Un corredor de borrascas garante polo menos 10 días máis de inestabilidade en Galicia

Dous potentes anticiclóns situados ao norte e sur da península favorecen a chegada de tormentas e precipitacións intermitentes

A situación atmosférica en Galicia non vai cambiar a curto prazo. O escenario de inestabilidade que predominou nas últimas semanas seguirá traendo humidade e precipitacións intermitentes a todo o territorio, coa chegada de sucesivas borrascas que regarán, con maior ou menor intensidade, boa parte do país. Segundo o prognóstico do físico e investigador da Universidade de Santiago, Gonzalo Míguez Macho, esta tendencia manterase, como mínimo, nos próximos 10 días. Segundo explica o experto, o anticiclón das Azores está situado bastante abaixo e hai outro sistema de altas presións moi potente no norte de Europa. “Esta anomalía provoca un corredor da borrascas que favorece que cheguen a Galicia. Así temos unha situación que xa non sería frecuente nesta época do ano, cando deberiamos ter o anticiclón enriba”, explica o experto.

O sol e a praia, de momento, van ter que esperar, polo menos, ata a última semana de xuño. Malia que as borrascas que poden azoutar Galicia nunca serán tan fortes como as invernais, dado que estamos ás portas do verán, as tormentas pódense formar igualmente. “Non van ser borrascas fortes, pero si que vai entrar un día unha, outro día outra…”, asente o investigador da USC. De todos modos, Míguez Macho lembra que este escenario “non é tan raro” en Galicia, dado que xuño sempre se caracterizou por certa inestabilidade. Sen ir máis lonxe, o ano pasado foi un mes especialmente chuvioso que, de momento, supera as precipitacións que levamos no mesmo período. A única anomalía que salientaría o físico galego é a relativa á temperatura. “Está máis alta do normal. Está sendo unha primavera por quente; moi por enriba da media”, sostén.

Publicidade

“Está sendo unha primavera moi quente; moi por enriba da media”

GONZALEZ MÍGUEZ MACHO, físico da USC

Outra das características que máis salientan na última semana é a humidade. De feito, o investigador da USC prevé que persista nos próximos días, dense ou non tormentas. Ademais, hai outro factor clave: as augas do Atlántico están máis quentes do habitual. Isto provoca que haxa máis evaporación e, por tanto, máis humidade, o que pode favorecer a formación de borrascas con tintes tropicais, como foi o caso de Óscar, que varreu Galicia a semana pasada. De todas formas, Míguez Macho matiza que, pese a que o océano presenta unha anomalía positiva de un a dous graos, as augas seguen sen estar o suficientemente quentes como para formar un ciclón tropical ou un furacán. Como moito, segundo recalca o investigador, pode dotar de maior humidade as borrascas que cheguen a Galicia. “Dende logo, o que non podemos facer é unha conexión directa entre a situación atmosférica e a temperatura da auga”, expón.

Como nos influirá El Niño?

A todo este cóctel de factores, que favorecen a inestabilidade, hai que sumarlle un non menos importante: El Niño. Este fenómeno provoca un aumento da temperatura da auga no Pacífico, o que repercute na situación atmosférica a nivel mundial. “Levabamos tres anos con La Niña e, por tanto, con augas moi frías. Agora xa temos con augas moi quentes en Sudamérica. Sábese que este fenómeno perturba moito a circulación atmosférica“, apunta o experto. De momento estase desenvolvendo e ata o outono/inverno non se terá unha aproximación do forte que pode chegar a ser El Niño. “En Galicia non sabemos aínda como nos vai afectar porque estamos moi lonxe e hai outros factores que nos influencian. Sábese que causa perturbacións bastante grandes na circulación do hemisferio, pero non hai unha relación estatística clara”, sostén Míguez Macho.

Publicidade

“El Niño estase desenvolvendo porque as augas xa están moi quentes en Sudamérica”

GONZALEZ MÍGUEZ MACHO, físico da USC

Malia que non se pode falar de consecuencias directas sobre Galicia, espérase un “aumento pronunciado” da temperatura gbloal. “As augas do Pacífico, ao quecer, soltan un montón de calor do fondo do océano”, explica o físico da USC. Tamén puntualiza que pode haber puntos do globo onde non se note ese aumento de temperatura pero a escala global, si se adoitan reflictir nas estatísticas un incremento pronunciado dos termómetros. En canto á chuvia, Míguez Macho insiste na dificultade do seu prognóstico. “Dependerá de onde estean as anomalías de circulación xeral”, engade. Finalmente, o investigador da USC recalca que “o sistema climático é moi complexo” e que os prognósticos máis fiables son sempre a poucos días vista. De momento, haberá que seguir esperando a chegada do verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE