
A explosión estelar ou supernova ASASSN-15lh, que estalou a 3.800 millóns de anos luz da Terra, batíu o récord de luminosidade observado ata agora neste tipo de obxectos. Durante o seu pico de intensidade chegou a brillar 570.000 millóns de veces máis que o Sol. Descoñécese que misteriosa fonte de enerxía é capaz de desencadear unha explosión tan colosal.
En astronomía é habitual que se superen os récords de distancia, tamaño, enerxía e outros parámetros dos corpos celestes, pero agora os científicos quedaron atónitos ante o brillo alcanzado polo que consideran unha supernova, que xa constitúe, de seu, un dos eventos máis poderosos do universo. A explosión estelar que observaron é 200 veces maior que a das supernovas típicas, e a súa luminosidade dobra o récord anterior detectado nestes obxectos.

No seu pico de intensidade, a supernova ASASSN-15lh brillou 570.000 millóns de veces máis que o Sol, e case 50 veces máis que toda a Vía Láctea. Isto supón un nivel de luminosidade equivalente a vinte veces o que producirían xuntas os 100.000 millóns de estrelas da nosa galaxia. O sorprendente achado confírmase esta semana na revista Science.
Os científicos non entenden un fenómeno tan extremo e especulan coa súa orixe nun magnetar
“ASASSN-15lh é a supernova máis potente descuberta na historia humana”, destaca o autor principal, Subo Dong, profesor no Instituto Kavli de Astronomía e Astrofísica (KIAA) da Universidade de Pequín (China). Esta explosión sen precedentes considérase un exemplo destacado das denominadas “supernovas superluminosas“, unha rara variedade de supernovas que aparecen tras morrer algunhas estrelas. Neste caso trátase dunha das máis próximas xamais vista, a uns 3.800 millóns de anos luz de distancia.
Con todo, os científicos están francamente perdidos con respecto a que tipo de estrelas e escenarios poderían ser responsables destas supernovas tan extremas. “O mecanismo e a fonte de enerxía da explosión seguen a ser un misterio, porque todas as teorías coñecidas se enfrontan a graves desafíos para explicar a inmensa cantidade de enerxía que ASASSN-15lh irradiou”, apunta Dong.
Unha das hipóteses máis aceptadas é que a enorme enerxía das supernovas superluminosas vén de magnetares, estrelas de neutróns altamente magnetizadas que viran moi rápido e se supón que son os núcleos hipercomprimidos resultantes de estrelas masivas que estouraron.
Con todo, ASASSN-15*lh é tan potente que este escenario do magnetar non acadaría as enerxías necesarias. Os investigadores pregúntanse como un obxecto do que especulan que podería ter pouco máis de 17 quilómetros de ancho no seu centro pode desencadear unha explosión máis brillante que a Vía Láctea.
“A resposta honesta é que non sabemos cal pode ser a fonte de enerxía de ASASSN-15lh”, recoñece Dong, que adianta: “Este obxecto pode axudar a expor novas ideas e observacións do grupo das supernovas superluminosas, e esperamos que podamos descubrir moito máis nos próximos anos”.














