Os amieiros son unha peza clave nos bosques de ribeira. Foto: R. Pan.
Os amieiros son unha peza clave nos bosques de ribeira. Foto: R. Pan.

Unha nova investigación para saber por que morren os amieiros

A USC e a Confederación Miño-Sil asinan un convenio para que científicos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo estuden o problema

Hai agora 10 anos, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, citou por primeira vez a presenza dun fungo Phytophthora nunha mostra de amieiro (Alnus glutinosa) procedente da ribeira do Avia. Este e outros amieiros amosaban síntomas de decaemento, algo lles estaba facendo dano: as súas follas caían, volvíanse amarelas e eran escasas, e exsudaban na parte baixa do tronco. Ao pouco, unha mostraxe xeral descubriu que este fungo, coñecido como Phytophthora alni, aparecía xa nas catro provincias galegas.

Os amieiros son unha das árbores máis importantes dos bosques de ribeira de Galicia, que se caracterizan na paisaxe por formar unha especie de galería que escolta aos ríos, e ao abeiro dos cales se desenvolven unha importante diversidade de especies animais e vexetais. E nos últimos anos, este fungo está causando unha mortalidade elevada que está a ser estudada por diversos grupos de investigación. Esta semana, a Universidade de Santiago de Compostela e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil anunciaron a sinatura dun convenio a través do cal un equipo de investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC adscritos aos grupos Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic) e Proxectos e Planificación (Proepla) estudarán as causas e as circunstancias da mortalidade de amieiros nos ecosistemas fluviais das concas dos ríos Miño, Sil e Limia.

Ata 2021 desenvolveranse varias actuacións que contarán cun financiamento de máis de 125.000 euros, achegados pola Confederación Hidrográfica, segundo informaron este mércores o reitor da USC, Antonio López Díaz, e o presidente da entidade hidráulica, José Antonio Quiroga. Esta investigación dá continuidade aos traballos de carácter informativo e de diagnóstico xa desenvolvidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), segundo explicou a directora do Departamento de Botánica da USC, Rosa Ana Vázquez Ruiz de Ocenda, que conforma xunto cos tamén profesores da EPS de Enxeñaría Ignacio García González, Jorge Dafonte e Tomás Cuesta, o grupo de investigadores ligados directamente a este proxecto.

De esquerda a dereita, Valcárcel, López, Quiroga e De Anta, na presentción do convenio na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo. Foto: USC.
De esquerda a dereita, Valcárcel, López, Quiroga e De Anta, na presentción do convenio na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo. Foto: USC.

Algúns estudos previos xa deixaron constancia da situación delicada xeral que presentan as poboacións de amieiros non só en Galicia, senón no resto da cornixa cantábrica. Crese, con todo, que o fungo P. Alni non pode considerarse como causa última nin única da elevada mortalidade que presentan as poboacións de amieiros. Deste xeito, segundo explica Vázquez Ruiz de Ocenda, este novo proxecto permitirá que o profesor Ignacio García desenvolva en colaboración con persoal da Confederación un estudo dendrocronolóxico das plantas danadas, o que permitirá coñecer información respecto da idade da árbore e do momento en que contraeu esta enfermidade. Ao tempo, o equipo de Rosa Ana Vázquez investigará sobre os procesos de modificación celular experimentados nas plantas enfermas, dado que unha das características das plantas é a súa plasticidade ou capacidade de adaptación ao medio no que se atopan.

A dendrocronoloxía permitirá coñecer a idade das árbores enfermas, así como o momento no que comezou o seu decaemento ou, entre outra información. Esta datación é clave para abrir novas vías de investigación orientadas a determinar que posibles factores endóxenos ou mesmo esóxenos advertidos nese mesmo período puideron ser axentes causantes da progresiva morte destas árbores, relata Vázquez Ruiz de Ocenda. Alén destas pescudas, os investigadores Tomás Cuesta e Jorge Dafonte realizaron outros traballos máis ligados aos ámbitos hidrolóxico e hidromorfolóxico , posto que a caída de amieiros tamén ten incidencia directa nas masas de auga e pode alterar o seu estado ecolóxico, así como a diversidade intraespecífica e interespecífica.

As actuacións programadas no marco deste convenio son importantes para a CHMS, en tanto que permitirán avaliar a situación actual da enfermidade dos amieiros, prever o seu avance e avanzar no deseño e articulación de medidas de xestión, conservación e rexeneración da cuberta vexetal, a fin de frear a progresiva perda de bosque de ribeira, sinalou o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, quen precisou que as situacións máis críticas son as advertidas nas comarcas de Terra Cha e de Arnoia.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o comisario de Augas adxunto, Alberto de Anta Montero, tamén participaron, xunto con algúns dos investigadores implicados, na presentación deste novo proxecto de colaboración entre a CHMS e a USC. “Un proxecto importante que seguro que contribúe a esclarecer as causas e as circunstancias que provocan unha enfermidade que xa está xeneralizada nos bosques de ribeira”, dixo De Anta Moreno.

Rexeneración “in vitro” dos amieiros

Neste sentido, nos últimos anos houbo investigacións coas que xa se obtiveron avances para mellorar a situación dos amieiros. Hai dous anos, científicas do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), publicaron un traballo no que expoñían unha ferramenta biotecnolóxica para rexenerar “in vitro esta especie, despois de seis anos de ensaios no laboratorio do Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal. Conseguiron poñer a punto un método de micropropagación para a rexeneración de amieiros seleccionados en concas de Galicia afectadas pola praga do organismo Phytophthora alni.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.