Martes 16 Abril 2024

A contaminación dos incendios causa máis de 230 mortes anuais en España

Durante a vaga de incendios de outubro de 2017, en moitas das estacións que miden a calidade do aire en Galicia disparáronse os niveis de partículas en suspensión de tamaño minúsculo. Esta rede, que controla entre outros compostos a materia igual ou menor a 10 micrómetros (PM10) ou 2,5 micrómetros (PM 2,5), serve como sistema de alerta para os episodios que poden desembocar en problemas respiratorios ou cardiovasculares para parte da poboación. Son de especial risco as PM 2,5, cuxo menor tamaño permite que superen a barreira das mucosas respiratorias, entrando nos alvéolos pulmonares e mesmo incorporarse ao torrente sanguíneo, agravando doenzas cardiovasculares e pulmonares e incrementando o risco de cancro nos casos de maior exposición. Un estudo internacional, dos maiores realizados ata a data, cuantifica o impacto anual das partículas emitidas pola combustión dos incendios, e atribúelle arredor de 33.500 mortes no planeta. No traballo participa o investigador Dominic Royé, da Universidade de Santiago de Compostela, experto en análises sobre o impacto de fenómenos extremos na mortalidade e morbilidade.

“Normalmente préstase máis atención á contaminación xerada polo tráfico ou a industria, pero tendo en conta a crecente problemática dos incendios en moitas partes do planeta, decidiuse desenvolver un modelo que o puidera analizar”, di Royé. O estudo, que publica a revista The Lancet Planetary Health, é o primeiro a nivel global no que se aborda o vínculo entre a contaminación causada polas PM 2,5 que xorden nos incendios e a mortalidade xeral, mais tamén por afeccións respiratorias e cardiovasculares. Traballos previos a escala rexional observaron cifras consistentes, como algúns realizados en Europa que obsevaron 1483 mortes prematuras en 2005 e 1080 en 2080 que “poderían atribuírse” ás PM 2,5 procedentes da combustión forestal.

Publicidade

Así, recolléronse datos de 749 cidades pertencentes a 43 países (52 das cales son españolas), analizadas entre o 31 de decembro de 2016 e o 1 de xaneiro de 2020. Despois de recabar datos de 65,6 millóns de mortes por todas as causas, 15,1 vinculadas a problemas cardiovasculares e 6,8 por enfermidades respiratorias, observouse o notorio impacto deste fenómeno. Xapón con arredor de 7.000 mortes ao ano en 47 cidades encabeza a listaxe dos países máis afectados por esta causa, seguido de México (3.000 mortes en dez cidades), China (1.200 en 15 cidades), Sudáfrica (5.200 en 52 cidades), Tailandia (case 5.300 en 62 cidades analizadas) e Estados Unidos (case 3.200 en 210 cidades). No caso de España a cifra é de algo máis de 230 mortes anuais.

Risco relativo de mortalidade por todas as causas (esquerda), doenzas cardiovasculares (centro) e respiratorias (dereita) en función da concentración de PM 2,5 vinculadas a incendios. Fonte: Li et al. (2021).
Risco relativo de mortalidade por todas as causas (esquerda), doenzas cardiovasculares (centro) e respiratorias (dereita) en función da concentración de PM 2,5 vinculadas a incendios. Fonte: Li et al. (2021).

As partículas dos incendios, “unha bomba” para a saúde

Segundo destaca Royé, as PM 2,5 que se xeran nos incendios son “unha bomba” polos compostos que se xeran nas combustións a altas temperaturas, únense a outros contaminantes e, posteriormente, poden viaxar centos de quilómetros desde o foco dos lumes. Algúns estudos que analizan datos dos grandes incendios de California observaron un aumento nos ingresos hospitalarios cando a materia particulada procede destes eventos en relación aos mesmos niveis de PM 2,5 que non se corresponde con lumes.

O científico o exemplo do gran incendio de Sierra Bermeja, que calcinou 10.000 hectáreas en Málaga, e cuxa nube de fume se estendeu por parte de Andalucía. “Sería conveniente nestes casos un seguimento da contaminación xerada polo incendio, avisando á poboación para, por exemplo, pechar as ventás ou evitar na medida do posible estar exposto a este fume”. Royé destaca tamén a ausencia de estudos sobre o impacto dos incendios neste sentido en Galicia, onde os eventos son frecuentes. Os autores aconsellan no seu texto que “os profesionais da saúde pública e responsables políticos deberían incrementar a prevención da contaminación dos incendios para guiar respostas públicas inmediatas e actuar para reducir a exposición”.

Ademais, o investigador da USC incide no risco de saúde para colectivos como os servicios de extinción, cunha exposición moito máis intensa a estas partículas. “Hai estudos que revelan un maior risco de mortalidade por cancro de pulmón ou enfermidades cardiovasculares nos bombeiros forestais“, di.


ReferenciaMortality risk attributable to wildfire-related PM2·5 pollution: a global time series study in 749 locations (Publicado en The Lancet Planetary Health).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas