Pasaban poucos minutos das tres da tarde (hora local) cando un importante estrondo sacudiu a illa de La Palma. Era o sinal que, despois de días de moitos movementos sísmicos, o magma acumulado baixo a superficie emerxía e causaba a primeira erupción en terra firme no arquipélago en 50 anos.
Sobre o terreo levaban días traballando expertos de diversos organismos científicos, que puideron rexistrar de primeira man como a lava abría fendas no solo e comezaba a saír cara ao exterior. Ademais das impactantes imaxes, un dos efectos máis sorprendentes procede da sonificación do sinal sísmico que o Instituto Volcanológico de Canarias (INVOLCAN) difundía na tarde do domingo, e que pode escoitarse aquí.
Tal e como explica a institución, ao comezo escóitanse os terremotos previos á erupción para, xusto despois, aparecer un tremor continuo xerado pola actividade sísmica.
La Palma está a ser escenario dun enorme laboratorio en tempo real para estudar a vulcanoloxía no arquipélago. A actual erupción é a primeira que se produce en superficie coa maior dispoñibilidade de recursos tecnolóxicos acadada nas últimas décadas, que permiten o estudo con gran detalle do fenómeno. Deste xeito, estanse a analizar o percorrido das coadas de lava, a emisión dos gases (como o dióxido de xofre) ou a composición dos materiais que están saíndo á superficie, co obxectivo de ter información de maior detalle sobre este tipo de eventos. Así, as medicións sísmicas realizadas nos últimos días, que xa eran moi superficiais, xa permitiron activar os plans de emerxencia e evacuar as zonas afectadas.