Sábado 9 Decembro 2023

Queres levar o teu cole aos MC2? É o momento!

Os Museos Científicos Coruñeses ofrecen a posibilidade, en varios supostos, que o alumnado poida coñecer gratis as instalacións durante o curso

A volta das vacacións de Nadal, a visita aos Museos Científicos Coruñeses (Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae) pode ser un gran plan para que alumnos e mestres pasen unha xornada divertida e aprendendo ao mesmo tempo. E de balde! Durante os meses de xaneiro e febreiro, os centros educativos que o desexen, desde Infantil ata Bacharelato, poden visitar as instalacións de xeito gratuíto, e acceso tamén de balde ao Planetario e ao Cinema Domus, que adoitan ter un suplemento na entrada aos respectivos museos.

É unha iniciativa que, desde hai anos, fomenta a organización dos museos para fomentar o coñecemento e a ciencia entre mozos e mozas de toda Galicia. A gratuidade esténdese durante o resto do ano aos centros educativos do concello da Coruña e os centros socios da Asociación de Amigos Casa das Ciencias, pero en xaneiro e febreiro tamén poden acceder a ela outros colexios. Do mesmo xeito, no resto do curso, se o profesorado accede ás reunións preparatorias que se celebran os martes lectivos, ás 16.30 en cada museo, o seu grupo tamén poderá acceder de balde.

Publicidade

Estas reunións están destinadas a planificar mellor a visita e adaptar os contidos ás características de cada grupo. E ademais de poder entrar de balde, a coordinación dos MC2 entrégalles material didáctico aos grupos.

Os museos

A visita estimada a cada un dos MC2, sen contar as actividades especiais, é de 1 hora na Casa das Ciencias, 1 hora e media na Domus e 2 horas no Aquarium Finisterrae. Alén da visita ‘estándar’, estas son algunhas das experiencias que poden gozar os mozos e mozas nos museos.

Casa das Ciencias

Para todos os niveis educativos, sesións de planetario adaptadas a diferentes idades e visitas ás salas de exposicións. Todas con módulos interactivos nos que explorar fenómenos sorprendentes, realizar investigacións e buscar as túas propias respostas.

Domus

Mostra do ADN con guías telefónicas Foto: mc2 Coruña
Mostra do ADN con guías telefónicas
Foto: mc2 Coruña

Claqueta científica. O cinema da Domus diversifica a súa oferta con novos filmes. Cada mes unha nova selección de tres curtas científicas sobre temas que irán desde o medio ambiente ata a investigación de fósiles ou as vocacións científicas.

-Laboratorio Aberto. Un espazo para vestir a bata de laboratorio, poñer as lentes de seguridade e manexar os instrumentos que utilizan os científicos no seu día a día, desde micropipetas a centrifugadoras, pasando por axitadores, básculas, tubos e moito máis. Consulta aquí os talleres que vos ofrecemos.

-maker@domus. É o espazo da Domus para internarse na cultura “maker” e facer tecnoloxía por ti mesmo. Unha oportunidade única para comezar a “pensar coas mans”. Consulta aquí os talleres que vos ofrecemos.

Aquarium Finisterrae

-Visitas guiadas para alumnado de educación infantil e primaria. Un percorrido temático guiado polas diferentes salas do acuario.

-Talleres experimentais na Charca das Caricias para alumnado de educación secundaria. Empregando instrumentos científicos e recursos dixitais preséntanse aspectos curiosos da bioloxía dos peixes e invertebrados mariños do Aquarium.

-Charlas en directo na Sala Cornide para alumnado de bacharelato. Persoal científico da Universidade da Coruña expón en directo os últimos resultados dos seus proxectos de investigación.

Para todos os niveis educativos excepto educación infantilVisitas á zona técnica do Aquarium. Ofrécese a posibilidade de organizar visitas guiadas para grupos de 10-15 estudantes aos laboratorios e salas de filtración e corentena do Aquarium.

Para todos os niveis educativos:

-Alimentación de focas. Coincidindo co momento no que se lles dá de comer ás focas, impártense charlas sobre as características destes mamíferos mariños e sobre o adestramento veterinario que reciben.

-Visitas á zona técnica do Aquarium. Ofrécese a posibilidade de organizar visitas guiadas para grupos de 10-15 estudantes aos laboratorios e salas de filtración e corentena do Aquarium.

-OceanoSfera. Trátase dun proxector esférico no que se simulan fenómenos naturais que suceden a escala global. Contén dous programas sobre os efectos do cambio climático.

Os grupos escolares poden acceder tamén a outras sesións especiais:

Cinema Domus (20 min). Horario: 10:00, 11:30, 13:00, 16:00 e 17:00 (xaneiro-febreiro). 10:00, 11:30, 13:00, 16:30 e 18:00 (resto do curso). Capacidade: 116 prazas

Planetario (Casa das Ciencias, 45 min). Horario: 10:00, 11:30, 13:00, 16:00 e 17:00 (xaneiro-febreiro). 10:00, 11:30, 13:00, 16:30 e 18:00 (resto do curso). Capacidade: 79 prazas

Obradoiros na Domus. Talleres no Laboratorio Aberto (hora e día a escoller, máx. 32 alumnos/as). Ver días.

Visitas animadas: Aquarium Finisterrae: Falando con peixes (luns, mércores e venres, ás 11.30, máx. 50 alumnos/as). Charlas divulgativas (Bacharelato).

Tamén se ofrece a posibilidade de comer nos museos, co picnic na Domus, con comida propia, en quendas de 80 persoas e 45 minutos como máximo, en horarios de 12:00, 13:00, 14:00 e 15:00 h ou no Restaurante Domus (teléfono 981 201 136); ou na Cantina de Ultramar, do Aquarium Finisterrae (Teléfono 981 217 682).

Neste comezo de ano, os alumnados poden coñecer tamén nos museos coruñeses as novidades que ofrecen: “Máis alá do Sol”, unha nova proxección do Planetario, e “Sexo azul” e “Solarigrafía”, dúas exposicións instaladas, respectivamente, no Aquarium e na Casa das Ciencias, achegan máis alicientes para coñecer as instalacións.

Toda a información sobre as Visitas Escolares de balde aos Museos Científicos Coruñeses, na súa web.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario

Exposicións, obradoiros, rutas e premios: as outras actividades divulgativas de Gciencia

O portal da ciencia galega emprendeu ao largo da súa traxectoria numerosas actividades para sacar a divulgación á rúa