O Planetario dos Museos Científicos Coruñeses, na Casa das Ciencias, despide o 2018 e dá a benvida ao 2019 cunha nova proxección. “Máis aló do Sol”, unha obra que inclúe técnicas de animación 3D e proxección de ceo estrelado.
A protagonista do novo programa de planetario da Casa das Ciencias é Celeste, unha nena afeccionada á astronomía que recibe unha visita inesperada para viaxar máis aló do Sistema Solar. Durante o percorrido descobre que, do mesmo xeito que o Sol, hai moitas outras estrelas rodeadas tamén por planetas. Hainos grandes e pequenos, gasosos e rochosos, secos ou cubertos completamente de auga. E algúns mesmo vagan solitarios polo universo.
Máis aló do Sol é unha aposta por levar os últimos descubrimentos da astronomía ao público infantil. A produción aproveita a capacidade dos modernos proxectores dixitais do planetario da Casa das Ciencias para mergullar aos espectadores nunha historia inmersiva que transcorre en paisaxes astronómicas recreadas con minucioso detalle. A proxección dura 25 minutos, e haberá pases a diario ás 17 horas desde hoxe.
Máis aló do Sol é un audiovisual para proxección en cúpula inmersiva de planetario producido por Render Area, baixo a dirección de Javier Bollaín. O proxecto conta coa colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, o Planetario de Pamplona, o Parque das Ciencias de Granada e a Fundación la Caixa.
Carteleira do Planetario:
Ata o 31 de decembro: Todos os días
12:00 A noite do vampiro (infantil, galego). (Excepto último sábado de mes)
13:00 Deep Sky (castelán).
17:00 Máis aló do Sol (infantil, castelán).
18:00 A noite é necesaria (galego).
Ata o 7 de xaneiro:
Luns a venres
12:00 A noite do vampiro (infantil, galego). (Excepto último sábado de mes)
13:00 Deep Sky (castelán).
17:00 Máis aló do Sol (infantil, castelán).
Sábados, domingos e festivos
12:00 A noite do vampiro (infantil, galego). (Excepto último sábado de mes)
13:00 Deep Sky (castelán).
17:00 Máis aló do Sol (infantil, castelán).
18:00 A noite é necesaria (galego).
Os últimos sábados de mes (neste caso, este 29 de decembro) hai dúas sesións gratis especiais en directo:
11.00 O ceo para informados. Para profundar nos coñecementos astronómicos.
12.00 O ceo do mes. Para iniciarse na observación do ceo.














