Coa visita dun grupo de escolares de 5 anos do CEIP de Prácticas da Coruña, Aquarium Finisterrae alcanzaba os 6 millóns de visitantes esta semana, desde que o museo abriu as súas portas por primeira vez, o 5 de xuño de 1999. Situado no Paseo Alcalde Francisco Vázquez, este centro público de ciencia dedicado á educación ambiental e á divulgación científica de temas mariños foi creado polo Concello da Coruña no verán de hai máis dúas décadas. As persoas que visitaron o Aquarium Finisterrae desde os seus inicios puideron coñecer os diversos atractivos que foi presentando, desde o medio centenar de exposicións temporais, ás actividades infantís Merendas no Aquarium ou Durmindo con Quenllas.
O Aquarium Finisterrae forma parte da rede de Museos Científicos Coruñeses. Un servizo do Concello que comprende tamén os outros dous museos de ciencia interactivos da cidade: Casa das Ciencias e a Domus. O seu obxectivo é ofrecer á cidadanía recursos asequibles para incorporar a ciencia ao seu día a día, de cara a comprender mellor o mundo no que vivimos. Entre as súas actividades incluense exposicións, talleres, cursos, conferencias, publicacións e outros eventos.
Descubrir a colección biolóxica
Sen dúbida, un dos principais atractivos do Aquarium é Gastón, o quenlla touro de 2 metros de lonxitude que vive no tanque da sala Nautilus desde o 10 de febreiro de 2006. Porén, as verdadeiras estrelas son a colonia de focas das piscinas exteriores. As dúas primeiras, Hansi e Petra, chegaron no ano 2000. Tres anos despois, a comezos do verán, nacían Deneb e Altair, as primeiras focas coruñesas.
Para coñecer a súa rutina diaria de primeira man, o Aquarium Finisterrae celebra en febreiro novas sesións da actividade Aventura coas focas, dirixida a maiores de 7 anos. Durante os 90 minutos que ocupa o taller de divulgación científica, de 11,00 a 12,30h, as persoas participantes visitarán a cociña do Aquarium, participarán na preparación dos alimentos e accederán ás plataformas exteriores onde se alimenta e revisa o estado destes mamíferos mariños.
Mamíferos que forman parte da colección biolóxica do Aquarium Finisterrae, composta tamén por exemplares de máis de 300 especies diferentes de peixes, invertebrados, anfibios, réptiles, algas e plantas. Son especies, na súa maioría, características dos ecosistemas mariños atlánticos, unha característica singular deste acuario dedicado a divulgar a vida mariña da súa contorna máis próxima.
O complexo museístico
O Aquarium Finisterrae atópase á beira do océano Atlántico, xunto ao histórico faro da Torre de Hércules. No museo, incluso a contorna natural da costa galega é unha parte máis. Xa por dentro, o Aquarium conta con catro salas de exposicións, cada unha con personalidade propia. A sala Isabel Castelo, dedicada a exposicións temporais con imaxes de natureza e medioambiente, renova o seu contido varias veces ao ano. De xeito parecido, a sala Humboldt resérvase para grandes exposicións temporais monográficas. Ademais de grandes acuarios, a sala Maremagnum acontén a OceanoSfera e decenas de elementos museísticos que propoñen experiencias interactivas, sendo o núcleo educativo do Aquarium.
Finalmente, e deseñada para ofrecer unha experiencia única, a decoración da sala Nautilus lembra á do gabinete do capitán Nemo a bordo do submarino do mesmo nome. Está mergullada nunha piscina de cinco millóns de litros de capacidade e ao redor dela nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as quenllas. Periodicamente ilumínase a zona central, que alberga unha colección de diversos obxectos antigos relacionados co mar.
Xa no exterior, as terrazas completan a oferta museográfica do Aquarium. Nelas atópase a áncora do buque petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 encallou fronte á Torre de Hércules provocando unha marea negra; o Xardín Botánico, con plantas do litoral galego; o Paraíso Mariño, que recibe auga do mar e no que viven tres machos de Phoca vitulina, e o Piscinarium, un espazo de gran volume onde se atopan nove femias da mesma especie de foca.