O equipamento do planetario da Casa das Ciencias acaba de renovarse despois de 14 anos dende a súa última actualización. Agora conta cun novo sistema de proxección dixital que ofrece “unha experiencia de inmersión moi superior” á do sistema que substitúe, grazas á mellora na potencia dos ordenadores e as tecnoloxías de proxección. Desde agora o planetario conta con proxectores de tecnoloxía LED e o software Digistar 7, desenvolvido pola empresa americana Evans&Sutherland, o que proporcionará unha experiencia con maior resolución e imaxes máis reais para trasladarnos a outros planetas ou viaxar polo universo.
O planetario mantén ademais o seu emblemático proxector analóxico de estrelas Zeiss, que convivirá co novo sistema dixital e chegará a complementalo nalgunhas sesións.
Primeiras sesións
Nestes primeiros días de funcionamento a carteleira do planetario incluirá sesións en directo, nas que descubrir os recursos do novo sistema, e tamén a proxección dos programas Polaris, Llévame a la Luna e El cielo de Cloe. Nas sesións en directo, o persoal do planetario explícalle ao público os obxectos celestes que se poden ver na noite estrelada de cada época do ano, agora cun sistema que permite achegarse a eles como nunca ata agora na Casa das Ciencias.
