A crise climática leva ao colapso ás poboacións de coral do Mediterráneo

Un estudo liderado por científicos da Universitat de Barcelona e do CSIC advirte da complicada situación desta especie, moi afectada polas vagas de calor mariñas

Exemplares de coral Paramunicea clavata. Crédito: UB
Exemplares de coral Paramunicea clavata. Crédito: UB

O mar está a sufrir as consecuencias directas do cambio climático. E o coral é unha das especies máis afectadas. Un novo estudo, liderado por científicos españois, advirte da súa complicada situación no Mediterráneo e asegura que a crise climática está levando os corais ao colapso. Segundo recollen na investigación, a súa biomasa chegou a reducirse entre un 80 e un 90% nalgúns casos. O artigo acaba de ser publicado na revista Proceedings of the Royal Society B e contou coa participación de científicos da Universitat de Barcelona (UB) e do Instituto de Ciencias do Mar (ICM-CSIC).

Máis polo miúdo, os investigadores revelan que son as ondas de calor mariñas asociadas á crise climática as que complican a situación dos corais. Ademais, a frecuencia con que se dan estes eventos extremos deriva nun aumento da temperatura da auga a niveis elevados durante días e semanas. Un cóctel perfecto para dificultar a recuperación dos corais ante un impacto destas características. De feito, este é o primeiro estudo que avalía a capacidade de recuperación a longo prazo das dúas especies de coral máis senlleiras do Mediterráneo: a gorgonia vermella (Paramuricea clavata) e o coral vermello (Corallium rubrum).

Eventos de mortalidade masiva

Un dos aspectos que salientan dende a UB é que a crise climática está causando acontecementos de mortalidade masiva en todos os ecosistemas litorais da conca mediterránea. O coral é unha especie moi afectada polas ondas de calor mariñas e os coñecementos sobre a súa capacidade de recuperación a longo prazo son escasos. Ademais, os corais son bastante lonxevos (poden chegar aos 100 anos) e teñen dinámicas poboacionais lentas, polo que se precisan décadas para poder estudar ben os efectos a longo prazo.

Colonias vivas de Corallium rubrum. Crédito: UB
Colonias vivas de Corallium rubrum. Crédito: UB

Neste artigo os investigadores analizaron unhas poboacións de corais que se viran afectadas por unha intensa onda de calor en 2003 nunha zona mariña protexida en Córcega. Estudouse a densidade, estrutura de tallas e biomasa para facer un seguimento destes corais a longo prazo. Lonxe da recuperación, os resultados mostraron que todas as poboacións analizadas tenderon ao colapso dende que se viron afectadas pola onda de calor. “Quince anos despois do episodio, estas poboacións pódense considerar practicamente extintas dende o punto de vista funcional”, sinalan dende a UB.

“Estes datos son moi preocupantes para a conservación destas especies emblemáticas, e indícannos que os efectos da crise climática están a acelerarse con evidentes consecuencias para as paisaxes submarinas, onde a perda dos corais equivale á de árbores nos bosques“, detalla Joaquim Garrabou, membro do ICM-CSIC.

Ondas de calor extremas

“Cremos que un dos motivos principais polos que se observaron estas traxectorias de colapso é a posible exposición recorrente ás ondas de calor, incompatibles coa lenta dinámica poboacional destas especies”, explica Cristina Linares, catedrática do Departamento de Bioloxía Evolutiva. En concreto, durante o período de estudo (2003-2018), rexistráronse ondas de calor moi importantes en polo menos catro anos: 2009, 2016, 2017 e 2018.

“Un dos motivos principais podería ser a exposición recorrente ás vagas de calor”

“Durante estas ondas de calor , as condicións de temperatura na área estudada volveron alcanzar extremos incompatibles coa vida destes corais, o que seguramente causou novos eventos de mortalidade nas poboacións xa debilitadas e impediu a súa recuperación”, sinala a catedrática. Dado que é de esperar que o número e a intensidade de ondas de calor mariñas aumente nas próximas décadas como consecuencia da crise climática, a viabilidade de moitas poboacións de coral podería verse gravemente ameazada.

“Con todo, é moi probable que existan algunhas áreas no Mediterráneo nas que, debido a varios factores, a recorrencia dos impactos climáticos sexa menor. Iso fai especialmente relevante conservar —fronte a outros posibles impactos— estes refuxios climáticos, onde as traxectorias das poboacións de coral poderían ser máis positivas que as observadas neste estudo”, apunta o equipo investigador, abrindo un raio de esperanza.


ReferenciaPopulation collapse of habitat-forming species in the Mediterranean: a long-term study of gorgonian populations affected by recurrent marine heatwaves. (Publicado en Proceedings of the Royal Society B)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.