A USC estuda o hipotálamo a través do cerebro dos tiburóns

Máis alá das acepcións e metáforas que se podan construír arredor deles, humanos e tiburóns comparten afinidades, ambos son gnatóstomos, un dos grupos máis ancestrais dos vertebrados mandibulados. Este é un dos motivos polos que Gabriel N. Santos Durán estudou na súa tese de doutoramento o desenvolvemento e evolución do hipotálamo usando como modelo o melgacho ou ‘ pintarroja’. Concretamente, utilizou unha aproximación xenoarquitectónica comparando os datos do melgacho cos doutros vertebrados. A análise revela cómo os mesmos elementos combinados de distinta forma ao longo da evolución condicionan morfoloxías diferentes nos seres vivos e, en opinión do investigador, axuda a avanzar na compresión de por qué organismos vivos chegan a ser diferentes a pesar de posuír xenes similares.

Humanos e tiburóns comparten afinidades: ambos os dous son gnatóstomos

Os resultados da tese, cualificada con sobresaliente cum laude, apunta variacións na distribución espacial dos elementos que conforman a anatomía cerebral. “Isto é importante porque se a combinación espacial de xenes non é a mesma, as propiedades morfoxenéticas do hipotálamo ao longo da súa evolución serán diferentes”, explica Gabriel Santos Durán. Á vista dos resultados recompilados, Santos Durán sinala que “a distribución dos xenes no espazo –neste caso, na cabeza- engade un grao de variabilidade que se manifestará na evolución do ser vivo en cuestión difícil de identificar na secuencia de xenes”.

Publicidade

O investigador xustifica o estudo concreto do hipotálamo pola súa importancia para os seres vivos, “unha estrutura clave para os vertebrados xa que está implicada na elaboración de respostas fundamentais para a supervivencia do individuo (beber, comer, regular a temperatura,…) e das especies (apareamento, coidado parental ou defensa do territorio, entre outras)”. O estudo a partir do melgacho deriva da súa consideración como “un modelo emerxente que representa os vertebrados basais e complementa en vantaxes o pez cebra, o modelo de pez comunmente utilizado en biomedicina e neurociencias”. Ademais caracterízase por un desenvolvemento embrionario lento, de entre seis e oito meses, fronte os tres días do peixe cebra, “o que permite facer unha análise máis detallada do proceso”.

Embrión e alevín de tiburón empregados na investigación.
Embrión e alevín de tiburón empregados na investigación.

O traballo de Gabriel Santos Durán inclúese na actividade do grupo de investigación da USC Brainshark, que estuda a evolución do sistema nervioso baixo o enfoque ‘evo-devo’ (do inglés ‘ evolutionary development biology’), usando como organismo modelo o tiburón Scyliorhinus canicula. A aproximación ‘evo-devo’ sostén que as claves para entender tanto a anatomía dun órgano como a súa evolución están no seu desenvolvemento embrionario. “Visto doutro modo –explica Gabriel Santos- se os organismos chegan a ser diferentes é porque o seu desenvolvemento é diferente, entre outras razóns. Por un lado, os xenes implicados no desenvolvemento condicionan a formación da estrutura adulta e, por outro lado, ao longo da evolución, existen diferenzas nos xenes expresados durante o desenvolvemento que condicionan as diverxencias observadas nas estruturas adultas”.

A profesora Eva Candal Suárez coordina o grupo de investigación BrainShark, da USC

A partir deste enfoque, o grupo que coordina a profesora Eva Candal Suárez estuda a expresión de xenes implicados no desenvolvemento do cerebro do melgacho, tales como factores de transcripción e moléculas sinalizadoras, comparándoas coas doutras especies. Gabriel Santos explica que “estes xenes determinan propiedades morfoxenéticas, proliferación, migración e diferenciación celular do cerebro en formación”. O traballo que desenvolve o equipo da USC mantén unha colaboración neste eido co grupo liderado pola investigadora Sylvie Mazán, do Instituto de Ciencias Biolóxicas do CNRS (París), que se encarga da secuenciación do xenoma do melgacho e apoia coa identificación de xenes homólogos noutros vertebrados.

A tese de doutoramento de Gabriel Santos Durán, dirixida por Eva Candal e Isabel Rodríguez-Moldes levaba por título ‘Development and evolution of the vertebrate hypothalamus: evidences in chondrichthyans’. Aínda que centrada nun aspectos concreto da anatomía do cerebro e condicionado polos límites do modelo animal empregado, o doutor Santos considera que o estudo transcende estas fronteiras xa que “entender a evolución do cerebro é importante para entender a diversidade biolóxica e a complexidade do sistema nervioso, o que pode resultar de suma importancia para outras áreas científicas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto europeo busca reducir a captura accidental de especies protexidas no Atlántico

Investigadoras do IEO liderarán un dos casos de estudo dirixido a mitigar a captura de quenllas e tiburóns nas pesqueiras de atún

Santiago rexistrou máis de 2.300 horas de Sol en 2023, a segunda marca máis alta do século

A chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máxima foron os máis de 36 graos do pasado 8 de agosto

A calidade do aire en Santiago, no límite das recomendacións da OMS segundo un estudo

ConBici presenta os resultados dun proxecto no que colabora a USC e que mediu a calidade do aire en 18 cidades españolas durante dous anos

O falso mito das casas galegas de pedra: cando os muros eran brancos

Hai 100 anos, as vivendas galegas cubríanse de cal por cuestións hixiénicas e de illamento térmico, pero unha nova corrente estética do século XX reverteu a tendencia