Martes 3 Decembro 2024

Un congreso reúne en Vigo a expertos internacionais en malas herbas

A sede de Afundación acolle desde este martes 8 ata o xoves 10 a reunión da Sociedad Española de Malherbología, que conmemora o seu 30º aniversario

Preto de 100 especialistas participarán do 8 ao 10 deste mes de outubro no XVII Congreso da de la Sociedad Española de Malherbología (SEMh), un evento organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Agrobioloxía ambiental: calidade de solos e plantas, membro da Agrupación Estratéxica Citaca, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC). Trátase dun congreso bianual que nesta edición reunirá a investigadoras e investigadores de toda España, con participantes tamén de Portugal, Reino Unido, e Estados Unidos. Este é o evento de referencia en España na investigación e transferencia en malherboloxía, a ciencia que estuda a bioloxía e o manexo das malezas ou malas herbas, un dos problemas máis urxentes na agricultura moderna, e chave na conservación da biodiversidade e dos espazos naturais e no control das especies invasoras.

O congreso é un foro idóneo “para comunicar e discutir os últimos avances en distintas áreas de coñecemento, intercambiar ideas e coñecer ás novas e novos investigadores do ámbito”, asegura Nuria Pedrol, investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e coordinadora do Comité Organizador.

Publicidade

“Non é aleatorio que a SEMh elixira Vigo como sede: o grupo de I+D+i da Universidade de Vigo BEV1 Agrobioloxía Ambiental é ben coñecido na SEMh pola súa intensa actividade investigadora en diversos aspectos da malherboloxía, como a bioloxía de especies invasoras, a procura de herbicidas con novos modos de acción ou o deseño de estratexias eco-innovadoras para o control de malezas en agricultura ecolóxica”, explica Nuria Pedrol. De feito, o grupo ten publicado decenas de artigos científicos de impacto en temas estratéxicos para a SEMh, e na actualidade ten activos diversos proxectos nacionais e internacionais relacionados con este campo. Por iso, a SEMh invitou a Nuria Pedrol, como socia da SEMh, a presentar a candidatura do grupo para organizar a edición de 2019 do congreso bianual, así como a liderar a organización do mesmo. A candidatura foi elixida durante o XVI Congreso de la SEMh celebrado en Pamplona, en outubro de 2017.

Carolina G. Puig, secretaria do Comité Organizador do congreso e Nuria Pedrol, coordinadora do Comité Organizador. Foto: Duvi.
Carolina G. Puig, secretaria do Comité Organizador do congreso e Nuria Pedrol, coordinadora do Comité Organizador. Foto: Duvi.

Máis innovación e interdisciplinariedade

Baixo o lema Novas estratexias para novos retos, o Comité Organizador decidiu afondar neste congreso no avance cara estratexias de control que posibiliten un manexo integrado e sostible de malezas agrícolas e invasoras, “abríndonos máis á innovación e tratando de intensificar a comunicación e as colaboracións interdisciplinares”. Para iso dispóñense seis sesións temáticas: busca de herbicidas con novos modos de acción; control químico e resistencia a herbicidas; manexo integrado; estratexias eco-innovadoras; diversidade, estabilidade e servizos ecosistémicos; e bioloxía e manexo de especies invasoras.

Publicidade

Xunto coa exposición de comunicacións orais e en formato póster, as e os congresistas poderán desfrutar de catro conferencias plenarias de invitados de recoñecido prestixio internacional no campo das malas herbas, que abrirán as distintas sesións temáticas. Así, Nilda R. Burgos, presidenta da International Weed Science Society e investigadora da University of Arkansas (EEUU) será a encargada de dar a conferencia inaugural o martes 8; Fabricio Araniti, do Dipartamento Agraria da Università Mediterranea di Reggio Calabria (Italia) abrirá a sesión de tarde do martes 8; Jordi Recasens, do Grupo de Malherbología y Ecología Vegetal de la Universitat de Lléida, dará a conferencia plenaria o mércores 9 e Rodrigo Medel, do Departamento de Ecología da Universidad de Chile inaugurará a última xornada o xoves 10 de outubro.

O simposio, que se celebrará na sede viguesa de Afundación, completarase cunha saída técnica á Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, o veciño centro do CSIC adscrito á área de Ciencias Agrarias, que ofrecerá unha visita guiada polos distintos departamentos de investigación, incluíndo as súas instalacións e parcelas experimentais. Esta edición conta tamén coa colaboración do Concello de Vigo e de bodegas Pazo Señoráns, xunto co patrocinio de Bayer, FCM, Syngenta, Adama, Ascenza, BASF, Corteva Agriscience, FTS AgroConsulting, Belchim, Galdemic, e Phytoma, moitos deles socios protectores da SEMh dende os seus orixes.

Bolsas e premios

Grazas ás achegas dos patrocinadores, e como recoñecemento á tarefa investigadora dos e das participantes máis novos, o Comité Organizador premiou con bolsas de inscrición a seis estudantes de doutoramento. Ademais, para maior estímulo, a calidade das súas investigacións competirá polo Premio Phytoma á mellor comunicación presentada por estudantes predoutorais. Como é tradicional na SEMh, no congreso de Vigo entregarase o Premio Actas SEMh 2019 á mellor comunicación presentada no congreso, segundo criterio do Comité Científico. Acompañan a estes galardóns o Premio SEMh á mellor tese de doutoramento e o Premio SEMh á mellor publicación científica do ano. Todos eles serán entregados durante a cea do congreso no Real Club Náutico de Vigo, a noite do 9 de outubro.

30 anos da SEMh

A Sociedad Española de Malherbología é unha sociedade sen ánimo de lucro, de interese científico técnico e social que naceu para impulsar as actividades dos distintos grupos profesionais que desenvolven o seu traballo neste campo, fomentando a investigación, o desenvolvemento, a divulgación e a ensinanza de calquera aspecto relacionado coas malas herbas. Nesta edición do congreso, no que a SEMh cumpre 30 anos, reservarase tamén un tempo para celebrar os fitos da sociedade ao longo destas tres décadas e para agradecer a todos os seus socios e socias o traballo feito.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un método matemático galego axuda a controlar os niveis de glicosa en diabéticos

O sistema desenvolvido polo CITMAga estase a aplicar para predicir o crecemento de tumores e optimizar terapias contra o cancro

O proxecto da UVigo que aposta pola pesca sostible do bonito a través da innovación

A iniciativa, liderada dende o País Vasco, promove prácticas pesqueiras responsables e respectuosas co medio ambiente

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i