante no risco de incendios forestais, afirma Royé.

Finalmente, a aplicación do índice demostra a súa capacidade discriminatoria, que é un punto chave na detección de áreas vulnerables e tendencias temporais baixo o cambio climático.


Referencia: Wildfire burnt area patterns and trends in Western Mediterranean Europe via the application of a concentration index (Publicado en Land Degradation & Development).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións