O cabo da Estaca de Bares (Sitio de Interese Nacional desde 1931), no concello de Mañón, é o punto máis septentrional de Galicia e un enclave cunha notoria importancia natural. Non en tanto, forma parte da Rede Natura 2000 como Zona de Especial Conservación (ZEC) debido á relevancia da flora e a fauna que se pode atopar no lugar, entre elas, algúns endemismos. O espazo está gañando protagonismo nos últimos anos debido á promoción turística da zona. E precisamente neste sentido, segundo denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), producíronse recentemente un “abano de desfeitas” que causou danos no ecosistema da Estaca, co gallo de obras no entorno, nas que se abriu unha senda ata o faro e un aparcamento, alén doutros traballos menores.
Segundo recolleu a propia SGHN a partir da información publicada por diversos medios, as actuacións “formarían parte dun plan de promoción turística na Estaca de Bares, promovido pola Axencia de Turismo de Galicia e/ou o Concello de Mañón, e que nada ten que ver cos obxectivos e liñas de actuación contempladas para este espazo natural no seu instrumento de xestión”, denuncia a entidade ecoloxista.
Do mesmo xeito, a entidade subliña que estas actuacións “teñen causado unha deterioración grave, permanente e de moi difícil recuperación sobre os hábitats de interese comunitario da ZEC Estaca de Bares, e sobre as poboacións de especies de flora e fauna silvestres dependentes destes, que supoñen en conxunto un grave desequilibrio ecolóxico”.
Danos en especies endémicas
Entre os danos causados, a SGHN “constatou a artificialización e perda de hábitats e poboacións de especies silvestres de flora e fauna nunha área de máis de 400 metros cadrados na parte superior do cantil, que mantiña unha serie de charcas temporais que servían de refuxio a distintas especies de invertebrados e anfibios”. Nesta zona, alén da existencia previa dun aparcadoiro “alegal” que incumpría a normativa, destruíronse hábitats protexidos, entre os que hai taxóns endémicos como Angelica pachycarpa e Ulex europaeus L. subsp. latebracteatus.
Neste mesmo espazo, segundo expón a asociación, “executouse un aparcadoiro e un banco de pedra” que “incumpre abertamente o Decreto 37/2014, que non as considera como ‘autorizables’ ou ‘permitidas’ na Zona-1 de Protección da Rede Natura 2000 de Galicia” e que, de acordo coa normativa, “terían que ser obxecto previamente dunha avaliación de impacto ambiental”.
No caso do vial entre o faro e o castro de Estaca de Bares, a SGHN pon o foco nun primeiro treito peonil duns 160 metros que xera “impacto negativo sobre a paisaxe” e un segundo treito desde o faro ata a antiga sirena, no que se ampliou o ancho “afectando a un mosaico de catro tipos de hábitats” igualmente protexidos. Nas obras tamén se derribou a antiga sirena de axuda á navegación, para cuxos traballos se utilizaron materiais que seguen á intemperie, como “plásticos, azulexos, ladrillos, cemento, compoñentes eléctricos, etc.”.
Por outra banda, a entidade tamén constatou obras nas instalacións militares abandonadas nas que se alterou o único humidal higrófilo do espazo. Segundo a SGHN, hai evidencias de uso de lume, rozas pouco selectivas e unha gabia de drenaxe que dana seriamente o humidal, no que hai endemismos como a Carex paniculata ssp. lusitanica.
Por todo isto, a Sociedade Galega de Historia Natural solicita á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta que informe “se autorizou ou non, de forma individual ou conxunta, as actuacións anteriormente descritas”. E esixe que, “no caso de que ditas actuacións carecesen dos permisos preceptivos, que a dirección xeral de Patrimonio Natural incoe o correspondente expediente administrativo sancionador contra os promotores, se esixa a inmediata restauración das áreas alteradas ás súas condicionas anteriores, e se dea traslado das xestións realizadas á Fiscalía de Medio Ambiente e á Comisión Europea”.
Conclúe a entidade que, no caso de teren autorizado os traballos, desde a Xunta se lle facilite copia de toda a documentación relacionada coas obras, incluíndo a avaliación ambiental das mesmas.