A fibra de piñeiro e eucalipto, un novo illante térmico?

Un proxecto de fin de grao dun alumno da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra avalía novos usos para estas madeiras

“Criamos que a madeira ía ser o novo carbón e o novo formigón, pero realmente tamén vai ser o novo plástico e o novo algodón”. Deste xeito explica o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, a importancia que este recurso pode ter no ámbito da bioeconomía e no desenvolvemento de novos produtos en áreas como as dos bioplásticos e os biotextiles, máis aló da súa propia aplicación na actualidade na produción de enerxía e na construción. Tratar de afondar nos múltiples campos de aplicación da madeira e das fibras de madeira para a creación de novos produtos constitúe de feito unha “liña estratéxica” para este centro do campus, como amosan exemplos como o produto con capacidade para funcionar como illante térmico e acústico que, a partires do traballo de fin de grao de Esteban Oubiña, desenvolveuse na escola e co que se proxectan realizar novos estudos que permitan confirmar a súa efectividade en relación a outros illantes térmicos empregados no sector da construción, como a lá de rocha.

Realizado a partires de fibras de madeira de piñeiro e eucalipto, “combinadas cunha pequena cantidade dun polímero”, este produto de baixa densidade pero con capacidade illante foi desenvolvido nos propios laboratorios da escola como parte do traballo de Oubiña, para posteriormente constatar a súa capacidade como illante térmico mediante o uso de termofotografía.

Publicidade

O director da Escola, Juan Picos, cun dos prototipos de illante. Foto: Duvi.
O director da Escola, Juan Picos, cun dos prototipos de illante. Foto: Duvi.

“Atopamos que é un produto que tería unha aplicabilidade moi boa, ata onde os medimos os parámetros son perfectamente competitivos cos da lá de rocha, que sae fundamentalmente de áridos de subprodutos da explotación mineira, ou cos de produtos plásticos”, explica Picos desta “manta térmica” realizada a partires das pezas doadas polas empresas Finsa e Betanzos HB.

“O traballo demostrou que podíamos fabricalo no noso laboratorio, cunha tecnoloxía moi básica, pero isto é escalable a nivel industrial”, engade o director da Escola de Enxeñaría Forestal sobre o proxecto, que agora continuará coa realización de “probas moito máis estandarizadas”, así como con estudos que permitan constatar a súa capacidade como illante acústico. Do mesmo xeito, o feito de que se trate dun produto biodegradable fai que esta liña de traballo, “que terá como punto de partida os traballos con alumnos”, deba abranguer tamén o estudo de como afectarían os fungos a este material, contando coa implicación das investigadoras e investigadores da escola especializados neste eido para realizar unha serie cultivos neste material co propósito de definir “como se degrada e en que condicións”. De concretar, engade Picos, que posibles aditivos poderían ser necesarios para garantir que esa degradación se produza unha vez o produto está fóra de uso, así como de estudar o seu comportamento cunhas condicións de humidade determinadas.

Publicidade

Unha liña estratéxica para o centro

O desenvolvemento de novos produtos a partires de “procesos ambientalmente sostibles” constitúe, como lembra Picos, unha das tendencias centrais da bioeconomía e tamén, nunha “liña estratéxica” para este centro, que avoga por explorar, a través dos traballos dos investigadores e investigadoras, dos proxectos do alumnado ou das colaboracións con empresas “que é todo o que poderíamos facer” con madeira e con outra serie de produtos derivados da explotación forestal, como a cortiza ou as follas.

“Dentro do concepto de mellora continua da escola e da nosa especialidade de Industrias da madeira, onde xa fixemos cambios na memoria de verificación do grao para introducir determinados contidos”, así como nos laboratorios, a través da reconversión do laboratorio de celulosas en laboratorio de transformación química da madeira ou aa creación dun espazo de innovación e desenvolvemento “onde o alumnado poida experimentar con materiais innovadores derivados da madeira”, apunta Picos.

Nese senso, o director da Escola incide en que este “traballo con novos materiais” constitúe unha “tendencia moi importante” que proxectan explorar, por unha banda, incentivando ao alumnado a estudar que se pode obter estes recursos pero tamén buscando que esta liña “permita o traballo de diferentes investigadores da escola directamente con empresas”, promovendo un traballo “absolutamente transversal en todos os laboratorios e departamentos”. Non en van, engade, trátase dun “camiño moi amplo”, que abrangue desde o estudo dos compoñentes químicos que poidan extraerse de follas ou cortizas ao desenvolvemento de bioplásticos ou o emprego de fibras de madeira como materia prima no sector téxtil, como xa fan algunhas das principais firmas do sector. “A idea e ir aproveitando docencia, investigación, infraestruturas, laboratorios, colaboracións con empresas…para ir avanzando nese camiño e ver ata onde podemos chegar”, conclúe Picos.

2 COMENTÁRIOS

  1. El nombre de la foto es incorrecto, el nombre del alumno (como bien pone en el resto del artículo) es Esteban.
    Genial trabajo de nuestro compañero, enhorabuena Esteban!!!!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

Unha recreación en 3D recupera a desaparecida casa de baños La Concha de Arosa

O CIAG crea unha visualización dixital dun edificio de finais do XIX que funcionou como polo turístico e centro do lecer aristocrático da época ata o seu peche tras a Guerra Civil

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos