Erupción en La Palma: 50 días sen albiscar o ‘apagón’ do volcán

O comité científico dá conta da tendencia puntual de certos parámetros asociados á actividade volcánica, pero insiste en que deben manterse no tempo

Cúmprense sete semanas e un día, isto é, 50 xornadas, desde que nas abas de Cumbre Vieja aflorase un novo volcán. Desde a tarde do domingo 19 de setembro, unha cantidade inxente de lava, gases e cinza está a manar desde o interior da Terra, causando danos materiais sen precedentes na illa palmera.

Preto de 1.000 hectáreas cubertas polas linguas de lava, cunha anchura máxima de máis de tres quilómetros, e case 1.500 edificacións danadas ou destruídas, ademais de superficies agrícolas e decenas de quilómetros de estradas. A illa, alén do manto de cinza que a cobre, quedará, probablemente durante moito tempo, cunha negra cicatriz no suroeste que mudou en poucas semanas moitas vidas.

E por agora non hai sinais claros de que a erupción estea preto de acabar, a pesar de achegarse xa á media aproximada dos procesos eruptivos na illa, situada nun abano entre 50 e 60 días. Este luns, no seu ditame diario, o comité científico do Plan Especial de Protección Civil y Atención de Emergencias por Riesgo Volcánico de Canarias (PEVOLCA), informou dunha tendencia descendente dalgúns dos indicadores da erupción, como a sismicidade, o tremor ou a emisión de gases do penacho, pero os expertos insisten en que esta tendencia ten que consolidarse no tempo para que sexa permanente.

As superficies afectadas pola lava aumentan moi pouco nos últimos días, xa que o material que emite o volcán transita en parte sobre os traxectos xa afectados con anterioridade e, por outra banda, baixo a superficie, a través de tubos volcánicos cubertos por rochas xa arrefriadas.

O ditame do comité científico informou igualmente que seguen activos varios centros de emisión, tanto de piroclastos como de lava, que van mudando segundo se altera a configuración do cono eruptivo.

Ademais, nos últimos días empeorou a calidade do aire, chegando a acadar o valor medio diario máis alto no referente ás partículas menores de 10 micras (PM10) na estación dos Los Llanos de Aridane, con 382 µ g/ m³ (o limiar diario establecido é de 50 µg/m³), manténdose os niveis extremadamente desfavorables. Entre as 12:00 e as 16:00 horas rexistráronse medidas horarias superiores a 1.000 µ g/ m³, coincidindo cunha maior velocidade do vento, que intensifica o fenómeno de resuspensión de partículas depositadas previamente.

A sismicidade mantense baixa respecto a as semanas anteriores e continúa localizándose nas mesmas zonas, a profundidades entre 10 e 15 km e tamén a profundidades superiores a 20 km. A magnitude máxima nas últimas horas foi 4.6 mbLg dun evento o domingo ás 17:07 a profundidade de 37 km, sentido con intensidade máxima IV. O tremor nas últimas 24 h mantense en niveis baixos. O nivel de sismicidade actual segue indicando que é posible que se produzan máis sismos sentidos, podendo alcanzarse intensidades VI e orixinar pequenos desprendementos en zonas de pendente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.