Innovación contra os vertidos das conserveiras nas Rías Baixas

As Rías Baixas poden presumir de ser un dos ecosistemas mariños con maior biodiversidade a nivel mundial. Tampouco lles vai mal en canto a porcentaxe de industria conserveira: nas rías da provincia de Pontevedra concéntrase o 80% do sector en España. As augas residuais producidas por estas empresas de transformación son o cabalo de batalla do proxecto europeo Life Seacan,que  nos vindeiros tres anos e medio probará dúas tecnoloxías baseadas en procesos de biopelícula para a depuración dos vertidos industriais das conserveiras de peixe. Con esta iniciativa, coordinada pola Fundación Centro Galego de Investigacións da Auga (Cetaqua) e na que participan as Universidades de Vigo e Santiago, preténdese reducir a contaminación por materia orgánica e nitróxeno que sorportan as rías debido á actividade industrial.  Na investigación colabora a Asociación Nacional de Conservas de Peixe, Anfaco-Cecopesca.

As Rías Baixas concentran o 80% da actividade conserveira de España
As Rías Baixas concentran o 80% da actividade conserveira de España

O proxecto Life Seacan ten un orzamento de 1,7 millóns de euros, dos cales o 60% son achegados pola Comisión Europea a través do Programa Life14, e un prazo de execución de tres anos e medio, dende setembro deste ano ata febreiro de 2019. Investigadores e expertos das universidades e centros tecnolóxicos e de investigación tratarán de aplicar estas tecnoloxías para mellorar a calidade da auga vertida e, así, minimizar o seu impacto medioambiental no ecosistema mariño. A viabilidade e eficiencia destes procesos testarase nas Rías Baixas, despois de ter realizado xa probas iniciais con correntes da industria conserveira de peixe a pequena escala.
A novidade destas tecnoloxías é a súa economía e sustentabilidade, xa que minimizan o consumo enerxético e a súa pegada de carbono e obtense unha auga de máis calidade para o seu vertido directo. Desta forma, presérvase a biodiversidade do medio natural, esencial para o desenvolvemento da actividade económica da industria conserveira que, no caso de Galicia, representa un 2,8% do PIB da súa economía. Ata agora tense confirmado a eficacia destes procesos de biopelícula en augas residuais de diversa natureza, pero non o teñen aplicado a correntes procedentes das conserveiras de peixe. As probas iniciais a menor escala demostran que se mellora a calidade da auga e se reducen o consumo enerxético e a pegada de carbono, en comparación con tratamentos convencionais.

Este tipo de depuración reduce o consumo enerxético e a pegada de carbono

O proxecto arrancou este pasado mes de setembro e os socios están inmersos na busca dunha conserveira na zona das Rías Baixas na que poñer en funcionamento o prototipo que poñerá a proba as novas tecnoloxías de depuración que nun futuro poderían substituír ás que se están empregando na actualidade. A participación viguesa centrarase na avaliación da biodiversidade do substrato da zona bentónica. Para iso están implicados neste proxecto os profesores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Jesús Souza Troncoso, Mariano Lastra e Jesús López, así como o investigador Marcos Rubal. Este equipo centrarase en facer un seguimento da biodiversidade da zona de descarga da conserveira antes e despois de comezar o uso das novas tecnoloxías. “Traballamos co substrato brando na zona de desaugue na que se instale o prototipo e comezaremos un mes ou mes e medio antes para ter así datos da biodiversidade co sistema actual”, destaca Souza Troncoso. Recollerán tamén datos nunha zona de control para poder comparar os resultados. O director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, centro de investigación da universidade viguesa, destaca tamén que nos tres anos e medio de duración do proxecto desenvolveranse varios workshops en Vigo para avanzar na investigación e divulgar o traballo entre a sociedade.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

O chorro polar impulsa un episodio de calor que rozará os 40 graos en Galicia

MeteoGalicia activa avisos amarelos e laranxas por temperaturas máximas nas Rías Baixas, Ourense e o sur de Lugo

Detectada por primera vez na costa galega unha macroalga invasora tropical

Un equipo do IEO de Vigo acha un exemplar de 'Asparagopsis taxiformis' nas Rías Baixas, a cita máis setentrional rexistrada ata a data en augas europeas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa