O Consello de Seguridade Nuclar (CSN) insta á calma e asegura que “non existe ningún risco para a poboación” derivado da fuga radioactiva na planta de Megasa, en Narón. Fontes da institución garanten que “en ningún momento se superaron os niveis establecidos”, dado que as medicións correspondentes descartaron calquera risco derivado do incidente. Porén, o CSN non achega os datos da radiación que se acadou despois da fuga, asegurando que non existen límites establecidos e que estes varían entre unha zonas e outras. “Depende de como estea composto o terreo. Se hai granito, por exemplo, xa existe unha radiación natural”, apuntan dende o CSN. E, precisamente, se por algo se caracteriza o solo galego é polo granito e, por tanto, por unha radiación natural “bastante elevada”.
Dende o CSN explican que o 8 de xuño se detectou unha fuga de Cesio-137 nun forno de arco eléctrico destinado a fabricar aceiro. Megasa, ademais de informar ao CSN do accidente, tivo que parar a produción. “Non sabemos cando retomarán a actividade. Como se produciu unha fusión dunha fonte radioactiva de forma accidental, hai que facer unha serie de labores de limpeza para que a empresa poida volver a funcionar sen ningún risco”, explican dende o CSN. Ademais, unha unidade técnica de precisión radiolóxica debe corroborar a descontaminación das instalacións para dar luz verde a Megasa.
Non se sabe cando se poderá retomar a produción en Megasa
Segundo explican dende o CSN, o incidente foi identificado polos pórticos de detección, ao producirse unha alarma de radioactividade durante a saída dun camión cargado con po de depuración. Ante este feito, o persoal da instalación detivo a produción de aceiro e a saída de produtos da instalación, seguindo o Procolo de colaboración sobre a vixilancia radiolóxica dos materiais metálicos. Despois de informar ao CSN, Megasa iniciou as xestións necesarias para realizar unha caracterización radiolóxica da planta e comprobar o grao de afectación. Actualmente, a empresa tamén ten parado o sistema de extracción de po de fume, á vez que os materiais contaminados se atopan illados e acordoados no interior da instalación.
Malia que o CSN confirmou este martes nun comunicado que “o suceso non tivo repercusión no medio ambiente”, aínda se debe comprobar que ““ningún traballador se viu afectado”. Fontes do organismo estatal “non cren que vaia pasar nada”, pero é preciso facer as medicións oportunas e, así, confirmar o que de momento tan só é unha hipótese. Segundo a Axencia para Substancias Tóxicas e o Rexistro de Enfermidades (ATSDR) dos Estados Unidos, é preciso expoñerse a “grandes cantidades” de cesio radiactivo para que se produzan efectos na saúde. De ser así, pode danar as células do corpo ou provocar síntomas como náuseas, vómitos e hemorraxias.














