Sábado 27 Abril 2024

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

O biólogo André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados dos hábitats do deserto do Sáhara e o seu veciño meridional, o Sahel. A súa tese levoulle cinco anos de traballo e proporciona coñecemento de vangarda sobre a fauna destas rexións. A investigación permitirá desenvolver estratexias para preservar a biodiversidade dos desertos do norte de África nun contexto de extinción masiva de especies. O biólogo estudaba en Brasil cando decidiu empezar o doutoramento no Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos da Universidade de Porto (CIBIO). “Foi a necesidade de volver preto da casa e querer continuar coa carreira”, explica. Agora, Liz acaba de ser galardoado co Premio de Investigadores Graduados GBIF.

O Sistema Global de Información sobre Biodiversidade (GBIF polas súas siglas en inglés) é unha rede internacional de datos financiados polos gobernos do mundo para dar “acceso aberto a datos sobre todas as formas de vida na Terra”. O Premio de Investigadores Graduados é un programa anual destinado a fomentar a investigación innovadora e ofrece premios a dous estudantes de posgrado. Este ano os galardóns foron para André Vicente Liz e Dorothy Akoth, estudante ugandesa que abordou o estado de ameaza de 110 especies de peixes nativos fóra da tribu Haplochromine, dos cíclidos de África Oriental. Liz e Dorothy Akoth, da Universidade de Makarere, reciben un premio de 5.000 euros.

Publicidade

Un xurado de expertos seleccionou a Liz pola súa “análise integrada dos patróns de distribución xenética e espacial de 107 especies de vertebrados que viven no deserto do Sáhara-Sahel”. O investigador encargouse de xestionar o ámbito do impacto do cambio climático na persistencia dos vertebrados, reparando na xenética das especies e outras sinais ecolóxicas. Recompilou datos dunha ampla gama de fontes e integrou o traballo do seu grupo de investigación de Porto e diversos colaboradores ao longo de 20 anos. Todo o material poderá axudar na toma de decisións para a conservación de biodiversidade nunha zona tan extrema como é o deserto.

“Vaise volver moi complicada a vida nestes lugares. Identifiquei certas áreas de prevención”

ANDRÉ VICENTE LIZ, investigador
O investigador André Vicente Liz.

“Vaise volver moi complicada a vida nestes lugares. Identifiquei certas áreas de preservación”, explica. Entre as máis de 100 especies que analizou, atópanse organismos máis adaptados aos ambientes de extrema aridez. Como por exemplo, as víboras do deserto do xénero Cerastes, algúns antílopes ou os raposos fénec. Mais tamén, traslada Liz, especies afins a hábitats relativamente húmidos que sobreviven na periferia do deserto e en montañas illadas do Sáhara Central, como os ourizos ou algúns anfibios. Ou tamén, animais que foron capaces de soportar estas condicións, como as xirafas e os babuínos.

Estudante da USC

André Vicente Liz graduouse en bioloxía e xeografía pola Universidade de Santiago (USC). Fixo un Erasmus na Universidade dos Azores, onde xermolou o seu interese pola biodiversidade a través da ciencia, as vivencias no campo e a interacción multicultural. Estivo tres anos nos programas de mestrado Erasmus Mundus, o que o permitiu estudar na Universidade Federal do Rio Grande do Sul en Porto Alegre (Brasil) e comezar a investigar. En 2018 empezou o doutoramento en Porto grazas a unha bolsa doutoral do goberno portugués. Cino anos despois, ese traballo é galardoado cun premio internacional.

A investigadora do CIBIO Silvia Carvalho apunta que este premio “é un recoñemento ben gañado polo seu espléndido traballo e o seu destacado potencial como investigador que non ten medo de afrontar novos desafíos”. A investigación de Liz aproveita máis de 21.000 observacións GBIF e úsaas para inferir na distribución de 325 liñaxes xenéticas confirmadas e para modelar as distribucións actuais e históricas da especie. “A metodoloxía permítenos avaliar o impacto das fluctuacións húmidas e secas na xeración e estruturación da diversidade xenética nos biomas de Sáhara-Sahel”, explica o biólogo galego.

Pola súa banda, Carlos Brito, investigador do CIBIO e supervisor da tese de Liz espera que o traballo do galardoado, que publicou xa tres artigos en revistas de alto impacto, “alcance un perfil similar”. E máis aló das ambicións académicas, a fin do traballo radica en conseguir protexer, de maneira eficaz, a biodiversidade única que existe no deserto e que está en risco polo cambio climático.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite