Venres 29 Marzo 2024

Estas son as nove especies de morcegos ameazadas en Galicia

Os morcegos móvense na escuridade, teñen un aspecto chamativo e levan pendurada unha lenda negra que persiste en moitos casos. En realidade só unha subfamilia, a dos Desmodontinae, orixinaria de Suramérica, ten un comportamento parecido ao do conde Drácula e chucha sangue dalgúns vertebrados. Son uns animais moi particulares; ao seren os únicos mamíferos que poden voar de forma activa e estar espallados, mediante máis de 1.100 especies, por todo a superficie terrestre do planeta, agás a Antártida, polo que son unha boa mostra para estudar a evolución e adaptación dos seres vivos a diferentes medios. Pero tamén son unha orde que sofre os cambios que a actividade humana provoca no medio. E a súa situación en Galicia é un exemplo, xa que nove especies están no Catálogo de Especies Ameazadas, consideradas en situación vulnerable.

En Galicia, desde 2008, a asociación conservacionista Drosera mantén en marcha o programa Morcegos de Galicia, no que se ofrece cumprida información e actividades para sensibilizar á poboación a prol da conservación destes mamíferos no país.

Publicidade

Pola súa parte, a Asociación Española para o Estudo e Conservación dos Morcegos (Secemu), explica na súa web que as principais ameazas para as poboacións son as accións do home, en especial factores como a “alteración de hábitats naturais, que en moitos lugares foron substituídos por cultivos intensivos ou por explotacións forestais monoespecíficas e homoxéneas; as molestias e actos vandálicos en refuxios, especialmente nas épocas de cría e de hibernación, que poden acabar con colonias numerosas ou cos seus refuxios; a perda de refuxios por restauración de edificios, realización de obras en covas ou talla de árbores con ocos; a morte de individuos por intoxicación debida a pesticidas, especialmente se estes tratamentos se realizan onde crían ou hibernan colonias; e a morte de exemplares por accidentes en parques eólicos, estradas e outras infraestruturas humanas”.

Na actualidade, son nove as especies de morcegos ameazadas en Galicia:

Morcego das covas (Miniopterus schreibersii)

Miniopterus schreibersii. Foto: Steve Bourne / CC BY-SA 4.0.
Miniopterus schreibersii. Foto: Steve Bourne / CC BY-SA 4.0.

É un morcego de tamaño mediano (4,2-5 centímetros), un fuciño moi curto, orellas pequenas e triangulares. Ten un pelame denso e curto, de cor parda grisácea no dorso e máis clara na zona ventral. Detectouse sobre todo na metade oriental de Galicia, e está descrita como a única especie únicamente cavernícola en Galicia.

Morcego de Bechestein (Myotis bechsteinii)

Myotis bechsteinii. Foto: Gilles San Martin / CC BY-SA 2.0.
Myotis bechsteinii. Foto: Gilles San Martin / CC BY-SA 2.0.

Trátase dun Myotis de tamaño mediano (entre 40-43 milímetros), e diferénciase polo tamaño das súas orellas, anchas e longas. A pelame é longa, coa base do pelo pardo escuro e a cara ventral de cor gris clara. Non é moi frecuente en Galicia, onde foi citada ligada a formacións de árbores caducifolias. Coñécese unha poboación reprodutora no Morrazo.

Morcego rateiro grande (Myotis myotis)

Myotis myotis. Foto: Gilles San Martin / CC BY-SA 2.0.
Myotis myotis. Foto: Gilles San Martin / CC BY-SA 2.0.

É o maior do seu xénero en Europa, e as femias son algo maiores ca os machos, chegandoa a acadar case seis centímetros de lonxitude. Ten unha cor escura, co dorso castaño grisáceo e o ventre case branco. Aparece, polo xeral, vencellado a masas forestais, principalmente caducifolias e piñeirais. Pode confundirse co M. blithii cando este non ten a súa mancha dourada entre as orellas.

Morcego rateiro mediano (Myotis blythii)

Myotis blythii. Foto: Amirekul. Foto: CC BY-SA 4.0.
Myotis blythii. Foto: Amirekul. Foto: CC BY-SA 4.0.

Parécese ao Myotis myotis, pero no 95% dos individuos destaca a presenza dunha mancha branca tirando a dourada na parte frontal. Oscila entre os 50 e os 60 milímetros de lonxitude. A súa presenza en Galicia é bastante escasa, xa que se cingue a áreas mediterráneas.

Morcego de orellas fendidas (Myotis emarginata)

Myotis emarginatus. Foto: Karol Tabarelli de Fatis/MUSE / CC BY-SA 3.0.
Myotis emarginatus. Foto: Karol Tabarelli de Fatis/MUSE / CC BY-SA 3.0.

Morcego de tamaño mediano-pequeno (de 3,7 a 4,2 centímetros), con orellas de lonxitude media que estendidas chegan xusto ata o fuciño. Presentan unha escotadura ben notoria e marcada nas orellas, como se estiveran rotas. O pelo é laúdo, arroibado na zona dorsal e amarelado no ventre. Adoitan aparecer en orografías accidentadas. En Galicia están localizados nos montes entre Pontevedra e Ourense, Ribeira Sacra e Serra do Laboreiro.

Morcego de bigotes (Myotis mistacina)

Myotis mistacina. Foto: Mnolf - CC BY-SA 3.0.
Myotis mistacina. Foto: Mnolf – CC BY-SA 3.0.

Ten un tamaño pequeno, de arredor de 3,5 centímetros. A cara, as orellas e as membranas das ás son de cor parda tirando a negra. Sábese que en Galicia está presente nos bosques das montañas orientais, no curso medio do Eume e nos cursos altos de Miño, Sor, Umia e Lérez.

Morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum)

Rhinolophus ferrumequinum. Foto: Marie Jullion / CC BY-SA 3.0.
Rhinolophus ferrumequinum. Foto: Marie Jullion / CC BY-SA 3.0.

É a especie de morcegos do xénero Rhinolophus de maior tamaño na Península Ibérica, cun tamaño que pode chegar aos 5,5 centímetros. Destaca, como os seus parentes, pola forma trangular das orellas e a excrecencia nasal en forma de ferradura, que lle dá nome. A cor da parte dorsal do corpo é parda escura e a parte ventral é moito máis pálida. Os individuos novos son moito máis claros e grises que os adultos. Adoita aparecer en zonas con presenza de gando en extensivo, dado que se alimenta de escarabellos coprófagos das familias Scaraboidea e Geotrupidae.

Morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros)

Rhinolophus hipposideros. Foto: Jessicajil / CC BY-SA 2.0.
Rhinolophus hipposideros. Foto: Jessicajil / CC BY-SA 2.0.

Como o seu nome indica, destaca polo seu pequeno tamaño, nun abano de entre 3,5 e 4 milímetros de lonxitude. Ten as orellas grandes, cunha cor parda na zona dorsal e gris clara no ventre. Adoita hibernar totalmente envolto na membrana que forman as ás. Está considerado como un especialista da caza aérea en ambientes forestais, pois amosan unha gran capacidade de manobra en voo.

Morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale)

Rhinolophus euryale. Foto: Carlosblh / CC BY-SA 3.0.
Rhinolophus euryale. Foto: Carlosblh / CC BY-SA 3.0.

Ten un tamaño intermedio entre os seus dous dos morcegos rinolofos. A cor dorsal é gris parda, máis clara na base, e o ventre é branco agrisado, ou lixeiramente amarelado. As membranas alares e orellas son de cor gris pardo claro. Na Península Ibérica pode confundirse con R.mehelyi. Durante a hibernación poden verse nunha postura característica, pendurando dunha soa pata.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.