A probabilidade de chuvia será de tan só o 5% e as temperaturas acadarán os 26 graos nalgúns puntos do país. En resumidas contas: a influencia anticiclónica manterá o tempo estable en Galicia durante os festivos de Semana Santa. De media, os valores superarán os 20 graos pola entrada de aire cálido en latitudes inferiores, segundo informan dende Meteogalicia. Con todo, este escenario non se replicará noutros puntos de España, como é o caso das illas Canarias. A entrada dunha pequena DANA, que se desprazará de norte a sur do arquipélago, deixará precipitacións nas illas entre martes e mércores, segundo trasladan dende o portal meteorolóxico El Tiempo.
Galicia logra esquivar esta DANA e dálle a benvida ao tempo estable e sen precipitacións. De feito, espérase que os ceos estean despexados e o tempo sexa seco debido á ausencia de chuvias. No que respecta ás temperaturas, as mínimas sufrirán un lixeiro ascenso. Para o Xoves Santo, Ourense rexistrará a máxima de Galicia con 24 graos, que ascenderán ata os 26 graos durante o Venres Santo. En canto ás temperaturas mínimas, todas as das grandes cidades galegas estarán por debaixo dos 10 graos e Ourense e Lugo baixarán ata os 5 graos. O escenario non cambiará substancialmente durante e fin de semana, dado que Galicia seguirá baixo a influencia anticiclónica. Por tanto, as probilidades de precipitación seguirán sendo baixas e as temperaturas marcarán valores habituais para esta época do ano.
“Se non temos precipitacións abundantes nas próximas semanas será un verán con importantes restricións”
SAMUEL BIENER, meteorólogo de Meteored
Porén, dende Meteored advirten que para a recta final da Semana Santa —é dicir, sábado e domingo—, o escenario segue a ser incerto. “España quedará entre varios descolgues de aire frío e a dorsal”, explica o meteorólogo Samuel Biener. De momento, os prognósticos apuntan a posibles precipitacións na metade norte e tamén nas Baleares. De todas formas, as previsións poden cambiar. Ademais, o meteorólogo reflexiona sobre as boas noticias que supoñen o tempo estable para as confrarías e a xente que está de vacacións. Pero, pese a todo: “Son malas novas para o campo e os embalses. Se non temos precipitacións abundantes e xerais nas próximas semanas, probablemente nalgunhas zonas será un verán bastante duro con importantes restricións”, conclúe.