Un xantar coas focas, os mamíferos mariños de ollos chorosos

O Aquarium Finisterrae da Coruña recibe cada fin de semana a pequenos e maiores que queren coñecer a vida cotiá destes animais

O menú é sempre o mesmo: xardas, arenques e capeláns e complementos vitamínicos se é necesario. A hora, inamovíbel: as doce en punto. Pero os sábados e os domingos, Toño e Bruno, os coidadores das doce focas que viven nas piscinas exteriores do Aquarium Finisterrae da Coruña, contan coa axuda dos visitantes para darlles de comer.

Esta actividade coa que o acuario dos Museos Científicos Coruñeses quere dar a coñecer o seu traballo e divulgar a importancia da fauna mariña, comeza sempre polas explicacións dun monitor didáctico. É entón cando o grupo descobre algunhas das características máis curiosas das focas do centro, todas de porto, tamén chamadas vitulinas.

Publicidade

Os machos adoitan ser de maior tamaño que as femias. Desprázanse grazas ás súas patas traseiras onde teñen os dedos unidos por membranas interdixitais, conseguen manterse debaixo da auga ata corenta minutos sen respirar, dormen flotando como unha boia en períodos curtos e só van a terra para ter as súas crías.

“Cando as vexades de preto fixádevos nos seus ollos. É como se estiveran sempre chorando porque teñen unha secreción lacrimal moi densa para protexer a vista, ter os ollos sempre humedecidos”, explica o monitor.

O pase de diapositivas require JavaScript.

As patas de diante sérvenlles de temón e os bigotes, con terminacións nerviosas, axúdanas a comunicarse entre elas e detectar ás súas presas debaixo da area, de noite ou en augas turbias.

Asustadizas pero moi sociables

Antía, Sabela, Petra, Hansy, Altair ou Fermín son os nomes dalgunhas das focas que viven hoxe no Aquarium Finisterrae. As máis veteranas chegaron desde Alemaña ou Holanda coa apertura do centro a finais dos 90 pero tres delas xa naceron na Coruña.

As focas son asustadizas aínda que moi sociables, asegura Carlos García, técnico de bioloxía mariña do centro quen coñece ben ás nove femias e os tres machos do acuario. “A verdade é que son moi desconfiadas e calquera cousa lles chama a atención, como unha cor estridente ou rara. Nese caso procuran non saír á superficie. Pero a min parécenme uns animais sociables porque interactúan con nós e incluso cos nenos da visita que non as poden tocar por precaución pero de seguro que elas deixaríanse acariciar”, afirma.

Desde unha plataforma ao pé da piscina, os nenos axudan a darlle os peixes ás focas, que reclaman a súa comida batendo coas patas o chan

Desde unha plataforma ao pé da piscina, os nenos da visita, abraiados e sen moverse moito por indicación dos coidadores, axudan a darlle os peixes ás focas que, impacientes e divertidas, reclaman a súa comida batendo coas patas o chan. Á hora do xantar, Toño e Bruno tamén lle fan un adestramento para que podan concentrarse e deixarse manipular cando teñen que pasar revisión médica.

“O seu maior problema é cando se fan maiores e perden a capacidade de conseguir o alimento suficiente para sobrevivir, como todos os animais salvaxes. Empezan a ter problemas nutricionais e despois todo vai en cadea”, explica Carlos García.

O ser humano é a súa maior ameaza

As focas tamén teñen os seus depredarores xa que forman parte da dieta doutros animais como os tiburóns brancos ou os osos polares. Un perigo que non corren no acuario da Coruña onde reciben todo tipo de coidados.

Aínda así, na visita lémbrase que a principal ameaza destes animais segue sendo o ser humano. A contaminación, golpes de barcos e, sobre todo, a caza ilegal son os seus maiores inimigos.

Cada ano aparecen na costa galega algúns exemplares de crías, sobre todo de focas grises, desorientadas polos temporais que sacoden o Atlántico. “Se atopamos algunha o que hai que facer é chamar ao 112 ou á Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) que se encargarán de recollela e coidala ata que a poidan liberar”, aconsella o biólogo mariño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:01:34

O delicado proceso da captura da sardiña: así se trasladan ao Aquarium Finisterrae

O acuario coruñés comparte un vídeo divulgativo para que os usuarios comprendan como é a recolección no mar desta especie e o seu coidadoso traslado ás instalacións

O gabinete do Capitán Nemo máis espectacular, no Aquarium da Coruña

Un vídeo feito polos traballadores do Aquarium Finisterrae amosa a Sala Nautilus dende a perspectiva dos peixes que nadan ao seu redor

Dende 26 ata 15 anos: as nove focas do Aquarium que están de aniversario

A meirande parte de exemplares do museo coruñés sopra as velas entre o 2 e o 10 de xullo, datas que coinciden co seu ciclo reprodutivo

Visita guiada no Aquarium polo Día Internacional da Diversidade Biolóxica

O persoal educador do centro coruñés guiará aos visitantes nunha experiencia que terá a biodiversidade mariña como tema principal