Un equipo galego busca solucións ao ruído mariño: “As ameixas agóchanse para protexerse”

Instalan equipos preto de Cortegada para rexistrar a contaminación sonora e barallan a implantación de motores eléctricos como alternativa

Os mexillóns pechan as súas valvas e as ameixas agóchanse no sedimento. É o seu único escudo para protexerse do ruído mariño. “Damos por feito que non existe ou que só afecta os cetáceos pero eles, polo menos, poden escapar”, asegura a investigadora Silvia Torres, do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar). Segundo traslada a experta, hai un “gran descoñecemento” sobre a contaminación sonora no medio mariño. “Non se sabe, por exemplo, que o son viaxa máis lonxe e ten menos amortecemento no mar que no aire”, explica Torres, que insta a buscar solucións o antes posible. Fronte a outros tipos de contaminación, o ruído mariño ten unha grande vantaxe: “Non deixa residuos e pódese frear sen que haxa consecuencias”.

Ese é o principal obxectivo do proxecto Silencios, unha iniciativa dirixida por Torres xunto ao seu equipo do Cetmar e financiada pola Fundación Biodiversidad. “Queremos mellorar o coñecemento sobre o ruído mariño e saber como podemos diminuílo”, resume a experta, tamén coordinadora da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do centro. A súa gran ferramenta de traballo é unha batea situada fronte á illa de Cortegada. Malia que o seu aspecto non é singular, a súa función nada ten que ver coas do seu arredor. Non está destinada ao cultivo do mexillón, senón á observación mariña. Nela hai instalados varios equipos que envían información oceanográfica e meterolóxica imprescindible para o proxecto. Por exemplo, cal é a temperatura da auga ou o son ambiente ao que están sometidas as especies dos arredores.

Publicidade

Varios equipos instalados nunha batea fronte á illa de Cortegada envían información en tempo real

Un dos dispositivos máis importantes é o hidrófono, que se usa en auga pero funciona de maneira similar a un micrófono no aire. “Serve para controlar e rexistrar o ruído ambiente mariño. É importante que saibamos distinguir que parte é artificial e que parte natural”, explica Torres, ao tempo que recoñece as dificultades de obter rexistros limpos. Para este labor contan cunha aplicación en tempo real que permite detectar se o ruído provén dunha embarcación ou dun cetáceo e, a maiores, ofrece unha análise dos distintos niveis sonoros. O proceso está automatizado grazas a un sistema que deseñaron en colaboración coa Universidade de Vigo.

O hidrófono que rexistra o ruído mariño.
O hidrófono que rexistra o ruído mariño.

Datos en aberto

Outro dos aspectos que salienta Torres é o acceso en aberto aos datos. “Non só están dispoñibles para o científico, senón tamén para a empresa, o cidadán e o colexio que queira facer uso deles”, engade. A investigadora do Cetmar insiste en que hai un acceso inmediato ás medicións grazas á transmisión en tempo real de información sobre o ruído mariño, pero tamén sobre a temperatura, a salinidade e as correntes. “O sector marisqueiro e pesqueiro tamén adoita estar moi atento a estes datos porque para eles é un valor engadido. Se coñecen información sobre a salinidade poden predicir algúns acontecementos. Ás veces as baixadas bruscas poden xerar mortalidades altas”, apunta Torres e recorda que todos os equipos que rexistran datos aliméntanse de paneis solares e eólicos.

Publicidade

“Hai actividades moito máis ruidosas que a pesca e o marisqueo, como o transporte de pasaxeiros”

SILVIA TORRES, directora do proxecto Silencios

O motivo polo que o hidrófono —único de España que está a emitir en tempo real— se colocou nunha batea fronte á illa de Cortegada responde a varios motivos. “Coincide cunha zona protexida, o parque nacional das Illas Atlánticas, e tamén coa ría de Arousa, que ten unha gran actividade extractiva“, indica a investigadora do Cetmar. Unha localización idónea para crear un mapa sonoro da zona, onte tamén hai moitos arroaces e un paso frecuente de embarcacións pesqueiras e marisqueiras. “De todas formas, hai actividades humanas moito máis ruidosas como o transporte de pasaxeiros ou de mercancías”, recalca Torres, que agradece a colaboración das confrarías no proxecto Silencios.

Os motores eléctricos

De feito, a directora da iniciativa insiste en que traballaron “man a man” co sector. “Interesábanos esta zona porque queriamos analizar a actividade extractiva e saber se se poden buscar alternativas para reducir o ruído que xeran”, indica. A colaboración estreita con sete confrarías galegas permitiulles colocar GPS nas súas embarcacións, estudar que tipo de xornada realizaban, que motor usaban e con que potencia. O obxectivo: analizar a posibilidade de instalar motores eléctricos. “Fan menos ruído e teñen menos pegada de carbono pero hai que ter en conta as características da frota galega”, explica a investigadora. Torres recoñece que hai actividades para as que esta opción queda descartada, como o percebe. “Necesitas un uso do motor rápido e eficaz porque estás xogando a vida. Pero hai outras actividades máis factibles, como o marisqueo a flote”, explica.

“A implantación de motores eléctricos é unha transición lenta que require moita loxística”

SILVIA TORRES, directora do proxecto Silencios

As dificultades para a implantación de motores eléctricos van máis do tipo de actividade na que se poidan integrar. “É unha transición lenta que require moita loxística”, explica Torres, poñendo como exemplo que non todos os coches que se usan hoxe en día son eléctricos, senón que conviven uns modelos con outros. Así mesmo, habería que atender a outros detalles: “Hai talleres que os subministren? É difícil”. De igual maneira, hai que estudar se ese tipo de motores son capaces de ofrecer as potencias e velocidades que se necesitan para as actividades extractivas. O que si detectaron no proxecto Silencios é que hai unha maior predisposición a electrificar os motores auxiliares. “Aí, en realidade, reduciríase máis o ruído aéreo pero xa estarías mellorando a hixiene e a seguridade do sector, que tamén é importante”, sinala Torres.

A investigadora Silvia Torres na batea de observación mariña.
A investigadora Silvia Torres na batea de observación mariña.

De momento non hai ningún barco electrificado en Galicia e as primeiras probas estanse a realizar nos ríos. “No proxecto tamén colaboramos con Andalucía, Cataluña e Valencia e na Albufera si que existe algún caso de electrificación”, apunta a directora de Silencios. Pero as embarcacións que se empregan nestas zonas, segundo matiza, teñen unhas características moi diferentes ás galegas e, ás veces, este tipo de resultados non se poden extrapolar. Así mesmo, nesas zonas existe un problema de relevo xeneracional máis acusado aínda que en Galicia. “Se non tes quen te substitúa non vas investir neste tipo de melloras”, recoñece Torres. Aínda así, valora moi positivamente a colaboración coas confrarías e aprecia unha predisposición á modernización. “Eles tamén acaban cos oídos destrozados despois dunha xornada de traballo”, engade un dos membros do equipo.

Máis investigación

Malia a realidade descrita por Torres, ela insiste en que os niveis de ruído mariño na ría de Arousa —alomenos na contorna de Cortegada— “non son preocupantes”, pero hai que seguir investigando. As conclusións son aínda preliminares porque se precisa máis información coa que manter as series e establecer medidas contundentes. Torres recoñece que, de momento, non teñen series longas. De feito, apénase de non ter datos dos meses máis duros da pandemia, durante o confinamento estrito. En marzo e abril de 2020 estaba a desenvolverse a primeira parte do proxecto Silencios, acabouse o hidrófono e non puideron repoñelo. “Sería fantástico ter aquela liña de base”, apunta. Nestes dous últimos anos tiveron que cambiar o hidrófono de sitio e os primeiros rexistros, dende o punto de vista científico, non teñen valor. Pero o traballo continúa, incansable, cunha finalidade que roza o poético: converter o ruído en silencio.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O traballo silencioso da muller galega no mar: “Non facían dobre, senón tripla xornada”

A investigadora da USC Luisa Muñoz Abeledo publica un libro para honrar os labores femininos, que supoñían o 30% dos ingresos familiares

Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano