Juan Luis Rodríguez Somoza, autor da tese sobre a biomasa, xunto aos investigadores Luis Ortiz e Antonio Vázquez. Foto: Duvi.

Un índice matemático para facer máis rendible a combustión de biomasa

Un dos problemas que implica o aproveitamento enerxético da biomasa atópase na cantidade de cinzas que xera a súa combustión e en como estas poden provocar problemas como a xeración de escouras nas caldeiras, ao que se suma a presenza nas mesmas de compostos químicos como a sílice, o potasio ou o sodio que baixan a temperatura de fusión da biomasa, provocando un descenso na eficiencia e danos nestes equipamentos.

Un dos problemas da biomasa é a cantidade de residuos que xera

Non obstante, “a día de hoxe non existe unha ferramenta que nos achegue información da calidade, risco de formación de escouras e perigo de fusibilidade para os biocombustibles sólidos”, sinala o investigador Juan Luis Rodríguez Somoza, quen, no marco da súa tese de doutoramento, definiu xunto ao responsable do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da Escola de Enxeñaría Forestal, Luis Ortiz, un índice matemático capaz de predicir o risco de formación de “sinterizados”, da xeración de escouras nas grellas das nas caldeiras, dos diferentes tipos de biomasa. Xunto a este índice, os investigadores desenvolveron tamén unha “ferramenta de cálculo automática” que facilita a clasificación segundo as normas de calidade dos diferentes materiais e as porcentaxes nas que “produtos biomásicos residuais”, como por exemplo restos de podas, deben mesturarse con outros de maior calidade para poder ser empregados como combustible sen que provoquen danos nas caldeiras.

“Con este índice, que é totalmente experimental, podes predicir se hai risco ou non de formación de escouras, evitando análises custosas”, sinala Rodríguez Somoza dun dos resultados da súa tese Optimización de los sistemas y procesos de control de calidad de productos biomásicos residuales, que dirixiu o catedrático Luis Ortiz. Trátase, explican, dun índice resultado do “traballo do día a día”,  da análise, que para diferentes empresas realizan de múltiples mostras de biomasa neste laboratorio e que permite predicir o risco de formación de “sinterizados duros”, aqueles que será máis difícil retirar das caldeiras, “en base ao estudo granulométrico das escouras resultantes da calcinación de biomasa”.

Rodríguez Somoza, con algunhas das mostras de biomasa. Foto: Duvi.
Rodríguez Somoza, con algunhas das mostras de biomasa. Foto: Duvi.

O primeiro obxectivo desta investigación era facer “unha compilación e análise dos sistemas e procesos de control de calidade para produtos biomásicos residuais”, dado que un dos principais problemas para o aproveitamento enerxético de residuos como, por exemplo, restos de podas ou de cortas de árbores, atopábase nos danos que poden xerar a longo prazo nas caldeiras, xa que a acumulación de cinsas “pode reducir a eficacia da combustión, provocar atascos e mesmo a paralización dos equipos”.

Dado que esta acumulación “depende fortemente” do tipo de biomasa empregada, o seguinte paso do estudo pasaba por avaliar o comportamento de diferentes mostras achegadas por empresas. Concretamente, traballouse con 44 mostras orixinais e 24 mesturas de biomasa, proporcionadas por Ceamsa, Calfensa e Biopalas, que permitiron á súa vez validar a eficacia para predicir “problemas de fusibilidade” dunha serie de índices matemáticos de deposición “definidos inicialmente para o carbón e adaptados á biomasa”. Foi precisamente a partires desta comprobación da eficacia destes índices cando Ortiz e Somoza desenvolveron o índice de dureza %D, que corroboraron tamén con diferentes análises experimentais.

As empresas poderán optimizar os seus produtos baseándose nos cálculos da investigación

Unha vez definida esta metodoloxía, a investigación completouse co desenvolvemento dunha ferramenta de cálculo que, introducindo unha serie de parámetros sobre a composición química das biomasas, permite obter a clasificación de cada biocombustible segundo as normas de calidade UNE-EN ISO 17225, segundo se destine á elaboración de pellets, briquetas ou estelas. Do mesmo xeito, esta ferramenta permite realizar “mesturas con distintos tipos de produtos biomásicos residuais”, o que faría posible empregar como combustibles produtos considerados de mala calidade, “e por tanto non aproveitables a nivel enerxético”, a través da súa combinación con outras biomasas de maior calidade, permitindo así “minimizar o risco de formación de escouras”. Trátase, como sinala Rodríguez Somoza, dunha ferramenta “totalmente práctica, que se podería desenvolver máis” e que xa se está a aplicar en empresas do sector xiloenerxético.

“Ás empresas serviulles mesmo para cambiar de subministrador precisamente á vista dalgúns problemas que non sabían exactamente por que se daban e que era precisamente pola presenza de moitas cinsas e pola súa composición química”, engade nese senso Luis Ortiz respecto dunha investigación que contribuíu tamén a sistematizar o traballo de análise e control de calidade de diferentes combustibles que desenvolven neste laboratorio. De feito, o estudo de como as biomasas residuais poderían ter un aproveitamento enerxético era xa unha das liñas de traballo deste equipo de investigadores, que agora dótanse dun “protocolo que permítenos avaliar en que porcentaxes hai que mesturar determinados produtos de calidade media-baixa con outros para minimizar os problemas que se poden xerar na combustión”, e que, como sinala Ortiz, non foi un resultado planificado senón que naceu “de proxectos reais, de intentar dar solucións a problemas de empresas concretas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.