A pesar do compromiso acadado por numerosos países para reducir os niveis de contaminación nos seus territorios, a polución do aire continúa a ser causante de máis de catro millóns de mortes cada ano no mundo. Son cifras comparables a todos os falecementos causadas polo coronavirus SARS-CoV-2 desde o comezo da actual pandemia. En boa parte das rexións de maiores ingresos do planeta, o problema remite, pero as outras zonas do globo que están a vivir un rápido crecemento económico levan consigo a rémora dun aire moito máis nocivo para a súa cidadanía. Neste contexto, a Organización Mundial da Saúde (OMS) revisou as directrices xerais sobre a calidade do aire aprobadas 16 anos atrás, no 2005, co obxectivo de “evitar millóns de mortes” causadas pola exposición a ambientes contaminados. Entre outras doenzas, a contaminación é responsable directa de patoloxías cardiovasculares como os infartos ou accidentes cerebrovasculares, a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) ou cancro de pulmón.
Así, en base ás evidencias científicas recollidas nos últimos anos, a OMS rebaixou os valores recomendados en varios indicadores de contaminación. O principal foco púxose no dióxido de nitróxeno (NO2) por mor das asociacións “robustas” observadas na revisión científica sobre o seu impacto nunha maior mortalidade e aparición de diversas enfermidades vinculadas á exposición a este gas, que forma unha boa parte da materia particulada (PM) en suspensión no aire, e procede da combustión dos vehículos de transporte e a xeración de enerxía non renovable. Así, os niveis das novas directrices reducen de 40 a 10 micras por metro cúbico a exposición de media anual.
O NO2 non foi o único contaminante sobre o que se estreitará a vixilancia; redúcese tamén o limiar nas partículas inferiores a 2,5 micras (PM 2,5) que polo seu pequeno tamaño poden infiltrarse no sistema respiratorio, mesmo chegando aos alvéolos pulmonares e o torrente sanguíneo, cos conseguintes problemas de saúde. Se antes a media anual recomendada de exposición a PM 2,5 estaba en 10 μg/m3 de aire nun día, a cifra baixa agora aos 5. No caso das PM 10, de maior tamaño, o valor medio anual baixa de 20 a 15 μg/m3.
Noutra orde de indicadores, mantéñense os niveis das directrices no caso do ozono, cun valor de 100 microgramos por metro cúbico de media en oito horas. E no caso do dióxido de xofre, a OMS eleva o limiar dos 20 aos 40 μg/m3 tras revisar a máis recente información dispoñible.
Este é a táboa de resumo da actualización, elaborada polo Instituto de Saúde Global de Barcelona:
Os niveis de calidade do aire en Galicia
No caso de Galicia, e segundo recolle un recente informe de MeteoGalicia que analiza o impacto do confinamento por mor da Covid-19 na calidade do aire, quedaría camiño por percorrer para adaptarse ás novas indicacións da OMS. Aínda que o citado informe salienta que estes niveis se sitúan dentro do establecido na lexislación vixente, as recomendacións da Organización Mundial da Saúde sitúan a varias estacións superando o punto que podería desembocar en risco para a saúde.
No caso do dióxido de nitróxeno (NO2), e a pesar do descenso de emisións producido pola crise da Covid-19 e a distancia respecto ao valor límite de 40 microgramos por metro cúbico, todas as cidades -agás Lugo cos datos de 2020- superan a media anual nos dous últimos anos ao ter en conta os novos niveis establecidos pola organización sanitaria.
Mentres, en canto ás PM 2,5, o outro contaminante no que se fixeron máis estritas as recomendacións da OMS, a situación é peor: todas as estacións da rede de calidade do aire de MeteoGalicia superaron a media anual de 5 μg por metro cúbico.
Con todo, a situación de Galicia está lonxe das cidades europeas máis afectadas pola polución destes dous indicadores. Un estudo publicado en xaneiro deste ano en The Lancet Planetary Health, no que se analiza a mortalidade prematura asociada á contaminación do aire, expón que os niveis de NO2 e PM 2,5 nas cidades con máis mortes asociadas a estes contaminantes duplican, como pouco, os das estacións galegas con maior contaminación:
Aínda que as directrices da OMS non son vinculantes, guiarán con moita probabilidade as accións de gobernos e institucións a diversos niveis para reducir os problemas de saúde asociados á contaminación nos vindeiros anos. Tal e como explica Mark J. Nieuwenhuijsen, científico do ISGlobal que formou parte da revisión da OMS, os niveis actuais contemplados pola UE “quedaron desfasados mesmo respecto a as guías da OMS agora substituídas”.
Neste sentido, engade Nieuwenhuijsen, “a inminente revisión, no ano 2022, da Directiva relativa á calidade do aire ambiente da UE ofrecerá a posibilidade de tomar a iniciativa e integrar as novas guías de calidade do aire da OMS na lexislación europea, e de implementalas por toda a UE”. Así, máis de 100 sociedades científicas subscribiron a pasada semana un manifesto de apoio ás directrices expostas pola entidade sanitaria e instaron aos gobernos a desenvolver políticas “máis ambiciosas” para contribuír a un aire limpo.