Participantes na Regueifa de Ciencia sobre transxénicos en Santiago.
Participantes na Regueifa de Ciencia sobre transxénicos en Santiago.

Catro preguntas a favor ou en contra dos transxénicos

O debate sobre a utilización dos transxénicos na alimentación e na agricultura é unha cuestión que levanta moita controversia entre os científicos. Isto aconteceu tamén o venres pasado na primeira rolda das Regueifas de Ciencia, organizadas pola USC e financiadas pola FECYT, que xuntou en Santiago a catro expertos sobre esta problemática. José M. Mulet e Francisco García Olmedo foron os favorables aos transxénicos, mentres que Blanca Ruibal e José Manuel Yela representaban aos que se opoñen aos mesmos. Estas foron as posición de ámbolos dous bandos sobre algunhas das cuestións máis ferventes sobre os transxénicos…

Son seguros os transxénicos na alimentación?

José M. Mulet (Profesor titular de Biotecnología na Universidad Politécnica de Valencia): Son seguros e demóstrao o feito de que nunca houbo un problema con eles. Os transxénicos superaron máis probas que calquera outro alimento. Algúns din que os transxénicos xeran problemas de alerxia pero o certo é que antes de saír ao mercado hai que demostrar que non son alérxenos, o que non ocorre con alimentos que non son transxénicos. Isto ocorreu, por exemplo, co kiwi que se introduciu en Galicia na década dos 80 e non se fixeron probas para permitir a súa comercialización. Tempo despois descubriuse que algunhas persoas eran alérxicas a estes kiwis. Cun transxénico isto non sería posible porque non sería aprobado.

Francisco García Olmedo (Catedrático e Investigador en Ingeniería Genética na Universidade Politécnica de Madrid): Nunca na historia se esixiron tantas probas coma aos transxénicos. O procedemento de avaliación dos transxénicos é tan caro que moitos países pobres non poden facelos e iso beneficia as empresas multinacionais coma Monsanto, que ten moitos cartos para isto. Algún día pode haber un problema cos transxénicos e será solventado, pero ata o de agora nunca pasou.

Blanca Ruibal (Enxeñeira agrónoma e membro de Amigos da Terra): O primeiro que hai que preguntarse e como se avaliaron e quen avaliou os transxénicos. O certo é que en Estados Unidos non foron avaliados e en Europa os avalía a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria cos datos que lle envía a industria. Se houbera algún problema cos transxénicos en Estados Unidos non o saberíamos porque os alimentos que os levan non son etiquetados coma tales. A verdade é que non hai un consenso científico sobre a seguridade dos transxénicos e a OMS di que hai que seguir investigando e que non hai seguridade absoluta.

Un momento do evento Regueifas de Ciencia.
Un momento do evento Regueifas de Ciencia.

Causan prexuízos os transxénicos ao medio ambiente?

José Luis Yela (entomólogo e profesor titular de Zoología y Biología de la Conservación na Universidade de Castilla La Mancha): Os transxénicos teñen repercusións negativas sobre o medio ambiente, coma o feito de que haxa cultivos tradicionais que poden contaminarse con polen procedente de cultivos transxénicos.

José M. Mulet: O certo é que no proceso de autorización dos transxénicos prohíbese que podan hibridar coas outras plantas. O problema da hibridación tamén sucede entre plantas non transxénicas, por exemplo pasa cos distintos tipos de laranxas que hai en Valencia.

Francisco García Olmedo: A maior agresión ao medio ambiente por parte da agricultura ven pola ocupación do solo. Se ocupas máis solo para producir vas a xerar máis impacto. Os transxénicos permiten producir alimento con menor ocupación do solo, menor utilización de produtos fitosanitarios e menor uso da enerxía. O crecemento constante da poboación mundial fai que haxa que incrementar a produción de alimentos e os transxénicos facilitan moito isto.

Blanca Ruibal: O principal efecto dos transxénicos é a tolerancia ao herbicida e en países coma Estados Unidos, Brasil e Arxentina aumentou a aplicación de herbicidas pola gran expansión de cultivos de soia transxénica. Hai outras vías para facer fronte ao aumento da poboación mundial que non pasan pola extensión dos cultivos transxénicos.

É realmente necesario o uso dos transxénicos na agricultura?

José M. Mulet: Os transxénicos son unha ferramenta, os que queiran poden utilizala. A utilización dos mesmos beneficiou moito a pequenos e medianos agricultores de rexións pobres coma Sudamérica ou a India. Eles conseguiron aumentar a súa produción coa mesma cantidade de terra. O exceso de controis sobre os transxénicos en Europa fai que outros países se aproveiten desta circunstancia.

Francisco García Olmedo: Máis do 90% dos usuarios dos transxénicos son pequenos agricultores de países en desenvolvemento. A superficie cultivada de transxénicos en pequenas explotacións supera a das explotacións industriais.

José Luis Yela: Hai moitas publicacións que indican que a produción non aumenta signficativamente co uso dos transxénicos; faino ao principio pero logo non segue a aumentar polos problemas asociados ás pragas. Os pequenos agricultores usan os transxénicos porque se atopan en mans das multinacionais que lles venden os transxénicos e acaban sendo dependentes deles.

Francisco García Olmedo: Ninguén obriga a un agricultor a usar transxénicos, os utiliza cando lle convén.

Existen alternativas ao uso dos transxénicos na agricultura?

Blanca Ruibal: O 75% das explotacións do mundo teñen menos de media hectárea; o que os agricultores precisan é terra, non transxénicos. Hai terra dabondo no mundo pero está nas mans dun determinado xeito de produción. Pode que a tecnoloxía dos transxénicos teña un papel cando coñezamos máis sobre ela, mentres tanto hai alternativas sen risco coma a Agroecoloxía, unha disciplina que non ten que ver coa agricultura ecolóxica que é outro tipo de industria. A Agroecoloxía ten en conta a equidade e iso debería ser o camiño a emprender no futuro.

José M. Mulet: Cando se fala de dar máis terra aos agricultores non sei se estamos a falar de seguir deforestando o Amazonas, por exemplo. A Agroecoloxía non é unha ciencia. A comida é un dereito non un privilexio e os produtos ecolóxicos só os poden consumir os que teñen un determinado poder adquisitivo. A tecnoloxía transxénica é barata e por iso se utiliza moito nos países pobres.

Francisco García Olmedo: A agricultura ecolóxica necesita máis solo e máis cartos para producir. O prezo dos alimentos caeu nos últimos 40 anos pero nos últimos tempos está inestable e cada vez que hai unha suba supón que se quedan sen comer moitos millóns de persoas. O reparto da terra non é unha solución, o que hai que facer é producir alí onde se atopan as necesidades.

Blanca Ruibal: Outro problema o representan os mercados porque non hai que esquecer que unha persoa pode comprar en Chicago toda a produción de grao dun ano de Ucrania, por exemplo. Contra iso a solución non son os transxénicos nin a Agroecoloxía dende logo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.