Nas vindeiras semanas asistiremos a un espectáculo de cores que, por moitos outonos que cheguen e pasen, segue deixándonos marabillados. Paseniño, as follas das árbores caducifolias comezan a mudar de cor, e van pasando do vigor e do verdor da primavera e do verán cara a un estado latente, que os axuda a levar mellor as inclemencias do outono e do inverno e a sobrevivir a adversidade.
Mais cales son os procesos químicos que producen este cambio de cor? O proxecto Moléculas en Galego, que difunde a través das redes sociais contidos sobre química na nosa lingua, publicou estes días unha ilustración sobre o tema que obtivo unha importante repercusión.
A fotosíntese
Durante os meses máis calorosos e con máis horas de sol, as árbores están en plenitude, xa que a luz solar é a base da fotosíntese, o proceso polo cal as plantas, algunhas bacterias e algas transforman a auga e o dióxido de carbono e producen azucres (como a glicosa) que lle serven como alimento, así como osíxeno en forma de gas (O2).
Este mecanismo remarca a importancia das plantas para preservar o noso planeta, xa que captan da atmosfera o CO2, un gas que contribúe ao efecto invernadoiro, e desprenden osíxeno cara ao exterior.
Para desenvolver esta reacción química, as células das plantas posúen un composto chamado clorofila. Explican desde Moléculas en galego que este é o “composto que lle confire a cor verde ás follas”. Nestas células hai tamén cloroplastos, sensibles á luz, e que serven como impulso para dar comezo á fotosíntese.
Porén, cando as horas de luz se reducen, as temperaturas baixan e o sol loce menos, moitas árbores desenvolveron un sistema para aforrar recursos. O gasto de enerxía que supón manter as follas verdes é, nas caducifolias, un esforzo demasiado grande. Non hai enerxía luminosa suficiente, polo que este déficit podería dificultar a propia supervivencia da árbore debido ao sobreesforzo que debería facer. Así que, dun xeito semellante ao que fan os osos e outros animais, as árbores pasan a un estado de baixa actividade que ten como consecuencia a morte das follas.
“No proceso de senescencia das prantas, prodúcese menos cantidade de clorofila, o que fai que as follas perdan verdor”, afondan desde Moléculas en galego. Entran entón en xogo as outras substancias químicas que nos agasallan cun fermoso abano de cores.
Luteína
“A luteína é un composto químico pertencente ao grupo das xantófilas. Trátase dun pigmento amarelo que lle outorga esa tonalidade ás follas”, explican.
Betacaroteno
“O betacaroteno é un pigmento que lle proporciona ás follas a coloración laranxa e castaña”.
Antocianina
“A medida que a concentración en azucre das follas aumenta, os raios do sol activan a produción de antocianina, que causa os tons avermellados”.
E as árbores perennes?
A evolución fixo que cada familia de árbores seguira o seu propio camiño. Así como as caducifolias desenvolveron a estratexia de aforro desprendéndose das follas, as perennes foron quen de desenvolver outros ‘trucos’ para non perder a folla, que sobrevive dun ano para outro.