Os restos de medicamentos no esterco, un perigo para os solos

Entre o 30 e o 80% dos antibióticos empregados en gandaría son excretados por ouriños e feces, acumulándose en esterco e xurros que ao ser aplicados no solo pasan ao medio natural cunha mobilidade que depende da capacidade de adsorción e desorción do terreo. Un proxecto de investigación estatal no que participan investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense estuda a presenza e dinámica de antibióticos en excrecións de gando e en solos de cultivo, tendo como obxectivos últimos identificar áreas de alto risco de contaminación por antibióticos e valorar medidas para reducir a súa concentración e o seu paso á cadea alimentaria e ás augas. A pesar da capacidade de impacto desta contaminación e de que Galicia posúe unha importante actividade agrícola e gandeira, os investigadores sinalan que non existen estudos científicos en detalle sobre a presenza e dinámica de antibióticos en solos agrícolas e pasteiros galegos, motivo polo cal xorde este traballo.

Os medicamentos consumidos polo gando acaban fixándose no solo. Foto: Duvi.
Os medicamentos consumidos polo gando acaban fixándose no solo. Foto: Duvi.

O proxecto que desenvolven investigadores da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo leva por título Problemas ambientais derivados da presenza de antibióticos de uso veterinario no solo: mobilidade, degradación e efectos sobre os microorganismos. Financiado con 119.790 euros na convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía e Competitividade do ano 2015, está liderado polo profesor Manuel Arias e participan nel, entre outros, os investigadores e investigadoras desta área Juan Carlos Nóvoa, David Fernández, Cristina Pérez, Remigio Paradelo e Flora Alonso, e completa o equipo Montserrat Díaz, do CSIC. O estudo enmárcase nun proxecto máis amplo e coordinado no que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a coordinación de Esperanza Álvarez, participan encargándose no seu caso de estudar a adsorción e desorción destes antibióticos no solo, o seu transporte e as medidas de control utilizando bioadsorbentes.

Publicidade

O estudo, explican os seus responsables, parte da hipótese de que a alta densidade de gando, o uso de antibióticos nel e a aplicación de dexeccións gandeiras nos solos de pradería e cultivo determinan de maneira importante a presenza neles de antibióticos e que as características deste solo poden afectar ao comportamento xeral destes contaminantes no medio ambiente. Deste xeito, ao longo do proxecto, os investigadores analizarán o contido de antibióticos en excretas de vacún, porcino e aviar de diferentes explotacións gandeiras de Galicia onde a aplicación de abonos e residuos de orixe gandeira é intensa. Especificamente estudarase a presenza dos antibióticos tetraciclinas e sulfonamidas, os máis vendidos e considerados respectivamente pola Unión Europea os segundos e cuartos antibióticos de maior risco en canto á vulnerabilidade dos solos.

As cunchas de mexillón, a cortiza de piñeiro e a cinza poderían reducir a contaminación

No traballo liderado polos investigadores ourensáns, que arrancou en 2016, “estúdase concretamente a degradación dos antibióticos en presenza ou ausencia de luz e o efecto da capacidade de adsorción do solo nesta posible degradación. Ademais avalíase o efecto dos antibióticos sobre os microorganismos do solo, atendendo á actividade das comunidades bacterianas e ao incremento da tolerancia destas aos antibióticos”, tal e como explica o seu responsable. A cotolerancia entre distintos antibióticos e a tolerancia a antibióticos inducida pola presenza de cobre, níquel, cinc e arsénico, tamén é outros dos focos de interese deste traballo. Conxuntamente cos investigadores da USC, os membros da Área de Edafoloxía e Química Agrícola tamén avaliarán a capacidade de bioadsorbentes (como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro e cinza de biomasa) para minimizar os efectos negativos dos antibióticos sobre as comunidades bacterianas do solo.

Publicidade

Ao longo dos tres anos nos que se desenvolve o proxecto, ata 2018, os investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense que participan neste estudo cuantificarán a presenza dos antibióticos seleccionados na vexetación de pradería (raíces e tallo), no trigo (gran) e na pataca (tubérculo). Tamén estudarán a mobilidade dos antibióticos en solos de distintas características a través de diversas técnicas. Neste senso identificarán os solos de especial vulnerabilidade, aqueles onde a mobilidade é alta, o que se relacionará con propiedades físicas e química dos diferentes solos, fundamentalmente areosos e con baixo contido en carbono. Ademais de avaliar a degradación tanto en presenza de luz como en escuridade e establecer a influencia do fenómeno de adsorción en dita disipación, os investigadores analizarán o efecto de distintos solos con diferente capacidade de adsorción na posible degradación dos antibióticos estudados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla