Un anticiclón no Atlántico despraza a Galicia o aire frío do interior de Europa

Viana do Bolo experimenta 6,4 graos baixo cero, a temperatura mínima máis baixa rexistrada no país durante a pasada noite

As fortes chuvias das últimas semanas, ocasionadas polas borrascas Gérard e Fien, deixan paso ás altas presións. Un anticiclón situado no Atlántico, entre as Azores e Galicia, traerá tempo estable na península de cara aos vindeiros días. Porén, o seu movemento cara ás illas Británicas e Escandinavia está a desprazar unha masa de aire frío do interior de Europa. Así, esta semana predominará outra habitual estampa invernal: temperaturas baixo cero que se traducen nun frío intenso en boa parte de Galicia. De feito, Viana do Bolo experimentou -6,4ºC durante esta noite, converténdose na mínima máis baixa de todo o país.

Segundo explica a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o anticiclón favorece un ambiente estable, que vén acompañado de ceos despexados e vento frouxo. Isto provoca que se produza un arrefriamento noctuno da superficie, que se transmite a capas baixas da atmosfera, producíndose xeadas e inversións térmicas. A isto hai que sumar que, pola posición do anticiclón, está a chegar aire moi frío do interior de Europa. Polo que ao propio proceso de arrefriamento “autóctono” hai que engadir que o aire que se sitúa sobre a península xa é frío en orixe.

Publicidade

A situación manterase estable ata este xoves, cando se agardan chuvias

As zonas do interior de Galicia experimentaron o frío máis intenso durante a pasada madrugada. Ademais de Viana do Bolo, os municipios de Baltar, Verín e Xinzo de Limia viron descender significativamente os mercurios, con -5,8, -5 e -4,7 respectivamente. De igual maneira, o termómetro tamén descendeu a 5,2 graos baixo cero en Sarria. De feito, Meteogalicia activa o aviso amarelo para este martes no sur de Ourense, entre as 00.00 horas e as 9.00 horas, por temperaturas mínimas inferiores a -4ºC.

Tal e como prognostica a AEMET, a situación prolongarase ata o mércores con lixeiros cambios. O ambiente será frío nas horas centrais do día, aínda que a sensación térmica non será tan desagrable como co temporal ocasionado polas borrascas Gérard e Fien, dado que brillará o sol e os ventos soprarán frouxos. “Estamos ante os días máis fríos do inverno”, recolle a canle de Twitter da AEMET. A situación tamén se manterá estable en Galicia ata o xoves, cando se agardan chuvias puntuais. O venres xa se recuperará a estabilidade, que segundo os prognósticos actuais se manterá de cara á fin de semana.

Publicidade

É a primeira onda de frío do inverno?

De momentos, os servizos de meteoroloxía descartan denominar esta situación como “onda de frío”. “Teriamos que ter temperaturas mínimas entre o 5% das máis baixas rexistradas en xaneiro e febreiro entre 1971-2000 no 10% do territorio durante alomenos tres días consecutivos”, explican dende a AEMET. Seguindo eses criterios, e atendendo á predición actual de cara aos vindeiros días, non semella que a situación ocasionada polo anticiclón do Atlántico vaia derivar nunha onda de frío. No que caso de que así ocorra, non semella que esta primeira vaga do inverno, e do ano, vaia ser unha situación anómala, nin especialmente intensa ou extensa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos