Luns 14 Outubro 2024

“Os símbolos matemáticos chegaron a ser motivo de conflitos políticos”

Os profesores da UVigo Miguel Mirás e Nicanor Alonso publican “Mate-glifos”, unha obra sobre a evolución destas representacións ao longo da historia

Hai pequenos detalles cos que topamos todos os días e que deixamos pasar, sen deternos, porque nos parecen algo normal. Pasa cos símbolos matemáticos. O noso cerebro é capaz de interpretar que diferentes glifos (/, : ou ÷), cos que representamos a división serven para facer a mesma operación. O mesmo acontece cos que dividen os decimais, ou os millares, nos que se usan punto ou coma en función da área de influencia na que nos atopemos. 

Cada un ten a súa orixe e a súa historia, ata que chegou a nós. Das curiosidades dos símbolos da división ou puntuación, e de moitos outros, trata unha obra pioneira en galego e, moi posiblemente, a nivel internacional: Mate-glifos, un libro publicado polos profesores Miguel Mirás e Nicanor Alonso, da Universidade de Vigo, e que este luns foi presentado na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. Estiveron acompañados pola decana da facultade, Elena Vázquez Cendón, e Fran Alonso, director de Xerais.

Publicidade

20.000 anos de símbolos

“Moito tempo antes de que aparecera a escritura, hai máis de 20.000 anos, xa existen marcas en ósos que representan claramente algún tipo de operación matemática”, explica Miguel Mirás. Foi o primeiro paso dun proceso moi lento, que non se xeralizaría ata que a invención da imprenta uniformizou, en moitos aspectos, a linguaxe escrita. Antes, todo eran palabras: “Por exemplo, se les os textos de Arquímedes, ves que todo o expresaba con letras, non había símbolos”. 

É a partir do século I da nosa era cando comezan a xurdir algunhas abreviaturas. “Pasouse de escribir equalis a eq., por exemplo”. Pero cada autor, explica Mirás, usaba o seu propio símbolo, e mesmo ás veces cambiaba de símbolo para expoñer unha operación dunha obra á outra. 

Publicidade

A imprenta e os símbolos

Portada de Mate-glifos.
Portada de Mate-glifos.

O gran poder cultural que supuxo manexar o invento de Guttenberg abriu unha creba para que determinados símbolos triunfaran sobre outros. “Había unha cuestión de economía, que era a de representar símbolos sinxelos, que se podían obter simplemente virando o tipo da imprenta”, lembra o autor do libro. Foron así desaparecendo outros máis complexos, “auténticos garabatos”, conta Mirás, que acabaron sendo desbotados. Algúns inclúense, como curiosidade, no libro editado por Xerais.

Pero tamén xorden as disputas de egos, de escolas e mesmo a nivel político. “Chegaron a convivir varios signos durante séculos; adoitaban ser procesos lentos. Pero hai exemplos nos que os símbolos matemáticos chegaron a ser motivo de conflitos políticos. Ás veces pasaba que se os ingleses usaban ou propoñían un símbolo, os franceses escollían outro, e viceversa”. Un dos episodios máis célebres, segundo recolle Mirás, é a ’guerra’ sobre o descubrimento do cálculo infinitesimal entre Gottfried Leibniz e Isaac Newton que pasou á historia da ciencia. Hoxe, o símbolo que usamos para representar a integral (∫), foi o ideado por Leibniz, que se impuxo despois da disputa entre a escola inglesa e a alemá.

Divulgación 

Cada capítulo da obra céntrase nun ámbito das matemáticas, e vai desde a aparición dos números ata a historia das representacións asociadas a certos números especiais. Ademais, contén un dicionario etimolóxico que explica a orixe dos termos matemáticos para que dende a adolescencia se poida entender o significado de cada un deles.

O público xuvenil é, precisamente, un dos obxectivos dos traballos da colección Xerais Básicos Ciencia, na que se enmarca a obra. “Hai propostas didácticas que poden amosarse a estudantes de Bacharelato e últimos cursos da Secundaria, pero tamén se poden aplicar nunha conversa de cafetería”, di, entre risas, Miguel Mirás. “Está feito para que todo o mundo poida aprender con el, sen usar unha linguaxe complicada”.

Para descubrir máis curiosidades, como as teorías de por que o ‘x’ acabou sendo usado como símbolo de incógnita, ou aprender algúns versos do Lilavati, un célebre poema hindú no que un pai ensina matemáticas á súa filla, Mate-glifos pode adquirirse en calquera libraría, ou ben a través do web de Xerais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco

O Consello de Europa pide que se permita ensinar física, matemáticas, química ou tecnoloxía en galego

Segundo o informe, España estaría incumprindo algúns dos compromisos adquiridos coa Carta Europea en materia de protección das linguas minoritarias e cooficiais

Máis dun cento de actividades espallarán a ciencia por Galicia noutra edición da G-Night

Unha gran feira en Vigo, un roteiro en Pontevedra e charlas en Ourense, principais fitos da Noite Galega das Persoas Investigadoras

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'