Confirmado: Galicia vivirá unha Noitevella de vento e chuvia a causa dunha fronte moi activa

Durante a mañá predominarán os intervalos de nubes e claro e coa noite chegarán as fortes e intensas precipitacións

A tan só dous días para rematar o 2022, os prognósticos para a última noite do ano vanse confirmando. Despois de varias semanas chuviosas que regaron toda Galicia, a tendencia segue a ser clara. Ao longo do día 31 espéranse intervalos de nubles a claros con fortes ventos. O prato forte chegará durante a noite, cando as precipitacións comecen polo oeste da Coruña ata estenderse polo resto do país. “Chegará unha fronte moi activa, que se mostrará estacionaria. A día de hoxe non se pode concretar a cantidade de chuvia, se vai ser exactamente igual que a Noiteboa e o Nadal”, explican fontes de Meteogalicia.

Unha borrasca situada ao noroeste de Galicia é a responsable da chegada desta fronte tan activa que pasará por auga a Noitevella. “Vai ser unha situación meteorolóxica adversa como as que levamos vivindo nas últimas semanas. Non lle prestariamos máis atención se non fose pola data”, continúan explicando dende a axencia meteorolóxica. Tamén sinalan que as fortes precipitacións que recibiremos a partir do sábado caen enriba de máis chuvia. “As cantidades son elevadas porque non é o mesmo levar un mes sen apenas precipitacións que un decembro tan chuvioso. Hai algunhas estacións que xa recolleron máis do agardado para este mes”, matizan dende Meteogalicia.

Publicidade

“Vai ser unha situación meteorolóxica adversa como as que vivimos nas últimas semanas”

Fontes de Meteogalicia

Máis en detalle, informan que a mañá do día 31 vai ser “absolutamente tranquila”. O máis salientable durante a primeira metade da xornada será o vento. Estará causado por dous fenómenos. Por unha banda, a borrasca situada ao noroeste de Galicia e, por outra, unha ampla área de altas presións en todo o Mediterráneo. Isto provoca que se forme un corredor de isóbaras do suroeste que dea lugar a fortes ventos, que comezarán a diminuír na seguinda metade da tarde para dar lugar ás precipitacións.

Así é que comezará a chover polo oeste da provincia da Coruña e xa pola noite agárdanse precipitacións en todo o país. Segundo informan dende Meteogalicia, as chuvias afectarán en maior medida ás provincias atlánticas. “Vai haber momentos de intensidade forte. A cantidade de chuvia que se poida acumular, se é moi alta nalgún punto, virá dada máis por acumulación que por intensidade”, explican. As precipitacións serán constantes ata altas horas da madrugada, posto que continuarán regando o primeiro día do ano. Pero conforme avance o 1 de xaneiro as chuvias tamén irán diminuíndo. “Durante o día 2 agárdase moi pouca chuvia e a noite do 1 ao 2 apenas teremos precipitacións”, conclúen.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía