Sábado 20 Abril 2024

“En Galicia non hai volcáns, pero tampouco é una zona estable”

O xeógrafo Pérez Alberti sinala que La Palma é una illa en crecemento que seguirá medrando cara o sur

Grandes linguas de lava avanzan cara ao mar nunha paisaxe tinguida de lume e cinzas. Esa é a imaxe que miles de persoas residentes na Palma teñen gravada nas súas retinas, converténdose en testemuñas directas da erupción dun novo volcán. Os movementos sísmicos rexistrados durante a última semana foron o preludio da primeira explosión, que se produciu a primeira hora da tarde do domingo. Dende aquel momento, La Palma vive unha constante expulsión de lava e gases que van gañando terreo. “As illas occidentais do arquipélago canario son moi activas porque continúan formándose”, apunta o xeógrafo galego Augusto Pérez Alberti, que ofrece as claves para entender o que está a pasar na Palma.

“Debaixo da illa hai unha serie de cámaras magmáticas onde se acumulan rochas fundidas a altas temperaturas. Hai certos momentos nos que están sometidas a moitísima presión, e por iso o magma quere saír”, explica Pérez Alberti. Seguindo a súa exposición, as rochas que están por debaixo teñen unha menor densidade e, polo tanto, comezan a ascender. A súa subida maniféstase en forma de terremotos que primeiro son moi profundos e, despois, máis superficiais. “O primeiro que saen son os gases e aí comeza a erupción. Logo aparece o magma, que comeza a fluír, e aproveitará as zonas deprimidas e os antigos barrancos. Os ríos de lava da Palma flúen lentamente pero tamén destruirán todo o que atopen por diante”, aclara o xeógrafo galego.

Publicidade

“As illas occidentais do arquipélago canario son moi activas porque continúan formándose”

En La Palma, os terremotos funcionaron como sinal de alarma. Mais en Galicia, onde tamén se producen movementos sísmicos con relativa frecuencia, non se poden interpretar da mesma maneira. “En Galicia podemos estar tranquilos porque non hai volcáns pero tampouco estamos nunha zona estable. Hai placas que se están movendo e iso supón que haxa moitos terremotos”, indica Pérez Alberti. Mais a situación destes dous territorios non é comparable, como tampouco o son os sismos que se producen nun punto e noutro. Mentres que os temblores que se producen en Galicia se deben ao movemento das placas, ao estar situados unha zona moi fallada, os terremotos da illa da Palma alertan da actividade volcánica. “Os movementos sísmicos son distintos”, puntualiza o xeógrafo.

Evolución da amplitude do tremor volcánico durante o primeiro día. / Involcan

Unha illa en crecemento

Do que non se poden facer afirmacións categóricas é do tempo que durará a erupción deste novo volcán. Segundo explica Pérez Alberti, todo dependerá da cantidade de magma que estea acumulado na cámara magmática. El apóiase na información ofrecida polos compañeiros de profesión, así como por vulcanólogos, que estiman que o volcán poida seguir expulsando lava durante semanas ou meses. “Isto é o que vai permitir que a illa continúe medrando, sobre todo cara ao sur. As erupcións constantes ou frecuentes son as que fan que aumenten o seu tamaño”, recalca o xeógrafo.

Augusto Pérez Alberti. Foto: USC.

Máis alá disto, as consecuencias dunha erupción volcánica sempre alcanzan unha gran magnitude. Segundo os últimos datos consultados, en tan só un día a lava levou por diante un cento de casas e arredor de 5.000 persoas tiveron que ser evacuadas. “O máis importante é que non haxa vítimas, pero hai que ter coidado cos gases que expulsa o volcán. Son moi perigosos e por iso ninguén se debe achegar á zona”, advirte Pérez Alberti, ao tempo que recorda que no 1971 morreu unha persoa intoxicada a causa dos gases que expulsou o volcán Teneguía, tamén na Palma.

Arredor de 5.000 persoas tiveron que ser evacuadas a causa da erupción

Os danos materiais, tanto de casas como de terreos de cultivo, tamén son preocupantes. “É probable que a maioría das residencias que destruíu a lava se construíran no pasado, cando non había unha percepción do risco nin existía un sistema de seguimento”, apunta o xeógrafo galego, ante o perigo que supón a construción de casas en determinados puntos. Ao mesmo tempo, Pérez Alberti recoñece que “houbo sorte”, posto que a erupción se produciu nunha zona pouco poboada. Malia ao control que se está exercendo por parte das institucións competentes, Pérez Alberti fai fincapé no impredicibles que son os fenómenos naturais e na dificultade que supón predicilos. “Hai que ter un plan e está claro que o teñen. Agora os concellos non permitirán construír en calquera lugar. Mudaron os tempos, as técnicas e os coñecementos da terra. Iso permite planificar doutra maneira”, expón.

“Houbo sorte, posto que a erupción se produciu nunha zona pouco poboada”

Mais non todas as erupcións son semellantes. Poden ser como as do volcán da illa de La Palma, cun magma moi rugoso, que avanza lentamente, pero que sae á superficie a través de explosións máis perigosas. Hai outras que chamán máis a atención e invitan a contemplalas. Son as pahoe hoe, nas que se aprecia unha lava máis fluída que se move máis rápido. “Poderiamos dicir que son máis turísticas. Van facendo formas, pódense ver dende a beira… Non son tan problemáticas”, indica Pérez Alberti, en referencia ao volcán islandés que chamou a atención dos curiosos, converténdose en todo un reclamo. “A xente non é consciente de que certos procesos naturais poden provocar desastres. Hai que ver as cousas dende lonxe e punto. É igual que moda dos selfis. É moi perigosa e hai que ter coidado”, conclúe Pérez Alberti, facendo un chamamento ao sentido común. Polo de pronto haberá que seguir esperando como evoluciona o volcán de La Palma, máis alá das estampas cheas de lava e da destrución que causa ao seu paso.

As claves xeolóxicas do que está pasando en La Palma

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204