Gonzalo López: “O circovirus porcino pode estar ata nas oficinas das granxas”

O investigador de Chantada lidera un traballo sobre a presenza do virus nas explotacións, que publica esta semana a revista "Scientific Reports"

O circovirus porcino tipo 2 (PCV2) é unha doenza inmunosupresora que afecta unicamente a este gando e representa un importante problema económico para as granxas de porcos. A pesar de que existen vacinas contra el, non todas as granxas inmunizan aos animais. Ademais, este virus é moi resistente, polo que permanece nas explotacións a pesar de que se tomen algunhas medidas de prevención e se vacine aos porcos. Desta premisa parte a investigación que desenvolve desde hai anos o científico de Chantada Gonzalo López Lorenzo, e que acaba de ver esta semana como un dos seus traballos foi publicado pola recoñecida revista Scientific Reports, do grupo Nature.

O artigo, asinado xunto a compañeiros do grupo Invesaga da Facultade de Veterinaria de Lugo, ten por obxectivo identificar os posibles puntos das granxas onde se acumula e persiste o PCV2. O traballo forma parte da liña de estudos que Gonzalo está realizando grazas ao premio que recibiu en 2017 da multinacional Boehringer Ingelheim, no que foi recoñecido como un dos tres mellores proxectos de investigación en Europa sobre o circovirus.

Publicidade

Para o traballo de campo, explica Gonzalo, analizouse a presenza do virus en cinco granxas galegas nas que non había establecido un protocolo de vacinación do virus. “Queriamos saber como se comporta o virus no ambiente das granxas para establecer métodos de prevención que vaian máis alá das vacinas”, expón o científico.

Ata o de agora, as investigacións realizadas centrábanse nos animais, pero o equipo do campus de Lugo decidiu enfocar a mirada cara ao medio no que vivían. E así foi como se encontraron con varios resultados “sorprendentes”, segundo subliña Gonzalo. “Era de esperar que atoparamos circovirus en todas as explotacións, porque é bastante resistente, pero chamounos a atención que atopamos case o mesmo nivel de contaminación en áreas nas que non hai animais, como nos almacéns onde se gardan as ferramentas. E vimos que o virus chega ata as oficinas, o que nos fai pensar que o persoal da granxa ten que xogar un papel clave para previr a propagación do virus”. Neste sentido, algúns dos niveis altos de PCV2 atopáronse nas botas de traballo dos gandeiros.

Publicidade

O traballo é “a primeira demostración da contaminación por PCV2 do persoal das granxas porcinas sen contacto directo cos animais”

Tal e como expón o artigo, a investigación dos científicos galegos “constitúe a primeira demostración da contaminación por PCV2 do persoal das granxas porcinas sen contacto directo cos animais”. Do traballo despréndese, segundo indica Gonzalo López, a recomendación de que se cambien algunhas rutinas de traballo nas granxas para previr e evitar a transmisión do virus.

“A detección de PCV2 en áreas como almacéns agrícolas, oficinas e o perímetro da granxa indica que estas instalacións deben incluírse nos procedementos de limpeza e desinfección, xa que poden representar puntos críticos onde o virus tende a acumularse e por tanto, actúan como posibles fontes de infección e reinfección”, conclúen.

Nos vindeiros meses, a investigación de Gonzalo López sobre o PCV2 continuará con novos resultados, nos que actualmente está traballando o equipo de Invesaga. “Temos algúns resultados provisionais que nos poden axudar a marcar o camiño para mellorar as recomendacións nas granxas, e evitar así que o virus resista nelas”.


Referencia: Environmental distribution of Porcine Circovirus Type 2 (PCV2) in swine herds with natural infection (Publicado en Scientific Reports o 15 de outubro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

Robots agricultores e gandeiros armados de intelixencia artificial: así son as granxas do futuro

A tecnoloxía avanzada transforma a produción agropecuaria e mellora a xestión dos recursos para aumentar a eficiencia e sostibilidade

Do residuo ao tratamento: ingredientes contra doenzas animais a partir do bagazo de uva Albariño

Un proxecto europeo coordinado pola USC transforma 20 toneladas de residuos do viño en máis de 15.000 litros de extractos en diferentes formulacións

Por que as hortensias son tóxicas? O caso das cabras que morreron en Baiona

Unha decena de animais dun gandeiro perden a vida tras inxerir restos de poda que contiñan unha planta tóxica capaz de producir cianuro