Altas concentracións de PCB ameazan a golfiños e candorcas

Baleas, golfiños, candorcas, toniñas… Todos son cetáceos e todos están contaminados, en maior ou menor medida, por bifenilos policlorados (PCB), un composto químico sintetizado en laboratorio a partir de cloro, carbón e hidróxeno que foi prohibido en 1977 pola súa elevada toxicidade. Case 40 anos despois a súa presenza aínda pode atoparse en elevadas concentracións en especies de candorcas e golfiños que viven en augas europeas, o que compromete a súa viabilidade, segundo un estudo coordinado pola Sociedade Zoolóxica de Londres coa participación dunha institución galega: a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que achegou once mostras de tecidos de arroaces varados na costa galega.

Os científicos analizaron a acumulación de PCB na graxa dun total de 1.081 mostras de cetáceos, o que permitiu confirmar que as candorcas e golfiños son os máis afectados. Pero o grao de concentración de bifenilos policlorados depende tamén das zonas onde se localizan este tipo de mamíferos. Os puntos críticos sitúanse nas áreas centrais e do oeste do Mediterráneo e no suroeste da península ibérica, entre o golfo de Cádiz e o estreito de Xibraltar, xa que nos cetáceos destas áreas detectáronse concentracións por encima dos 40 miligramos por quilo.

Publicidade

Aínda que foron prohibidos hai 40 anos, continúa a presenza de PCB nos mamíferos mariños

O máis sorprendente, con todo, é que a afección dos animais mariños siga sendo moi alta case catro décadas despois da prohibición dos PCB. Assumpció Borrel, do Instituto de Investigación da Biodiversidade da Universidade de Barcelona, institución que participou no estudo salienta que as concentracións de PCB son agora menores que as dos anos 1980 e 1990 “pero aínda se atopan por riba do límite que se considera perigoso para os depredadores mariños, principalmente os golfiños e as candorcas”.

Paul Jepson, o autor principal do estudo, advirte que o nivel de concentración desta sustancia química en augas europeas é, probablemente, o máis alto que se rexistra nos océanos do mundo. “A contaminación é tan alta que algunhas poboacións de candorcas se enfrontan á extinción“, dixo.

Publicidade

En concentracións elevadas, os bifenilos policlorados son potentes inmunodepresores, que interferen na reprodución e o crecemento dos animais e provocan problemas hepáticos e hormonais. No Mar Mediterráneo, de feito, a alta acumulación deste axente tóxico estivo detrás da mortaldade de golfiños listados que tivo lugar nos anos 1990 e 1991, nos que pereceron miles de exemplares. Pero, por que este problema afecta ós grandes animais mariños? Primeiro porque son bioacumuladores e, segundo, porque é ao mar onde foron a parar os restos de PCB, despois de ser arrastrados da terra pola choiva e os ríos aos océanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións