A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) centro de investigación dependente da Deputación de Pontevedra e situado no termo municipal da capital provincial, súmase á lista de enclaves que dispón da certificación como destino de turismo científico Observer, un selo que recoñece o valor medioambiental e patrimonial destes espazos. Areeiro súmase así ao castelo de Soutomaior, que se converteu en pioneiro na provincia ao acadar o selo polo seu xardín histórico. Para dar a coñecer o espazo, a Deputación pon en marcha a Ruta da Ciencia Areeiro, un proxecto de visitas guiadas dirixidas tanto ao público xeral como persoal científico especializado e interesado na botánica ou os cultivos, para quen se farán percorridos específicos.
A presidenta provincial, Carmela Silva, supervisou este luns o percorrido destas visitas guiadas. “Con este selo xa somos unha provincia de ciencia certificada e a finca do Areeiro vai ter moitísima presencia e recoñecemento”, destacou Silva. O selo vai a permitir “dar a coñecer a EFA moito máis e facelo cara o público xeral para que a sociedade tome conciencia da importancia de manter a biodiversidade”. Neste senso a presidenta puxo o aceno na relevancia de que “pasen moitas familias, moitas nenas e nenos que esperten o amor polo coñecemento vinculado á natureza así como pola súa preservación”.
Ruta da Ciencia de Areeiro
Estas visitas guiadas estarán conducidas por guías que amosarán ás persoas asistentes os distintos lugares da Estación como o Xardín Pedro Mansilla, o Insectario ou o xardín das aromáticas. Deste xeito, a Ruta da Ciencia de Areeiro versará sobre a investigación botánica en Galicia, a camelia -unha flor que ten usos alén do ornamental como a extracción de aceite das súas sementes- ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras. Tamén se falará das plantacións de té -a segunda bebida máis consumida do mundo despois da auga-, kiwis, feixoas, os fentos ou as plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta.
A EFA
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro está centrada na investigación práctica e o diagnóstico en materia de fitopatoloxía forestal e agraria. Ao mesmo tempo, os seus equipos traballan na na introdución e conservación de especies froiteiras e ornamentais. E na área da análise edafolóxica para a mellora do abonado.
A súa creación respondeu ao afán do organismo provincial por cubrir o gran baleiro existente en materia de asesoramento directo aos agricultores no relativo á sanidade dos seus cultivos. Deste xeito, a provincia conta cun espazo especializado no estudo e diagnóstico dos patóxenos e pragas máis frecuentes nas plantas. Grazas a este labor, o sector agrícola dispón de información cercana para tomar decisións baseadas na evidencia científica.
Na actualidade, a EFA conta con seccións de Fitopatoloxía, Edafoloxía, Fruticultura e Ornamentais, e Bioloxía Molecular. O seu outro obxectivo é a investigación de carácter práctico relacionada cos ámbitos agrícola e forestal.
Desde o 16 de abril de 2007 a Estación Fitopatológica Areeiro é Unidade Asociada á Misión Biolóxica de Galicia, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Esta unión permitiu axuntar os esforzos destes dous importantes centros de investigación agroforestal radicados na provincia.