Investigadores galegos estudan o efecto do cambio climático nunha planta endémica do noroeste

A Santolina semidentata é unha especie de planta endémica do noroeste ibérico e protexida pola Directiva Hábitats da Unión Europea. Un proxecto no que participa persoal investigador da USC e da UVigo afondou en como o cambio climático pode estar afectando a viabilidade das súas poboacións. Como funciona a adaptación a distintos substratos desta especie, cal é a relación de parentesco que mantén con especies próximas e se está a padecer procesos de hibridación con algunha delas que compromete a singularidade xenética e a súa capacidade adaptativa aos cambios ambientais son algúns dos horizontes formulados no marco deste proxecto coordinado polos profesores do Departamento de Botánica da USC, Santiago Ortiz e Miguel Serrano, do grupo de investigación ACBiodiv.

No marco desta investigación, empregáronse ferramentas de modelización de nicho ecolóxico para identificar os rangos ambientais óptimos da especie e doutras próximas, así como o de posibles híbridos. “Identificáronse sobre a xeografía ibérica os lugares que poden albergar a especie nas condicións climáticas actuais e as futuras en escenarios de cambio climático, observándose como se modifican as distribucións neste caso, e como se solapan as de especies próximas aumentando o risco de hibridación”, explican dende o equipo investigador.

Publicidade

Ferramentas moleculares

Mediante o uso de ferramentas moleculares, de secuenciación Sanger e Xenotipado por Secuencia (RAdseq), comprobouse que o problema de hibridación entre especies é menos relevante para S. semidentata na actualidade do que se suxeriu, “aínda que o seu rol pode ser importante nos escenarios futuros”, matizan.

As ferramentas moleculares de alto rendemento  (Radseq) permitiron individualizar a Santolina melidensis como especie irmá pero diferente a Santolina semidentata, algo que non se verificou con ferramentas moleculares máis convencionais. “S. melidensisconstitúe así un endemismo seriamente ameazado propio de chans ultrabásicos do centro de Galicia e é merecedora da máxima atención de conservación”, explican.

Publicidade

Chans de características dispares

Santolina semidentata é capaz de crecer en chans con características moi dispares (graníticos, calcáreos ou serpentiníticos) grazas a unha gran adaptabilidade ecolóxica. Unha combinación de experimentos de xerminación e en invernadoiro demostrou que a supervivencia de S. semidentata en chans serpentiníticos (con características extremas como a presenza de metais pesados) foi posible grazas á evolución de mecanismos fisiolóxicos para evitar a captación de níquel, aumentar a captación de calcio e reducir a captación de magnesio. Así, as poboacións serpentiníticas de Santolina semidentata presentan características fisiolóxicas similares ao endemismo galego Santolina melidensis. O proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024