Xoves 28 Marzo 2024

Un biólogo cita por primeira vez en Galicia 10 especies de formigas

Fede García publicou recentemente un artigo co que aumenta nun 10% o número de especies de formigas citadas no país

O biólogo galego Fede García publicou recentemente nos Arquivos da Revista Galega de Entomoloxía a descrición de 10 especies de formigas descritas por primeira vez en Galicia. Os achados realizáronse en varios puntos das provincias de Lugo e Ourense entre os anos 2009 e 2018, e foron agora publicados polo biólogo no artigo citado.

Explica García que “o traballo forma parte dun proxecto máis grande, no que K. Gómez máis eu imos facer o catálogo de todas as especies de formigas coñecidas en Galicia, sexa por publicacións anteriores ou polo que atopamos nós”. Con esta achega increméntanse nun 10% as especies coñecidas en Galicia, que era de 92. Subliña tamén este investigador, formado na universidade de Barcelona, que noutros países levan moito tempo estudando sobre a distribución das formigas, “algo que en Iberia aínda non está rematado”.

Publicidade

O biólogo conta que ata comezar este proxecto “había poucos traballos que tratasen este grupo en Galicia, e a maior parte das citas son moi antigas“, polo que tanto García como K. Gómez marcáronse o obxectivo de obter unha lista razonablemente completa, o que por comparación con outras partes da Península, e tendo en conta as tendencias nas distribuicións das formigas ibéricas, pensamos que vai ser así”.

As novas especies de formigas

Os novos achados non foron pouco esperados, pero si lle chamaron a atención a Fede García algúns detalles. “No caso de Goniomma e Iberoformica, o seu achado era bastante imprevisible, ainda que fose no val do Sil, a rexión máis mediterránea de Galicia, porque para esta parte da península as súas citas son cada vez máis escasas, polo que parecen habitar en lugares illados onde o microclima sexa o adecuado. No caso concreto de Iberoformica, as citas cara o norte do Guadarrama son moi escasas, mentres que no sur e na zona costeira mediterránea da península é unha especie moi habitual”.

Tamén destaca o biólogo galego o achado da Myrmica karavajevi, xa que foi a segunda cita peninsular, despois dunha en Euskadi. “Trátase dunha especie parasita social, dependente doutra formiga hospedeira para a súa reproducción e mantemento”. Estas formigas “forman poboacións illadas onde a densidade do hospedeiro sexa alta, e aínda neses ‘parches’ a súa frecuencia é baixa”, explica Fede García. Que engade: “Con sorte poden estar presentes nun 20% dos niños do hospedeiro, pero o máis normal é que o valor sexa máis ben dun 1% ou menor. Ademáis estaban infestadas con Hormiscium, un fungo parasito do que non se sabe practicamente nada máis que a forma que ten”.

No caso das dez especies do traballo, en atención ás rexións bioxeográficas, serían eurosiberianas Myrmica karavajevi, Myrmica spinosior e Stenamma debile; mediterráneas Goniomma hispanicum, Iberoformica subrufa, Plagiolepis taurica, e Temnothorax aveli; e de altitude Myrmica xavieri e Tetramorium alpestre. Ademáis hai unha introducción, Hypoponera punctatissima, que xa era coñecida de moitos puntos da península e ademáis está moi extendida polo mundo, aínda que non é praga nin causa danos.

Referencias: Dez especies de formigas (Hymenoptera: Formicidae) novas para Galicia (NO Península Ibérica), en Research Gate.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os salvadores de tartarugas das Rías Baixas: así se recuperan animais vulnerables en Galicia

Biólogos da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños explican como traballan no seu centro de recuperación de Nigrán

As formigas, unha sociedade sen ocio?

O entomólogo Carlos Otero asegura que as formigas obreiras traballan arreo pero que tamén descansan, aínda que cumprindo sempre algunha tarefa

As formigas poden chegar a morrer se perden o rastro da súa colonia

Desprázanse seguindo o rastro das feromonas que desprenden os exemplares que as preceden porque teñen unha visión extremadamente limitada

Os centros galegos de recuperación atenderon máis de 4.000 animais no que vai de ano

A Xunta incide no grande papel que teñen estas instalacións no coidado dos animais que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural