Venres 19 Abril 2024

Atopan a Dickinsonia, o animal máis antigo da Terra

Foi grazas ao colesterol. Este tipo de graxa, tan presente nas conversas de hoxe en día, foi clave para confirmar o achado do que é o animal máis antigo que habitou na Terra, polo menos en canto ao que a ciencia pode asegurar. Ten máis de 540 millóns de anos. E foi un estudante de doutoramento, Ilya Bobrovskiy, que estuda na universidade nacional de Australia, o que descubriu o fósil bautizado co nome de Dickinsonia, nunha área preto do mar Branco, ao noroeste de Rusia.

Despois de centos de millóns de anos, despois de meteoritos que extinguiron aos dinosauros, aínda ficaban restos de colesterol no fósil. E isto é un indicador clave para demostrar que había vida animal. Un equipo de científicos da universidade australiana concluíu, nun artigo publicado en Science, que Dickinsonia, que podía chegar a medir 1,4 metros de lonxitude, é o animal máis antigo do rexistro xeolóxico.

Publicidade

Segundo explican os investigadores no seu artigo, “os primeiros organismos complexos xurdiron durante o período de Ediacara, hai uns 600 millóns de anos”. Porén, estes seres, entre os que están os fósiles de Dickinsonia, simétricos e de forma ovalada, eran moi difíciles de clasificar. Pero agora, as evidencias atopabas polos investigadores australianos sinalan que estes organismos “poderían ser precursores da explosión das formas animais que se observaron despois, no período Cámbrico, hai 500 millóns de anos”.

Jochen Brocks e Ilya Bobrovskiy. Fonte: Universidade Nacional de Australia.
Jochen Brocks e Ilya Bobrovskiy. Fonte: Universidade Nacional de Australia.

Dickinsonia, un ser “doutro planeta”

Debido a como era a Terra naquel tempo, segundo apuntan os autores do achado, os fósiles do período de Ediacara son “estraños como a vida doutro planeta“, polo que son alleos á clasificación taxonómica, xa que poden ir desde animais mariños a protistas xigantes ou liques terrestres.

No artigo, o investigador principal do estudo, Jochen Brocks, explica que a explosión cámbrica sucedeu cando animais complexos e outros organismos macroscópicos, como moluscos, vermes, artrópodos e esponxas, comezaron a dominar o rexistro fósil. “As moléculas de graxa fósil que atopamos demostran que os animais xa eran grandes e abundantes hai 558 millóns de anos, moito antes do que se pensaba”, engade.

Dickinsonia é unha mestura entre un animal mariño, un lique terrestre e un protista

Os fósiles de Dickinsonia non son unha novidade para a ciencia. Xa se describiron en 1947, pero ata o de agora non se puido determinar a súa idade, xa que non se dispoñía de materia orgánica. A maioría das rochas que conteñen estes fósiles, como as de Ediacara Hills en Australia, soportaron moita calor, presión e erosión.

O estudante Ilya Bobrovskiy contou que chegar ao lugar onde se atopaban estes fósiles foi unha aventura. Despois dunha viaxe en helicóptero, colgouse dun cantil con cordas ata dar cos restos de Dickinsonia. Estaban a carón do mar Branco, en cantís de entre 60 e 100 metros de altura. Unha vez alí, “tiven que escavar enormes bloques de pedra arenisca, tiralos, lavar a pedra e repetir este proceso ata atopar os fósiles que buscaba”, explica Bobrovskiy.

Para Brocks, o feito de poder estudar as moléculas destes organismos antigos é algo revolucionario. “Cando Ilya me amosou os resultados, simplemente non podía crelo. Pero tamén de inmediato comprendín a súa importancia”, asegurou, segundo recolleu a Axencia Sinc. No achado tamén participaron científicos da Academia Rusa de Ciencias e o Instituto Max Planck de Bioxeoquímica e a Universidade de Bremen en Alemaña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Hai un risco elevado dun gran ciberataque ruso a nivel mundial”

Fernando Suárez, presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia, analiza as posibilidades dunha guerra cibernética no conflito de Ucraína

Que sabemos dos cortes de enerxía das centrais nucleares en Ucraína?

As forzas rusas ocuparon as infraestruturas de Chernóbil e Zaporiyia, aínda que, de momento, os expertos aseguran que non hai unha ameaza inmediata

Rusia incumpre piares básicos de seguridade nuclear en Ucraína

O Organismo Internacional de Enerxía Atómica asegura que o persoal debe traballar sen presións e con sistemas de comunicación fiables, pero non se está a cumprir

Científicos e divulgadores rusos firman unha carta en repulsa á invasión de Ucraína

'Fagamos ciencia, non a guerra!’, reclama o manifesto antibélico, impulsado por Mikhail Gelfand e con centos de firmas de respaldo